Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. Nun
ano cheo de actividades arredor de Mª Victoria Moreno co gallo da
súa escolla para protagonizar o día das Letras Galegas o Concello
de Pontevedra aprobou un cambio no rueiro da cidade que fará que
Pontevedra, a súa vila de acollida, e onde desenvolveu a súa vida,
teñá xa para sempre o seu nome como unha lumieira acesa.
Homenaxe dos libreiros a Mª Victoria Moreno na Feira do Libro de Pontevedra no 2001 (Xan Xiadas) |
O ÚLTIMO pleno do
Concello de Pontevedra deixou, polo menos, dúas cousas en evidencia.
A primeira que os nosos políticos teñen a posibilidade de xuntarse
afastándose da miopía das siglas e poden poñerse ombreiro con
ombreiro cando a situación así o precisa sen que o mundo deixe de
xirar; e a segunda, é que Pontevedra é unha cidade agracecida cos
que fixeron dela o seu motivo de inspiración e traballo. María
Victoria Moreno, dende a súa chegada á nosa cidade en 1963, non só
fixo agromar a súa narrativa dende a súa descuberta e paixón pola
lingua galega, senón que desenvolveu un labor marabilloso arredor da
xuventude facendo que nela alicerzase o amor pola lectura pero tamén,
ou mellor dito, por riba desa misión, a forxa dunha almas valentes e
libres que sentiron na presenza desta muller a confianza que tantas
veces se lles nega á mocidade.
A decisión do Concello
de Pontevedra de sustituir a rúa Fernández Ladreda, nome dun
ministro franquista, polo de MªVictoria Moreno, non só é un xesto
de conciencia polo de borrar do noso rueiro a un protagonista da
dictadura, senón que plantexa a necesidade de reivindicar a mulleres
protagonistas da nosa historia que nunca tiveron recoñecemento
algún. E, se nos referimos a nosa protagonista, colócanos ante a
homenaxe permanente a unha muller engaiolada dunha lingua que
empregou para sementar novos lectores e abrirlles as lumieiras da
lectura, converténdose agora, ela mesma, nesa lumieira que estará
sempre acesa no noso rueiro.
O propio concello de
Pontevedra vén de presentar nestes días a próxima publicación dun
libro adicado a Mª Victoria Moreno dentro do programa ‘Memoria das
mulleres’ da man de Montse Fajardo que irá mais alá do seu labor
como escritora e conducirá o relato dende os fíos que a enguedellan
coa propia cidade e as persoas que estiveron ao seu arredor. Este
libro será un máis dentro da reedición de obras súas que estanse
a producir e que estarán no mercado cunha maior intensidade á
medida que nos acheguemos ao Día das Letras Galegas, a ela adicado.
Os que si xa están en
circulación son dúas biografías publicadas por Xerais e Galaxia,
respectivamente. A saída do prelo da primeira é ‘Mª Victoria
Moreno. a muller que durmía pouco e soñaba moito’, escrita por
Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, mentres que a segunda chega da
man de Montse Pena e leva por título ‘A voz Insurrecta. Mª
Victoria Moreno, entre a literatura e a vida’. Ambas son dúas
marabillosas maneiras de achegarse á escritora poñendo ante nós a
posibilidade de descubrir, dunha maneira amena e didáctica, pero sen
afastarse da rigorosidade, o que foi a súa vida e que, como escribe
Montse Penas no limiar da súa biografía de Galaxia, vai «das súas
angueiras de escrita, o seu labor como profesora apaixonada e a súa
aposta polo galego». Tres vértices nos que se moveu ao longo da súa
vida quedando o persoal moitos veces colocado incluso tras eles.
Pola súa banda Fina
Casalderrey e Marilar Aleixandre engádenlle ao seu relato ese
aloumiño na meixela que outorga a complicidade e a amizade a través
de moitos anos (ben certo que moitos menos dos que todas houberan
desexado) e que nos leva, polo tanto, por un relato cheo desa
intensidade que tan ben lles senta ás biografías, moitas veces
repletas de frías liñas.

Libros, lectores e
lectoras, a todos eles adicou a súa vida sabedora da paixón que
podía trasmitir coa lectura, cunhas narracións nas que os xóvenes
podían sentirse reflectidos sen sentirse parvos. A eles referiuse
sempre sendo consciente da súa capacidade para entender o mundo e
relacionarse con el. A través desas miradas é como Mª Victoria
Moreno miraba ao mundo, e cara ela mira Montse Penas dende os Anos de
infancia e Mocidade, A chegada a Galicia e a descuberta do galego, O
seu labor como filóloga e traductora, O recoñecemento da súa
escrita e O pulso á enfermidade. Capítulos dunha vida que para Fina
Casalderrey e Marilar Aleixandre convértense en A libraría dos
libros prohibidos, Lembranzas da infancia: Quen caeu na fonte?, Orfa
de pai, Os cachorros de María Victoria, Na pel doutras persoas e
Tirar a luz da sombra. Cada un deses capítulos ou deses libros son
os latexos dunha vida que seguirá latexando na nosa cidade, na dela,
e que terá un novo camiño polo que lembrala en forma de rúa, en
forma de lumieira acesa.
Publicado no Diario de Pontevedra 19/03/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario