luns, 16 de marzo de 2015

Cen anos entre o vento

Rue Saint-Antoine nº 170
Poesía. ‘Vento mareiro’, a emblemática obra de Ramón Cabanillas, cumple cen anos neste mes de marzo. Escrita e publicada en Cuba nela recóllese, como en poucas obras, o desexo dunha terra por ser ela mesma, rastrexándose un ronsel de saudade convertida nunha poesía que aínda hoxe estremece o corpo cando se afronta a súa lectura.

Augada de Castelao para ilustrar a capa da segunda edición

Un de marzo de 1915. Sae do prelo na Habana ‘Vento mareiro’, a segunda obra escrita no Caribe por Ramón Cabanillas, xa que, dous anos antes publicara ‘No desterro’. e cando levaba case tres alén do Atlántico. Ramón Cabanillas deixou o seu Cambados natal na procura dunha mellora económica, pero tamén para despexar a cabeza nun ambiente que non era o máis idóneo para a creatividade nunha Galicia, a de principios do século XX, con moitas eivas nese terreo. O poeta tiña 34 anos cando embarcou, como tantos outros galegos, cara o novo mundo para dende alí compoñer unha das odas máis apaixoadas, fermosas e afoutadas, chantada nunha terra que, xa dende os seus primeiros anos, converteuse nun motivo de inspiración e de forte reivindicación da súa identidade.
Ese poemario deu sona ao poeta cambadés, e o converteu nunha obra singular na nosa poesía abrindo moitos vieiros novos cara unha modernidade de estilo, propoñendo unha renovación que se axustaba de xeito preciso á chegada dunha nova mirada ao mundo. Esta primeira edición viuse completada seis anos más tarde, en 1921, cunha segunda edición impresa en Madrid e que na capa ilustrábase por unha augada de Castelao, personaxe co que mantivo unha fonda relación de amizade e ideolóxica, como moi ben se tratou na exposición que no Museo de Pontevedra se fixo no ano 2009 co gallo do medio século do seu pasamento, e na que se afondou na interesante relación entre Ramón Cabanillas e os artistas do seu momento, sendo, como non, Castelao un dos máis sobranceiros.
Non deixa indiferente o adentrarse de novo por este poemario, versos que te axitan a alma e cuxas palabras son coma beliscos na pel. Coa súa lectura mergullámonos no que podía pensar o poeta nun mar que non era o seu, cun sol que tampouco o era, e en definitiva, escribindo sobre as ringleiras da distancia, o fío máis feble, pero tamén o máis consistente para falar de sentimentos e para sentir subir polas pernas a ligazón cun territorio que vai moito máis aló de ser unha simple xeografía.
A edición de 1915 divídese en diferentes partes e cunha distribución dos poemas que non se repetirá na segunda edición na que se eliminarán catro e incluíndo nove novos, quedando a cifra final en trinta e sete polos trinta e dous da primeira. Pero por riba de modificacións, de cambios de orde, en todo o poemario detéctase  o seu interese polo combate, pola reivindicación dunha terra e así, na primeira desas partes, ‘Aluaradas’, é a terra a que protagoniza os diferentes poemas. Partindo dese Cambados natal ao que adica o libro, «A ti, meu Cambados, probe e fidalgo e soñador...» o poeta afúndese nos seus piñeiros, no mar, na muller, nos fillos, na lareira, en definitiva no fogar que non deixa de ser a representación da «¡Galicia Nai e Señora ,...! co que comeza o estremecedor poema ‘Galicia’ arrincando a segunda parte do poemario, ‘Da terra asoballada’, todo un berro contra a opresión no que emerxe ese poema titulado ‘A un cacique’ adicado ao Marqués de Riestra e que remata: «¡Rite, ladrón! ¡A túa sepultura levarémo-los fillos, pra escarmento, a escupir sobre a terra en que apodrezas!
De aí ata o final sucederánse diferentes ventos que espallarán os seus sonos e que debuxarán a vida na aldea e as noites de lúa: «Estrelas, árbores, fontes, paxaros, ventos e areas... ¡todo na noite alunada fala das vidas-irmáns!».
Na primaveira de 1917 data Luis Rei, o autor dun dos textos do catálogo daquela exposición conmemorativa, a primeira colaboración de Castelao e Cabanillas, mediante un prólogo poético que o de Cambados fixo para unha conferencia adicada á caricatura. Castelao foi o seu gran amigo nas Irmandades da Fala e ambos traballaron xuntos no álbum Nós.  Castelao ilustrou a portada do seu libro ‘Da terra asoballada’ en 1917 e tamén da súa segunda edición en 1926. Entre ambas, en 1921 publícase en Madrid a segunda edición de ‘Vento mareiro’, con ilustracións de Álvaro Cebreiro e a capa de Castelao para a que o de Rianxo preparou unha impresionante peza na que un home camiña pola area e o vento axita os pinos e as ondas dese mar, que non pode ser outro que o do Cambados natal de Ramón Cabanillas. Esta peza móstrase nunha das salas adicadas a Castelao no Museo de Pontevedra e véndoa  parece brotar do seu interior: ¡Pinal de Tragove!/¡Zoador, barulleiro pinal/enraizado nas laxes fendidas/da veira do mar!/ ¡Qué dozura no arume bravío/ten a branda resina que cai/das abertas feridas das ponlas/en adoas de limpo cristal!/¡Qué agarimo e brandura de berce/nas secas faíscas alfombras do chan!

Primeira edición (1915)
Segunda edición (1921)













Publicado no Diario de Pontevedra 15/03/2015
Imáxenes procedentes dos fondos do Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra

Ningún comentario:

Publicar un comentario