domingo, 25 de novembro de 2018

Baleas e actores

Alumea de novo a poesía de Luisa Castro nun dobre territorio. A recuperación de Galaxia dun poemario xa mítico, ‘Baleas e Baleas’ que cumpre trinta anos. E a publicación por Visor do seu último traballo, ‘Actores vestidos de calles’. Todo un manancial inesgotábel de sensacións.


Luisa Castro (Foz, 1966) lembra de xeito nidio a orixe dese poemario: «meu pai e mais eu nunha tarde do ano 86, varados coma cachalotes na factoría de Morás, mirando para o mar e diante dos vellos raís oxidados». O tempo pode borrar moitas cousas, pero outras son imposíbeis de ser afastadas do noso interior. Do mesmo xeito hai poemarios que nun sistema literario emerxen coma o soprido dunha balea na mar en calma. Isto é o que vén de acontecer con ‘Baleas e baleas’ o poemario que na colección Esquío de poesía abrollou en 1988 e con el o nome desta autora convertida dende ese avistamento nun nome esencial da nosa escrita .
Esas lembranzas da autora, inclúense no prólogo a unha nova edición editada por Galaxia, a un volverse a poñer naquel mesmo lugar para darse conta da importancia daqueles versos, daquela maneira de ver o mundo, o seu mundo fronte aos outros mundos que viñeron despois. Pero aquel mundo sempre estivo no seu interior, aquel espazo de tabernas de mariñeiros e de historias de baleas, que se quedaba físicamente alí, mentres Luisa Castro marchaba cara outras singraduras que o compás da vida lle marcaba. Ten moito de retorno homérico esta recuperación dese texto. Ben pola editorial, e ben pola autora!
Non é sinxelo moitas veces botar a vista atrás, percorrer de novo o camiñado e poñer en circulación outra vez aquelas ideas. Pero o certo é que cando un se bota a ler ese texto tamén semella facer ese mesmo percorrido, vendo nas baleas un pasado de aprendizaxes e experiencias que nos marcan xa para sempre. O tránsito da infancia, da xuventude, dos espazos da memoria, do que acontecía arredor dun dende a familia ou as amizades, e todo un océano ao que máis tarde ou máis cedo voltamos. O máis emocionante é ver e sentir como eses poemas permanecen afoutos dende a súa escrita, faros que alumean aínda coa forza dos sentimentos, co fío de luz da palabra que segue a facer da escuridade un permanente amencer.
E tres décadas despois chega outro libro, tamén poderoso, tamén un libro que fala da experiencia, para converterse noutro faro contra a barbarie e a destrución do ser humano. Lonxe quedou aquela mirada tenra de ilusións fronte as escumas da vida. ‘Actores vestidos de calle’ sae no prestixioso catálogo poético da editorial Visor.
Un poema, escrito despois do atentado terrorista na escola de Beslán en Osetia no 2004, sitúanos ante o escenario. Dez anos despois Nápoles vese envolta nunha crise migratoria e a poeta baliza ese novo océano escribindo na propia cidade, entre o Instituto Cervantes e a residencia de poetas Torserenella, asomada a outro mar, a un Mediterráneo de augas quentes e almas esnaquizadas. Os recordos, a dor, os adeuses,o círculo baleiro, o abandono, o silencio, a tristeza... a equipaxe de tantos e tantos que desorientados asómanse a un novo mundo as máis das veces inxusto e insolidario con todos eles, mentres, o noso teatro, a nosa escena cotiá derrúbase sobre o chan ante os nosos propios comportamentos e a necesidade da palabra para nomear o que acontece, para ser a testemuña daquela imaxe anterior que é a que a provoca: «...las palabras vienen a salvarte de ese vacío,/ellas tienen el don de la clarividencia,/son bellas,/no tienes que temerlas,/no te apresures,/no las busques,/ellas vienen/ en tu auxilio».
A palabra como salvavidas, a maneira de enfrontarse á realidade cara a cara, tamén o salvoconducto cara o pasado, a aquel tempo no que o seu avó contáballe o que se agochaba no ventre das baleas para, finalmente, darse conta de quen realmente reside no ventre das baleas é ela, Luisa Castro, a poeta que segue a navegar en mares e vidas, e a buscar na palabra o faro preciso para alumearnos a todos ante o noso destino común.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 14/11/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario