Rúe Saint-Antoine nº 170
Creación ▶ Taller Abierto é un colectivo que, ubicado na praza da
Estrela, no Pazo dos Barbeito, propón dende a súa creación un suxerente número
de actividades para, dende o cultural, implicarse na cerna de Pontevedra.
Aproveitando o pulo do Salón do Libro superaron unha barreira física dende o
maxín para entrar en varios escaparates da cidade.
Entre os moitos agasallos que nos ofrece o Salón do Libro dende o ano
pasado achéganos esta deliciosa maneira de percorrer a cidade, de facelo de
escaparate a escaparate, de relato a relato e de soño a soño. Se o ano pasado
foron varios artistas os que fixeron unha intervención nos comercios
escollidos, este ano encárgase da súa elaboración un deses milagres que de vez
en cando xurden nunha cidade. Ese milagre ten o nome de Taller Abierto, un
colectivo de tres mulleres, África Martínez, Marta Guirado e Ana Barreiro,
cheas de gañas de facer proxectos culturais coa cidade de Pontevedra como
soporte. Dende a súa creación artellaron diferentes actividades que van dende
cursos e talleres de cine, fotografía, literatura ou pintura, para maiores ou
cativos, ata visitas a diferentes espazos para intentar afondar nunha das súas
grandes preocupacións, como é o da dinamización do noso patrimonio, do tipo que
sexa, a través da acción do cidadán.
Nestes días, e amén doutras actividades vencelladas ao Salón do Libro,
centráronse nesta acción chea de imaxinación e potencialidade para engaoilar ao
espectador como é a intervención en nove escaparates doutros tantos
establecementos de Pontevedra para unir o territorio urbano co que acontece no
Pazo da Cultura, cerna dun Salón que non deixa de espallar, como as follas
dunha árbore, as súas beizóns sobre a cidade que o acolle.
Non é sinxelo meter nun espazo pechado e moi delimitado algo concibido
dende a imaxinación, algo feito para ser libro, para voar, é como meter ao
xenio na súa lámpada maravillosa. Pero Taller Abierto amosou a súa intelixencia
para facer da parte o todo, para simbolizar dun xeito directo cunha serie de
obxectos e unha escenografía atraínte para o camiñante, nove relatos que forman
parte da nosa historia literaria, pero tamén sentimental, xa que moitos deles
son narracións moi apegadas ao noso crecemento e ao proceso de formación como
persoas.
Arrinca o percorrido en Juncal Alimentación, ese paraíso do bo comer
do que xa e difícil escapar de pegar o nariz ao seu escaparate habitualmente,
polo que alí se amosa, e que agora presenta unha mesa cun xogo de té disposto
para que te sentes... e ao seu carón un sombreiro de copa. Un libro aberto
espanta as dúbidas que puidera haber: ‘Alicia no país das marabillas’.
Achegámonos á Praza da Peregrina, alí, na patria das chuches, La Metro Comestibles ,
atopamos unha chea de mazás vermellas sobre libros. A mazá vermella. Poucos
elementos son quen de levarte dun xeito tan directo a un conto, ‘Brancaneves’.
Baixamos polos Soportais, alí, nun dos nosos comercios máis antigos, A moda
dabaixo atopamos un deses recunchos que a literatura converte en máxicos, un
espazo feito á medida do lector: unha butaca, unha mesiña, unha lámpada, uns
lentes, unha morea de libros. Ese espazo
é o espazo de todos os lectores. Baixamos uns metros, ata a praza de
Curros Enríquez, alí, na Droguería Moderna, é o turno das meigas, da alquimia,
da escuridade, alí unhas pernas de nenos asoman por un caldeiro e un texto
lévanos a pensar en ‘Hansel e Gretel’.
Pola rúa Real, rúa do Camiño a Compostela, tránsito de lendas entre
pobos e persoas, dous escaparates máis nos convocan. El Cisne, onde o ano
pasado Manuel Moldes profetizara a rexeneración da democracia cun anel de
chourizos, agora espállanse unhas ringleiras de frutos secos que semellan
movidas por un exército de formigas, fronte a elas unha guitarra, lecer e
diversión. ‘A cigarra e a formiga’. Uns metros máis abaixo, Cestigar,
supervivente dunha traxectoria de cesteiros que enchía de olor a bimbios toda a
rúa. No seu escaparate un berce de palla sustenta a historia de ‘O lobo e os
tres porquiños’. Uns poucos ladrillos, e uns troncos fálannos dos materiais das
súas casiñas, e sobre eles tres cadeiras.
Chegamos á parte final do roteiro, destes retallos de contos que fan
da parte o todo. Na praza de Méndez Núñez, na Casa dos Paraugas, Ernesto
Filgueira, acolle un paraugas suspendido no aire e unha bolsa de viaxe sobre
unha morea de páxinas, rápidamente pensamos en ‘Mary Poppins’ e como con tan
pouco se pode reflectir tanto. Na rúa Sarmiento chega a hora de Julio Verne.
Don Julio. As súas ‘20.000 leguas de viaxe submariño’ e un universo cheo de
peixes de papel que enchen o escaparate de Foto Merchy Gómez. Última parada,
Amarante, na rúa San Román, un feixe de rapaces, que andan de excursión,
afunden o seu nariz no cristal. Unha alfombra, abofé que máxica, e unha lámpada
marabillosa, levannos ‘As mil e unha noites’, e tamén ao final deste fermoso
percorrido que fía diferentes contos.
Páxinas escritas e agora páxinas representadas dende nove ventás cheas
de ilusión. Ilusión dos que nos achegamos a elas, pero tamén das súas
creadoras, polo ben feito, e que completan a súa achega ao Salón do Libro con
diferentes talleres vencellados á pintura, o debuxo, a xeometría ou a natureza,
desenrolándose dentro da programación dese Salón que segue espallando pola
cidade todo o seu potencial e que chega tamén a nós en forma de escaparates
cheos de arte e letras para deixarnos alí pegados.
Publicado no Diario de Pontevedra 9/03/2015
Fotografías: Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario