Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía ▶ O
seu labor foi unha das grandes fazañas realizadas por unha muller na
España das primeiras décadas do século XX. As seis viaxes da
fotógrafa Ruth Matilda Anderson a España, con dúas estancias en
Galicia, serviron para deixar constancia dun tempo e dunha realidade
que sen o poder da imaxe sería imposíbel recuperar.
É unha das grandes
coleccións de fotografía da historia do ser humano. Miles de fotos
que saíron da cámara de Ruth Matilda Anderson (1893-1983)
encargadas pola Hispanic Society of América dentro dun programa de
traballo que respostaba ao interés do fundador deste institución,
Archer Milton Huntington, pola cultura española e o seu desexo de
formar un museo cun contido adicado á España. Falamos dos primeiros
anos da década dos vinte cando esta Sociedade, creada en 1904,
encarga a unha muller fotógrafa, a realización dunha serie de
fotografías para documentar a vida e os monumentos de España. Así
é como Ruth Matilda Anderson comeza unha serie de seis viaxes a
España, dos cales dous terán a Galicia como obxectivo importante. O
primeiro deles entre o 7 de agosto de 1924 ata o 28 de agosto de 1925
e o segundo entre o 14 de novembro de 1925 ata o 31 de maio de 1926.
Esas xornadas convertéronse en miles de fotografias, parte das cales
exhíbense no Café Moderno de Pontevedra de Afundación ata o 21 de
abril, unha oportunidade única para enfrontarse cun universo
perdido, cunha forte carga de interese para numerosos traballos de
investigación, pero tamén, polo simple feito de abrir esa fiestra
ao pasado, atopándonos cunha mirada cara espazos absolutamente
perdidos xa para unha sociedade que só mediante estas visións pode
ser quen de recuperar ese pasado.
Muller de carácter
forte o seu traballo en España tamén ten que ser valorado dende a
posición dunha muller nun tempo no que o papel destas rara vez
afrontaba empresas deste tipo. Adicándose a un traballo artístico e
creativo, afastada do seu país e traballando noutra sociedade que
neses anos debía semellar un ambiente ben exótico. O 7 de agosto de
1924 Ruth Matilda Anderson chega ao porto de Vigo cunha gran
cantidade de caixas cheas de material fotográfico. Dende ese día
desenvolverase unha das xestas fotográficas máis importantes feitas
en Galicia.
Aquela Galicia que en
materia de comunicacións era un territorio do máis complexo
contemplou a esta muller desprazándose en trens ou autobuses polas
catro esquinas da nosa xeografía. Dende grandes cidades ata pequenos
escenarios rurais, a súa cámara disparou cara o interminábel
número de realidades das que se nutre esta terra.
Costumes, festas e
ritos; Transportes, Traxes, Traballos e oficios: Feiras, agricultura,
o mar, e as cidades son algúns dos capítulos nos que se dividen
estas imaxes para tentar acadar así unha catalogación axeitada.
Como acontece con este tipo de exposicións, o traballo de Ruth
Matilda Anderson, sorprendente aínda hoxe pola calidade da
execución, permanencia e conservación dos materiais, permite
comparar como eramos e como somos hoxe, como mudaron os espazos nos
que desenvolvemos a nosa vida e como se adicaron a cuestións ben
diferentes do que hoxe. Se vemos as imaxes de Pontevedra incluidas na
exposición atopámonos a Praza da Leña coa súa función habitual
nese tempo, a mesma que lle deu nome, como foi o de ser o espazo
adicado á venda de leña. Tamén, na súa contorna, recoñecemos o
edificio que nun futuro próximo ocuparía o Museo de Pontevedra, o
edificio Castro Monteagudo, ou unha imaxe da rúa Princesa
desembocando na praza do Teucro na que aínda se adiviña a
rotulación da Imprenta Peón.
Tal
e como acontece con Pontevedra, Marín, Cangas, O Porriño, Domaio,
Cambados, Vilagarcía de Arousa ou Tui, todas as imaxes que reflicten
eses escenarios conforman un itinerario pola nosa identidade a través
de persoas, paisaxes e ambientes que en moitas ocasións significaron
para a fotógrafa unha loita contra si mesma, e contra as condicións
de traballo, pero Galicia tamén íase adentrando cada vez máis na
súa alma e as súas primeiras fotografías centradas nas cidades ou
nas arquitecturas, foron pouco a pouco sustituíndose pola humanidade
da xente, o seu quefacer diario, os obxectos, en definitiva, a vida
que se agocha tras este tesouro feito fotografía por Ruth Matilda
Anderson unha heroína que chega, de novo, a Pontevedra.
«Nuestros
compañeros de viaje eran gente del campo, las mujeres, envueltas en
mantos negros de cuadros y los hombres, en mantas de cuadros
marrones. Los cogimos en mitad del almuerzo: en la mano izquierda
tenían una especie de jamón rojo o salchicha, mientras bajo ese
mismo brazo apretaban contra ellos un buen pedazo de pan; la mano
derecha serví para coger la navaja con la que cortaban un trozo de
pan y otro de jamón, que se llevaban a la boca ayudándose con la
propia navaja, una navaja terrible, lista para, en cualquier momento,
rebanar un corazón o rajar una boca”.
(Ruth
Matilda Anderson).
Publicado no Diario de Pontevedra 12/03/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario