A xornada de mañá
débese entender como un día histórico que marcará no noso país
un antes e un despois na procura da igualdade.
Tedes todo o dereito do
mundo a berrar. Tedes a obriga moral de loitar, de pelexar e de
folgar para defender uns dereitos esquecidos durante anos e séculos,
desprezadas por toda unha sociedade que se aproveitaba e aproveita de
vós sen o menor reparo. Aínda terán que pasar moitos anos para que
esta sociedade se poña a ben con todas as mulleres que ao longo da
historia fixeron do seu traballo, do seu esforzo calado en beneficio
de moitos homes, unha carga que levar dende unha serie de hábitos
adquiridos que se foron sucedendo no tempo como algo normal e
aceptado por todos nós. Na nosa comodidade estaba o voso sufrimento.
Agora, unha nova realidade fixo que rachedes con ese espello no que
vos mirabades como unha parte da sociedade que non precisaba da nosa
atención, como se esa actitude de facer moito máis do que debiades,
sen máis compensación ca un agarimo (no mellor dos casos), formara
parte do voso papel.
Mañá tedes a
oportunidade de facer que os vosos brazos caídos sexan unhas mans
ergueitas pedindo unha igualdade da que só falar a estas alturas da
película nos dá vergonza a moitos de nós. Acadar os vosos dereitos
significa achegarnos a unha sociedade máis xusta na que todos
poidamos desenvolvernos dunha maneira máis honesta como seres
humanos, e tamén unha obriga a resolver co futuro encarnado nos
nosos fillos e fillas. Brechas salariais, violencia de xénero,
afastamento de órganos de decisión, conciliacións imposíbeis,
traballo doméstico, desprezos e desigualdades enchen de medallas de
chumbo o peito dunha sociedade que durante demasiado tempo gabouse de
ter as súas mulleres sometidas ao poder masculino e a súa situación
de privilexio que moitos homes néganse a ceder.
As nosas rúas teñen
que converterse mañá no altofalante dunhas mulleres fartas, que
están, si, ata a cona, como estariamos nós se durante todo este
tempo tiveramos que soportar o que elas aturan día tras día
(párense a pensalo só uns minutos), pois si, ata o carallo. Non se
me asusten polas palabras, asústense polos datos: o de mulleres
galegas que terían que traballar setenta días máis ao ano para
igualar o salario dos homes; ou a cifra de mulleres vítimas da
violencia de xénero en toda España, con 917 delas asasinadas nos
últimos catorce anos; ou os datos, imposíbeis de calcular, das
horas que fan as nosas avoas, nais ou mulleres como amas de casa sen
renunciar ao seu traballo fóra do ámbito doméstico. As
concentracións, os paros ou as folgas deste violeta 8 de marzo teñen
que supoñer un antes e un despois visibilizado neste paro feminino,
único en Europa, e que dende unha sociedade secularmente tan
machista albisca un punto de luz ao final do túnel.
Cara ese punto de luz é
cara onde teñen que dirixirse as mulleres para alumear toda a nosa
sociedade dende a igualdade de xénero. A súa participación na
xornada de mañá convérteas no centro de atención do mundo enteiro
no Día Internacional da Muller. Un día que ten que converterse en
eternidade para esquecerse de renuncias, de asoballamentos, de medos,
de menosprezos, de explotacións... en definitiva, de todo aquilo que
atenta contra máis da metade da poboación mundial, porque si é
tanto todo isto contra o que aquí temos que loitar, imaxinemos como
pode ser a situación das mulleres noutros paises brutalmente
desfavorecidos. Folgade!
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 7/03/2018
Fotografía: Salvador Sas (EFE)
Ningún comentario:
Publicar un comentario