mércores, 26 de marzo de 2014

Fin da viaxe


As nosas vidas están cheas de vías mortas, camiños que un día foron e polos que agora xa non se circula, aínda que eles permanezan todavía ahí. A súa pegada queda en nós ao longo dos anos e é, precisamente, cando o túnel da morte nos espera, cando en realidade soemos volver a percorrelos como unha sorte de terapia final, unha purgación de pecados ou feitos que fomos levando case sempre agochados no que compón o petate das nosas vidas.
Emma Olsen é unha escritora afectada por unha enfermidade terminal, e o pouco tempo que lle resta adícao a rematar unha novela na cal vaise a enfrontar a moitos deses feitos aos que chega a hora de mirar fronte a fronte, a pouca distancia, e co fin de deixar todo arranxado cara esa derradeira viaxe. Para saldar contas Emma Olsen ten que volver a Faith, unha pequena cidade onde medrou e onde se cruzan moitas desas vías polos que os trens da vida aínda parecen deixar un rastro de po que canto máis o remexes máis se mete nos ollos para plantexar un pasado de dor e de segredos.
A autora do texto, Berta Dávila, compón unha estratexia baseada na mirada ao pasado como explicación do presente a través dun percorrido pola vida e pola de aqueles que rodearon a unha muller que un día necesitou sair dese pobo para acadar o seu soño, o de converterse en escritora. Conseguiuno, pero será a presenza da morte a que a fará regresar a ese Faith que emerxe como un gran personaxe, unha balea branca ante a que enfrontarse e que no seu interior agocha a cerna da vida que non deixa de ser máis que esa loita permanente pola felicidade ou a consecución do que co noso esforzo e adicación, somos quen de acadar.
Se cadra ata aquí vostedes dirán algo así como “nada novo baixo o sol, ao fin e ao cabo unha historia de recuperación de tempo perdido no que unha protagonista, mediante a  súa memoria, nos leva ata onde xorde o conflito”, pois non lles direi eu que non, pero tamén lles direi que nesta novela agóchase algo máis, agóchase a presenza dalguén que escribe moi ben e que ten un alento literario que sorprende cando un coñece a súa idade, mergullándonos nunha historia que deseguido te atrapa para intentar coñecer que acontecementos foron quen de marcar tanto a unha muller coa necesidade de voltar a esa estación perdida onde so alí atopará a calma necesaria para encher esa soidade que, como ela mesmo di, é a verdadeira vocación dun escritor. Asegúrolles que non lles defraudará, que atoparán ecos da mellor narrativa norteamericana escrita no sur dos Estados Unidos, en pobos onde unha serie de personaxes xeran un microcosmos moitas veces abafante para o propio ser humano, pero que serve, e sobre todo se están ben construidos, como abofé que é o caso, para que as súas vidas sexan durante uns instantes parte das nosas.

Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso  23/03/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario