luns, 19 de novembro de 2018

Kapoor

Foguetes verdes (5)
'Obras, pensamentos e experiencias' é o xeito como Anish Kapoor explica o seu traballo no Museu Serralves de Porto. Unha obra escultórica presentada dende 56 maquetas e 5 pezas.


É A SÚA PRIMEIRA exposición individual en Portugal. E faino nun marco tan privilexiado como os engaiolantes espazos naturais do Museu Serralves de Porto e na súa admirada arquitectura doutro mestre da creación, como Álvaro Siza. Ata alí leva o creador indio británico a súa mostra resumida nese título, ‘Obras, pensamentos e experiencias’ co que se precisa, de xeito lúcido, o seu traballo. A configuración física nunha peza do seu pensamento e da experiencia dende a relación do material coa súa contorna, e como iso inflúe no espectador.
Dous grandes eixos temáticos espállanse polo museo. A impresionante colección de 56 maquetas de moitos dos seus proxectos no interior do edificio xunto coa obra‘Whiteout’ e no parque catro pezas que amosan esa relación da obra co que a rodea. Esa chea de maquetas deixa ben clara a vontade do artista por compoñer un diálogo coa natureza, por sorprendela e por sorprendernos a nós. Son todas elas unha sorte de fosilización dos seus pensamentos, de proxectos executados, doutros que non, de intervencións en diferentes momentos do proceso, pero que sempre posúen esa capacidade de revelación arredor do artista.
Pero é fóra, no parque, onde Anish Kapoor amosa todo o seu potencial. Antes de saír atopamos unha sinxela peza, un monolito branco no hall do Museo. Unha escala intermedia entre o out e o in. Perímetro e luz que configuran unha obra dunha gran solidez. Un baleiro branco que vai a contrastar coa primeira peza que nos atopamos ao saír ao exterior. Unha obra icónica da súa traxectoria que xa foi exposta noutros xardíns, diferentes, xeométricos, ilustrados, se podemos axustar o termo, como son os de Versalles, ‘Corpo seccional preparándose para unha singularidade monádica’ é a peza que nos recibe á entrada do centro cultural. Un gran cubo con tres aberturas. Un xogo de luz e cor, un volume que nos engule dentro dun vermello que loita co negro para tensionar a atmosfera. É unha arquitectura ou é unha escultura? a interrogante móvese na nosa mente e flúe pola organicidade da obra.
Descenso cara o limbo’, instálase na clareira das Azinheiras. De novo a loita, neste caso entre a luz e a escuridade. Un burato negro no centro do espazo, un ámbito indefinido entre nós, o lugar e o non lugar que se agocha baixo el.
Sky Mirror’ pénsase para un espazo íntimo, o xardín do reloxo de sol. Un espello cóncavo pecha no seu interior a vexetación que o rodea e a nós mesmos. Un reflexo que nos atrae, xa que debemos atopar a posición axeitada para formar parte del e desa nova dimensión que enguedella ceo, terra e persoa. Aínda nos queda unha sorpresa máis na exposición, a peza ‘Linguaxe das aves’. Un minarete ata onde debe subir un chamador de aves, unha persoa que mediante os seus sons engaiola aos paxaros da contorna. A eles se lles chama como parte dun culto á natureza, unha impresión dun paraíso no que as aves cos seus cantos alumean as nosas vidas.
Materiales, formas, pigmentos son o fío conductor das propostas de Kapoor. Unha aposta por modificar a percepción dos visitantes e por enfrontalo a unha nova realidade que emerxe do interior de cada unha das súas obras.
Estamos ante toda unha experiencia sensorial que completa o que a natureza do parque de Serralves é quen propoñer. Unha visita obrigada para nós que estamos tran preto desa opción artística, na que ademais podemos gozar de dúas exposicións de calidade, a do director de cine Pedro Costa e a de fotografía de Robert Mapplethorpe. Tres propostas diferentes, pero complementarias, ao poñernos ante tres creadores reflexionando arredor do ser humano e da relación coas nosas diferentes.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 16/11/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario