jueves, 8 de noviembre de 2018

Soños

Foguetes verdes (4)
Xoel López presenta en Vigo o seu último traballo, ‘Sueños y pan’, un disco maduro e firme que amosa ao mellor Xoel López. Letras fermosas, poéticas e cheas da súa habitual riqueza rítmica


REMATA O ANO Xoel López do mesmo xeito que o comezou, despregando o seu talento dende a música e a escrita. Dende a música que se encerra no seu disco ‘Sueños y pan’ no que nos atopamos ao mellor Xoel López, ese que os anos amosan xa non só como un músico espectacular, senon como un autor de letras cada vez máis rendondas e ata literarias, nas que se agochan historias persoais nas que todos nos podemos sentir reflectidos dun ou doutro xeito.
Os dez temas que compoñen ese último traballo son todos eles fantásticos. Un non se cansa de ouvilos unha e outra vez, de asistir a concertos nos que o artista coruñés converte a conexión entre o artista e o público nun pulo de vida e de forza no que se desborda todo o aprendido ao longo da súa traxectoria. En boa parte dende esa abraiante mezcla de sons e ritmos que, como se fosen cursos universitarios, superáronse nos seus anteriores discos: ‘Atlántico’ e ‘Paramales’, e que xunto ao que xa viña no petate da súa época de Deluxe converten a música de Xoel López nun laboratorio de experiencias que cada bien acada mellores resultados.
O seu ‘Jaguar’, primeiro tema do disco, convértese nese fillo que sendo espello fixo que Xoel López rachase calquera tipo de vaidade persoal. O artista achégase así máis á vida, á tactilidade do real, ao cotiá. Aquilo que realmente te converte nun ser con medos e inseguridades que xa non van cun mesmo, senón co que xa entendes como o máis importante e necesario na vida. Un «jaguar de la noche» en el que aínda hai moito que descifrar, e esa noite mudou tamén dentro da vida do artista. Noites que se alumearon dende o ‘Insomnio’, a terceira canción do álbum. Un temazo, como se adoita dicir, no que a palabra, o relato, compón ese espazo de estrañas culpabilidades, de pensamentos laberínticos na procura de versos para as cancións. Porque as súas cancións amosan esa faciana poética de metáforas e imáxenes agochadas nos cofres que deixan sempre as palabras cando un as busca dende esa mirada, -poesías que tamén chegan a nós a través do seu libro ‘Bailarás cometas bajo el mar’-. Un canción na que se mesturan os soños co pensamento do real, unha fina liña na que a música deixa as pegadas precisas para volver ao espazo do cotiá.
Para alguén que viaxou tanto, que se estableceu durante moitos espazos temporais en diferentes cidades do mundo é importante musicar ás cidades. Así sucede neste disco con ‘Madrid’, a cidade na que todos nos cruzamos, e onde a sorte de moitos esta botada. Unha cidade complexa que, como di o artista, «abraza e engule», pero dotada dun magnetismo atávico do que é moi difícil esquecerse ou afastarse durante moito tempo.
Primavera’, ‘Lodo’ ou ‘Balas’ lévannos por diferentes territorios, por «mundos de todos contra todos», onde nos temos que desenvolver da mellor maneira que poidamos, afrontando feridas e silencios que funcionan coma unha caixa de resonancia do noso propio ser, daquilo que fomos, do que somos e do que podemos chegar a ser.
E xunto con esas cancións dúas que completan o disco cantadas en galego. Recunchos da memoria íntima do artista: ‘Serpes’ e ‘Durme’. A primeira unha volta aos bosques e as sensacións da infancia, unha esculca sentimental daquilo que se queda sempre dentro dun, vaias a onde vaias. E a segunda un arrolo para ese Jaguar, chea de sensibilidade e acubillo.
Mañá volta Xoel López a Vigo, o territorio do seu íntimo Iván Ferreiro, polo que non descartemos algunha sorpresa sobre o escenario, onde xunto ao novo será obrigado voltar a cancións esenciais para nós e para a música deste país como ‘Tierra’ ou ‘Turnedo’, nun concerto cheo de soños.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 9/11/2018
Fotografía. Rafa Fariña


No hay comentarios:

Publicar un comentario