Os relatos que
enguedella Xaime Toxo neste volume constitúen un percorrido pola
vida e os seus instantes. Intres cheos de febleza que aparecen fiados
co invisible, coa ligazón daquilo que irrumpe nas nosas vidas para
provocar un xiro que as condiciona dun xeito irreversible.
MOVÉMONOS fronte ao
abismo. Situámonos ante a incerteza que acosa o noso devir. Un arame
invisible ao que Xaime Toxo ponlle palabra para plantexar toda unha
cartografía do humano a través dun mollo de relatos que pescuda alí
onde se nos fai inaccesible, onde os nosos comportamentos, fracasados
como especie, propoñen o noso naufraxio nun mar bruado polo vento da
inseguridade.
Os textos deste
‘Protexer o invisible’ ábrensenos alicerzados sobre dous fortes
piares. O primeiro deles, o que plantexa o relato inicial, o relato
do mar. Como non, dende o mar e polo mar, é dende onde Xaime Toxo
(Bueu, 1955) plantexa todos eses instantes de vida que se van
sucedendo nos seguintes relatos. Pero aquí, a carón do axóuxere do
mar, está todo: Compostela, Bueu, as sereas da imaxinación do
escritor, o cachalote branco do medo constante, e tamén a memoria e
a infancia. O segundo piar é o que pecha o libro, un relato, o máis
longo do conxunto, que se entende case como unha ‘nouvelle’. Un
texto de fuxida, de viaxe, é dicir, de literatura. Metáfora nun
libro de metáforas. Entre ambos, sitúanse pequenos textos, de moi
poucas páxinas pero nas que se condensa a capacidade do escritor
para transmitir esas sensacións do desasosego, do que se escapa da
nosa control e co que hai que loitar para tentar recuperar o timón,
abraiando por cómo, en tan breves textos, pódense enxerir tantos
aspectos da existencia.
Un tras outro o autor
xera unha atmosfera que te enlea dentro da súa propia vértixe, e
que se prolonga sobre todo o libro. Así ímonos asomando, un tras
outro, á sensación do abismo, a un punto límite que baliza a nosa
vida para poñernos, sinxelamente, ante nós mesmos, cando tantas
veces fuximos dese espello, lendo estes relatos o espello vólvese
cara a nós, obrigándonos a manter enfite esa mirada.
Falo do abismo do
diario, non o abismo co que a literatura do fachendoso pretende
teorizar tantas veces, senón dese outro abismo de ‘proximidade’
para o ser humano e coa aventura que supón afrontar cada día. Un
abismo que se converte en baleiro, estando as máis das veces non tan
lonxe, simpremente ao outro lado da cama. Este aspecto do próximo
confírelle ás historias a sensación do real, case do palpable, do
que se move entre nós e que vemos cada xornada. O relato pégase a
nós, e o facemos noso, demostrando, deste xeito, Xaime Toxo o seu
permanente compromiso coa persoa e con moitas das derivas ás que non
condeou esta sociedade que habitamos.
Ao longo dos textos
tamén danse cita os afectos e as esperanzas, os fracasos e as
fraxilidades, os medos e as dúbidas...así como os seus contrarios.
Un enfrontamento permanente para tentar establecer aquilo que se nos
amosa tantas veces como incomprensible, para o que Xaime Toxo dá
cabida tamén a aspectos fundamentais nas nosas vidas como o
papel que xoga o azar ou mesmo o misterio, e que amosan a querencia
do autor por certos autores como Cortázar, Borges, Kafka, Conrad ou
Bradbury.
E todo iso a través
dunha linguaxe ampla de léxico que, lonxe de xerar confusión ao
lector, espalla o horizonte do relato e as súas pretensións. Ese
horizonte o que procura é atopar as certezas que solventen as
dúbidas, esculcar alí onde as sombras abrollan no espazo da
inquedanza. Alí somos febles e sentímonos nun océano de
inseguridades, de ondas que nos volven pequenos. «O mar é unha
certeza de abismo no rumbo da balea», este haiku mariño danos a
benvida ante a travesía polas existencias de tantos personaxes como
nos imos atopando, cada un cunha situación que converte cada relato
nun compás da navegación.
Con ser boa a nova
deste mollo de relatos tamén o é que sexa o primeiro título dunha
nova editorial xurdida da ilusión e a esperanza, de nome
Ancoradouro. En tempos de peches e escuridades esta apertura, esta
raiola de luz, proxéctase sobre o océano para alumear sobre o lombo
da balea, o lombo da literatura que nunca deixará de saír dos
abismos para deixar constancia da súa forza inagotable.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 23/10/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario