‘Lumes’ de
Ismael Ramos, editado por Apiario, é unha valente achega ao universo
familiar convertida en espazo de resistencia fronte a tolemia do
mundo. Unha construción do familiar desmitificadora do seu poder
como clan pero que permite facer da escrita acougo da dor.
Porque as vidas son
dor. E esa dor enquístase no tempo formando parte tamén de nós
mesmos, aí é onde a escrita, e máis en concreto a poesía, serve
de acougo, tamén de acubillo a o eu fronte ó que o tempo fai en
todos nós. O corpo como primeira instancia, tamén como última.
Ismael Ramos fai deste ‘Lume’ experiencia do que acontece no
interior da súa propia familia. Afouteza de espírito para aliviarse
das pantasmas que toda familia vai agochando entre os seus
compoñentes.
O poemario, editado por
Apiario co agarimo e coidado con que esta colmea adoita traballar, é
un exercicio íntimo a cargo de quen se bota á escrita para, ao fin
e ao cabo, tentar comprenderse. O ámbito do familiar como
radiografía dun mesmo. O espazo xeográfico como hábitat alicerzado
na memoria e agora recuperado coma áncora co pasado. Dende ese
pasado chega este presente no que Ismael Ramos revélase como un dos
nosos poetas con maior enerxía. Esa constelación que escintila na
capa deste libro inclúeo a el como un punto de luz máis neste
fulgor que se está a vivir na nosa poesía. Novos nomes que medran
dun xeito que se adivina ilimitado. Xente que escribe máis que ben e
que son capaces de mirar de frente a todo aquilo que os rodea.
Nesa mirada Ismael
Ramos lévanos a coñecer o seu universo familiar, a participar del,
porque se algo acada coas súas palabras é a implicación do lector
naquilo que se está contar, en boa parte porque todos somos
debedores desas situacións que nos sitúan fronte aos nosos propios
pasados, fronte a esas mesmas pantasmas que nos rodean a todos. Un
lugar que nos afoga en certas situacións pero que ás veces a propia
vida vai desafiuzando como nunha descontextualización de nós
mesmos. É a familia que as veces se considera nunha posición de
privilexio fronte a outras realidades da nosa sociedade, como si ese
ámbito fose un espazo inmaculado no que sentirmonos obrigados ao
amor ou a complicidade filial. O sangue como unha cadea. E o certo é
que as páxinas de ‘Lumes’ teñen moito de desmitificación dese
seo: «O pai constrúese dentro do fillo. En madeira. Despois arde»
ou «A enfermidade é unha casa con galerías e teitos altos».
Fronte a iso o que nos
queda é o corpo, a última realidade de nós mesmos, a nosa cerna.
Alí onde todo se converte en experiencia, o territorio dunha pel en
contacto co exterior. «Entón escribir convértese nun acto de
resistencia contra todo. Nun acto do corpo», afirma o poeta, porque
iso é o que somos, actos do noso corpo. Comportamentos e accións
que se reflicten en nós mesmos e alí, nin a familia nin a sociedade
intervén. A nosa realidade é nosa, e íntima, e única. E dende aí
escribe Ismael Ramos, dende ese eu que mira cara a unha cotorna que
se vai quedando atrás, esmorecendo fronte a súa vida por outros
vieiros, como as nosas que se van afastando daquelo que nos
construiu. Das galiñas na casa das nosas avóas, dos rosarios das
mulleres vestidas de loito... sensacións que se meten nun e
acompáñante para o resto da túa vida. Espazos en extinción fronte
ao universo tecnolóxico, pero do que, unha vez que se viviu, é
imposíbel despegarse. Son as feridas sobre ese corpo que arrastra o
que pasou como parte dun e adicción capaz de asexar en calquera
momento, sen ir máis lonxe, fronte a un folio empregado como
expurgo, como acto de resistencia ante os trebóns que xorden cando
nos adicamos a mirar cara o noso interior. Soprar para liberarnos. O
corpo como fronteira, máis tamén como limiar para enfrontármonos
ao exterior. Onde a familia pouco pode dicir, onde somos nós os que,
lonxe da tribo, pelexar pola nosa identidade na escuridade: «Quero
contemplar a dor de todos eles ao mesmo tempo./Coma os distintos
reflexos da luz sobre unha parede de azulexos./Coma lumes. Sós e
brillantes».
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 11/03/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario