Rue
Saint-Antoine nº 170
Fotografía. ‘Coñécesme?’ é un proxecto artístico que se mergulla no sangue que
flúe pola cidade, isto é, a vida que xorde das súas rúas a través da xente e
dos seus comercios. Mesturar a ambos é o que se pretende dende esta campaña que
visibiliza, dun xeito actual e moderno, gran parte do noso texido económico que
vive un proceso de renovación
(Miguel Vidal) |
Camiñar
por Pontevedra, sentir a cidade baixo os nosos pés convértese cada certo tempo
en toda unha sorpresa. Cada vez máis afeita a que a vida latexe nas súas rúas e
prazas e a que diferentes proxectos sociais, culturais e ata económicos a
convertan no escenario das súas propostas. Unha das máis anovadoras e
sorprendentes é a que levamos visibilizando dende hai uns días a través dunha
serie de fotografías que están penduradas ao longo de gran parte do noso casco
histórico.
Máis
de cen imaxes dos nosos comerciantes teñen a culpa desta nova faciana que
amosan as nosas rúas de pedra. Fotografías feitas por Miguel Vidal, toda unha
referencia na fotografía artística e que, co pulo da concellaría de Promoción
Económica e o labor da galería de arte About-Art e o comercio Estrellas o
limones, plantexaron unha desas iniciativas que definen varias cousas. En
primeiro lugar o talento que temos na nosa cidade a través dun fotógrafo de
categoría, dunha promotora cultural, María Díaz Rey, que ten moi claro o que
quere e que sabe como acadalo, e dun establecemento xestionado por Patricia
Estévez, no que tan importante é o que se vende como o xeito de vendelo. En
segundo lugar o apoio dende o eido institucional cunha concelleira, Anabel
Gulías, que lle está a imprimir ao que se fai dende a súa responsabilidade un
aire novo e cheo de efectividade cara a necesaria modernidade e asunción dos
tempos nos que vivimos. E en terceiro lugar o que se agocha tras esta
iniciativa, como é a reivindicación do local, neste caso dun comercio que
atravesou un itinerario cheo de complexidades nos últimos tempos, pero que
agora tenta resituarse dende a súa proximidade cos seus potenciais clientes. E
a arte, como para tantas outras situacións da vida, ten tamén a súa terapia, a
súa maneira de enxerir o seu potencial como transmisor de imaxe e xerador de
conceptos, e facelo para que o noso comercio acade unha nova dimensión que
sirva de atractivo para os seus clientes.
Non
foi fácil de asumir por moitos a idea de facer de Pontevedra unha cidade de
comercio de proximidade, de que as súas rúas se convertesen no máis fermoso
centro comercial do mundo, con rúas e prazas, árbores, xardíns e monumentos e
ceos e nubes que mudan a cada instante. Pero aí está, loitando por facerse
forte e por acadar unha singularidade que será o seu maior aliado de afianzarse
como tal. E, como con tantas outras cuestións pontevedresesas, é o paso do
tempo e o empirismo urbano do día a día, o que lle confire o seu éxito e
admiración. Así é como cada vez que camiñamos polas rúas de Pontevedra
pertencentes ao noso casco histórico vemos que cada vez inzan máis comercios
como a hedra na pedra. Comercios cada vez máis variados, cada vez cunha oferta
diferente e que, e aí unha das súas achegas, que conviven perfectamente con
eses outros establecementos que chamamos de ‘toda a vida’. Son as tendas nas
que mercaban os nosos pais e avós, os establecementos que visitabamos, aínda
prendidos da man e que se convertían nunha descuberta reflectida na faciana dun
neno, e polas que cando pasamos ante elas aínda hoxe sentimos un calafrío que
nos estremece por esa viaxe de segundos cara a infancia. Os novos comercios
están a coidar cada vez máis a súa estética así como a ofrecer uns produtos que
os afastan da repetitiva oferta das insustanciais superficies comerciais.
(Beatriz Císcar) |
Neste
hábitat de mesturas no que o puramente comercial se enguedella coa nosa ampla
oferta hosteleira, así como co labor dese foco económico e social no que se ten
que converter aínda máis do que o é agora o Mercado de Abastos, é na que se
sitúa esta campaña co nome de ‘Coñécesme?’. Falamos dunha intervención
fotográfica no tecido urbano da cidade, isto é, cómo a través de retratos nos
que se xoga co oficio tradicional dos comerciantes máis veteranos ou coa
faciana atrevida e renovadora dos máis recentes, xérase así un xogo visual cos
paseantes e un diálogo sobre o poder da imaxe na procura dun espazo de
reflexión sobre o comercio e as relacións entre propietarios e clientes.
Percorrer
ao longo destas semanas as nosas rúas baixo esas imaxes é non so gozar coa
calidade dunha serie de fotografías cheas de chiscadelas, senón vencellarse dun
xeito novo co noso comercio e o seu proceso de transformación. O feito de ver a
algúns dos comerciantes seculares da nosa cidade adoptando posturas inusuais ou
participando dunha campaña como ésta é a mellor reflexión e o mellor xeito de
amosar as intencións deste comercio local que querer reivindicarse neste novo
século, que quere atraer a uns consumidores cada vez máis esgotados do anonimato
dos grandes centros comerciais, e que procuran cada vez máis a confianza ao
outro lado do mostrador.
Cada
unha destas fotografías é un relato na historia común desta Pontevedra de
latexos de vida no que os comercios foron ao longo de toda esa existencia elemento
esencial. A súa antiga historia como intenso porto comercial ou as prazas que
levan o nome das diferentes actividades económicas que acollían, son a mellor
testemuña sobre ese aspecto que agora amosa un chanzo máis, un chanzo que nos
sitúa nunha nova relación co noso comercio que coñecemos e recoñecemos e que
quere visibilizarse da man dun artista como Miguel Vidal e da afoutada
iniciativa dos que pensan que a arte serve tamén para darlle un pulo a noso
comercio, para darnos un pulo a nós mesmos.
Publicado no Diario de Pontevedra 24/10/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario