Temibles fauces de
podremia/habitan a casa da memoria.
Nas gallas da maceira/a arañeira
venta os tempos/dos pesadelos no límite da alba.
A verdade é dos insomnes;dos que
zugan a cinza da lúa.
[‘Os privilexios dos somnámbulos’. Pablo Bouza]
Leva
José
Manuel Caballero Bonald parte da semana
exprimindo frases arredor da poesía: «La poesía enaltece la realidad», «La
poesía es una forma de defensa», «Nunca se aprende a escribir poesía»... e así
é como o Premio Cervantes,
cos seus 88 anos na mochila, fala desa andamiaxe da vida dende a que algúns
constrúen todo un edificio coa argamasa das palabras e os versos, cheo de
miradoiros á realidade. ‘Desaprendizajes’ chámase o novo libro do vello poeta
editado en Seix-Barral,
e chega para celebrar un día como o de hoxe, o Día Internacional da Poesía.
Unha desas datas fixadas no delirante calendario das efemérides para que non esquezamos
que a poesía existe sendo a súa vértixe a que semella atraer cada vez a máis
lectores a máis autores, e tamén a máis voces para compoñer unha faciana de
valentía e afouteza dende esas casiñas que eles e elas tamén constrúen. Non
anda mal Galicia de poetas, e así a escolma do derradeiro ano ven cheo de
apostas de futuro, pero tamén de nomes xa consagrados nas nosas letras.
Non
é un novo poemario, quizás sexa aínda máis importante ca iso a obra que
publicou o pasado ano a Editorial
Alvarellos
sobre a poeta Luz Pozo Garza.
92 anos suxeita á súa poesía e a súa lingua expostos por Aurora
López e Andrés
Pociña nunha obra que é o contedor de
toda unha vida. ‘Onde nunca é mañá’ é o derradeiro libro de Manuel
Álvarez Torneiro, de novo a afouteza da
madurez nun poemario de compromiso e exactitude no dito. Unha xoia! Ao seu
carón, nese milagre que edita Kalandraka
baixo o nome de Tambo,
a ‘Estrela do norte’ de Luis Rei.
Unha achega incuestionable á obra deste autor, afastado de ‘Montes Louros’ para
baixar a onde a poesía é máis poderosa, ao devir cotiá, ao milagre da vida e
todo o que a alimenta. Un enxame axitado no que un non dubida en entrar para
sentir as punzadas da boa poesía nun libro que permanecerá no firmamento do
tempo.
Marta
Dacosta e Carlos
Callón publicaron nos últimos meses
poemarios sobresaíntes, e ambos en Xerais.
A primeira, ‘Dun lago escuro’, unha travesía por augas turbias como nas que nos
toca navegar nestes tempos; e o segundo cun valente poemario sobre a identidade
e os círculos polos que a vida nos fai pasar, ao fin e ao cabo, para coñecernos
a nós mesmos. O seu título, ‘Atravesar o fantasma’. Eli
Ríos foi a gañadora da II edición do Premio de Poesía Manuel
Lueiro Rey (nome dun poeta aínda
por revisitar e resituar onde o seu traballo merece), cun poemario, ‘Anamnese’,
que viu a luz na editorial Sotelo Blanco
e que abraia polo compromiso co eu e o fío que tece coa súa contorna. Ollo a
esta rapaza! E un deses descubrimentos que fan estremecela pel, chámase Pablo
Bouza e publicou en Alvarellos ‘Os
privilexios dos somnámbulos’, un itinerario vital cheo de valores e moi ben escrito, cun emprego da palabra que
repinica con forza os sons da vida e todo o que se nos vai apegando á alma,
apegando á memoria. Tamén poesía arriscada como a de Ramón
Neto e o seu ‘Dominio Público’; ou
poesía na internet, como a ‘Poetic@’ que ven de lanzar Fran
Alonso,
abríndolle novos horizontes ás musas.
Neste
marzo dun centenario poético como o desa obra que mudou moito da nosa poesía,
‘Vento mareiro’ de Ramón Cabanillas,
chega o día de hoxe para celebrar a todos aqueles que se adican a mirala vida a
través da palabra, a facer da súa obra o realmente importante. Mentres outros
andan a buscalos ósos dos que escriben, os que escriben cubren de carne os
seus, sabedores de que ese será o seu verdadeiro tesouro e o que debería
motivala nosa atención. Dende xaneiro os vagóns da liña dúas do Metro de Santiago
de Chile énchense de pequenos
poemarios que lembran eses versos de Pablo Neruda
que compoñen a ‘Estación Termini’ que é ‘Veinte poemas de amor y una canción
desesperada’. Un ir e vir de libros, de vagóns tapizados con rimas e xentes
lendo poesía, unha fermosa iniciativa que ben puido aplicarse aquí nesta longa
fin de semana cos textos do poeta cambadés e tentar así superar a distancia que
aínda manifestan moitos lectores coa poesía, sen saber que con poesía as viaxes
da vida son sempre moito máis levadeiras.
Non
me resisto a unha derradeira recomendación, un libro en prosa sobre poetas: ‘El
arte de la fuga’ de Vicente Valero.
Marabilloso! Escollan entre todos estes nomes que van en negrita e lean poesía,
porque como clama o mestre Juan Cruz,
«las librerías están abiertas».
Publicado no Diario de Pontevedra 21/03/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario