domingo, 11 de marzo de 2018

«Eu teño alma fadista»


     Ana Moura subirá hoxe ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra para amosar o seu camiño no mundo do fado, unha renovación musical que a consagrou como a grande artista portuguesa dos últimos anos. Os seus discos ‘Desfado’ e ‘Moura’ convertéronse en éxitos de vendas e os concertos sucédense en tódolos recunchos do mundo.



     Co seu anterior traballo, ‘Desfado’, rompeu todas as cifras de éxito musical en Portugal e converteuse na súa artista máis internacional. Un gran mérito para esta muller valente que soubo transformar o fado nunha música capaz de acadar unhas cifras de vendas de discos e de entradas a concertos que non se coñeceron antes en Portugal, nin fóra do país por parte dunha artista lusa. Agora regresa a Pontevedra, onde xa estivera en 2014, co seu novo disco, ‘Moura’, para achegarnos un fado que tamén serve para danzar e non só para chorar.
     Regresa Ana Moura a Galicia. Que significa esta terra para vostede?
   Gústame a proximidade que nós temos culturalmente. É o país máis próximo a Portugal, as persoas adoran a música portuguesa e recíbenme sempre con moito cariño. A resposta que teño do público en Galicia é moi semellante á que eu teño en Portugal, e iso é o que máis me encanta.
    E de novo en Pontevedra, onde xa estivo no 2014 nun concerto no Teatro Principal, unha sala pequena, na que quedou xente fóra, que non puido estar no concerto.  Agora este concerto celébrase no Pazo da Cultura, unha sala máis grande. Simbolízase así o éxito da súa música?
    Estou moi feliz, no concerto anterior quedei un pouco triste pola xente que tivo que quedar fóra, e si, é certo que as persoas están a recibir moi ben os últimos discos e a miña música.
    O disco anterior, ‘Desfado’, foi un éxito nunca coñecido en Portugal, coa súa permanencia durante 145 semanas no top de ventas. Como viviu vostede esa situación?
    Dunha maneira especialmente feliz porque tratábase dun disco moi arriscado, onde o núcleo máis ortodoxo da nosa música non estaba inicialmente a recibilo moi ben, pero isto tamén foi importante para min porque traballei neste disco cunha gran sensación de liberdade. Sabía que podía non ser moi ben recibido, pero a miña vontade de facelo era tan grande que era o que eu quería. Foi un sinónimo de liberdade e despois, coas diferentes respostas, sentinme aínda máis feliz.
    E penso que nesa felicidade polo seu éxito ten moito que ver que chegase a través dunha música moi ligada ao fado que é a base da súa música e da súa alma?
    Exactamente, creo que en todo no que eu canto, e no que eu fago, o fado está sempre presente, eu teño alma fadista, a miña interpretación é fadista e en min está sempre presente esa música.
   Que é o que Ana Moura quere facer con ese fado tan persoal?
   O meu obxectivo é buscar a miña identidade musical. Eu non busco conscientemente facer unha transformación do fado, non é ese o meu fin, simplemente busco un camiño propio e a miña identidade na música en xeral e no fado en particular.
    É sorprendente ver colas de xente esperando en Katowice (Polonia) para que Ana Moura lles asine o seu disco. Como chega a súa música a sitios tan afastados da nosa identidade e cal é o seu segredo?
    É verdade, penso que iso pasa co fado. Eu teño un interese por crear as condicións necesarias para amosar unha maior profundidade e verdade co que sinto. Falo de condicións porque hai artistas que procuran cantar dunha determinada forma, pero eu busco cantar dunha maneira o menos “programada” posíbel, menos estudada, por dicilo doutra maneira, en canto ao que eu sinto no momento, e nese instante, no escenario, quero crear as condicións para axudarme a transmitir a miña ilusión ao público que tamén se sente identificado con esas ilusións que están en todos nós.
    Vostede foi moi valente ao facer esa transformación dun fado para chorar a un fado para danzar. Cando se decatou dese camiño?
    Decateime dunha maneira natural. Percibía que eu movía moito o meu corpo cando cantaba, eran movementos contidos, unha cousa moi divertida que as persoas querían imitar, eu vía como o meu corpo respondía desa forma á música que cantaba. Un compositor e letrista, Miguel Araujo, cando foi ver un dos meus concertos tamén sentiu o mesmo, e escribiu esta música e quedei moi feliz porque era algo que eu xa sentira. Con este disco último explotei esa idea de que o fado é unha música que se pode danzar, como xa o era moitos anos atrás.
    Despois do ‘Desfado’ chega o seu disco ‘Moura’, que xa ten dous anos, como o define?
    Este disco é un disco que está dentro do que oímos no ‘Desfado’, pero vai un pouco máis alá. No ‘Desfado’ quixemos manter unha sonoridade máis natural e aquí os sons son máis elaborados, experimentamos moitas cousas, e especificamente amplificar a guitarra portuguesa como se fose unha guitarra eléctrica. Probamos diferentes sons, e penso que funcionou moi ben, tamén a presenza do batería de Sting, Vinnie Colaitua, fixo que o disco tivese unha sonoridade diferente.
    Como vai ser o concerto de Pontevedra, máis festivo ou terá unha maior presenza do fado tradicional?
    Vai ser unha mestura das dúas cousas. O que quero facer é presentar o disco ‘Moura’ e o concerto terá unha parte máis tradicional, pero logo terá ese son máis festivo propio do meu fado.
    Consegue Ana Moura ter ‘Días de folga’ (título dunha das súas cancións) con tanta actividade por todo o mundo? Que fai neses días?
    Son raros os ‘días de folga’. O que me gusta é estar na casa cos meus gatos e pasear polo xardín con eles, tamén coidar unha pequena horta que teño.
    O mes de marzo é un mes con moitas celebracións arredor dos dereitos da muller. Cal é a súa opinión sobre as súas cancións e o universo feminino?
    Temos que tentar que cada vez haxa máis mulleres para compoñer letras, tanto no fado tradicional como para min mesma. A forma feminina de escribir é diferente. Penso que a fadista en xeral é feminista, mulleres con moita coraxe para compartir as súas ilusións, e é preciso ser forte para compartir eses desexos, e dende ese punto de vista as fadistas teñen sido unha bandeira do feminismo.

     'Portugal está na moda'
    A chegada de Ana Moura a Pontevedra vén precedida de varios concertos celebrados en París e Luxemburgo que renovan a súa condición de artista de éxito fóra de Portugal. Unha maneira de mirar cara o seu país, que está superando anos moi complicados, converténdose nos últimos tempos nunha referencia na política, o turismo ou a cultura, sendo escollido por personaxes como a cantante Madonna para vivir.
   Vostede é probabelmente a artista portuguesa máis internacional e ten moitos concertos no exterior. Esta situación permítelle saber como se percibe Portugal dende eses países?
    Portugal nestes momentos está nunha fase moi boa. Temos representantes da política moi destacados fóra de Portugal e moitas persoas están atentas ao que acontece no país, e iso tamén axuda ao fado.
     Como está hoxe Portugal tras anos moi difíciles?
   Foron anos difíciles pero agora eu sinto que ‘Portugal está na moda’. Teño moitos amigos extranxeiros que queren comprar unha casa en Portugal e ter así o seu espazo aquí. Por fin hai persoas que queren vir ata o noso país e consumir a nosa cultura.


Publicado no Diario de Pontevedra 10/03/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario