mércores, 22 de abril de 2015

Lueiro Rey. De Fornelos ao mundo

Rúe Saint-Antoine nº 170
Literatura. O acto de entrega do III Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, a presentación de dous libros arredor da súa figura na súa vila natal de Fornelos de Montes e a posta en marcha dunha web volven a poñelo foco nunha persoa fondamente ligada a Pontevedra e cuxa obra literaria pide con cada vez máis forza unha revisión e posta en valor.

Acto de entrega do III Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey
a Luís Valle pola súa obra 'As cicatrices do sol'
O nove de abril de 1916 naceu en Fornelos de Montes Manuel Lueiro Rey. Cando resta pouco menos dun ano para celebralo centenario desa data actívanse diferentes circunstancias que rodean a unha figura todavía por descubrir polo que deu como escritor dende diferentes eidos que van dende a poesía, a narrativa ou a opinión xornalística. En todas elas o seu nivel de creación e de compromiso co ser humano reivindica a súa obra como unha das máis diversas da nosa escrita non recoñecida como o merece.
Fornelos de Montes leva sendo o acubillo dende hai tres anos á entrega do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey. ‘As uñas crecen’ de Silvia Penas, ‘Anamnese’ de Eli Ríos e agora ‘As cicatrices do sol’ de Luís Valle empezan a fornecer a unha cita que comeza a ser senlleira nos premios da poesía en Galicia. Novas voces que emerxen grazas ao nome dun enorme poeta e a un legado que defende como unha causa propia Carmen Carreiro, activista cultural e presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe que non deixa de artellar propostas coa feliz axuda do crítico e autor Ramón Nicolás na descuberta da xa chamada  ‘Causa Lueiro’. Un traballo calado que agora comeza a ver como as luces convértense en publicacións e nunha afoutada páxina web que nos leva á vida e a obra do autor de Fornelos.

No Multiusos de Fornelos de Montes e coa presencia do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pioneiro na súa achega á figura de Manuel Lueiro Rey e o alcalde Emiliano Lage, desenrolouse o acto de entrega deste III premio de Poesía que recaeu en Luís Valle polo seu poemario ‘As cicatrices do sol’, xa editado por Sotelo Blanco e que se presentou nese mesmo acto. O poemario impúxose a outros 37 traballos e del o xurado composto por Luís Cochón, Mercedes Queixas e Armando Requeixo destacou «a súa dicción poderosa para percorrer as realidades máis universais, o amor, a dúbida, a orfandade, a esperanza, o pasar do tempo. (...) Voz por veces oracular, recendos proféticos e imáxenes visionarias fan deste ‘As cicatrices do sol’ un poemario con selo propio». O acto, ao que acudiron numeros veciños, familiares de Lueiro Rey e xente da cultura, desenrolouse entre o recordo sempre afoutado del e o optimismo xerado pola nova poesía, da premiada e da que recitou a gañadora do pasado ano Eli Ríos. Voces que se suceden para que a súa obra siga sendo a testemuña notarial do valor da poesía, hoxe sustentada en nomes como os de Lueiro Rey.


Nese mesmo acto aproveitouse para presentar un volume chamado ‘Lueiro nas coordenadas de Fornelos’ editado polo Concello de Fornelos no que se apañan unha serie de textos feitos polo propio Manuel Lueiro Rey arredor da súa vila natal. Poesía, narrativa e textos xornalísticos que Carmen Carreiro soubo apañar e que con textos limiares de Ramón Nicolás e Manuel Carlos Lueiro Lores detéñense nesa xeografía primixenia como é a da contorna na que se nace e da que un nunca se pode desfacer. Esa xeografía de Fornelos, xunto coas de O Grove onde viviu a maior parte da súa vida e a Pontevedra na que traballou como funcionario de Facenda, compoñen un triángulo vital dende o que Manuel Lueiro artellou a súa obra literaria.

E outra boa nova no universo de Manuel Lueiro Rey é a creación dunha páxina web adicada a súa figura e a súa obra. A dirección www.manuellueirorey.com é un territorio no ciberespacio para espallar o seu quefacer, aquel que comezou dende o mesmo momento do seu nacemento en Fornelos e ao que agora se pode acceder dende calquera lugar do mundo.
Manuel Lueiro Rey (4º dta.) nunha homenaxe
nos anos sesenta
Impulsada por Carmen Carreiro e co deseño de Daniel Ferreiro conta co asesoramento nos seus contidos de Ramón Nicolás, toda unha conxunción de forzas para que nos podamos mergullar en aspectos como a súa biografía, obra, un arquivo con imáxenes e textos e un historial dos premios que levan o seu nome, como son o xa comentado Premio de Poesía e o Premio de Novela que se entrega no concello de O Grove. Abofé que en pouco tempo será unha ferramente imprescindible á hora de descubrir o que nese universo se agocha e co que o tempo non foi moi xeneroso. Chega a hora de saldar débedas, de colocar a Manuel Lueiro Rey no lugar que se merece por todo o escrito, por todo o pensado, por todo o feito e de reinvindicar todo ese labor para o que o ano que ven, lembramos de novo, o do centenario do seu nacemento, ten que ser clave. Por moito menos do feito por el houbo adicacións no Día das Letras Galegas así que teremos que agardar acontecementos para ver se por fin se pon luz na escuridade desa ‘Liberdade Ferida’, como titulou Ramón Nicolás un espléndido e recente traballo editado por Xerais na reivindicación desa causa. O autor de poemarios como ‘Memoria de la raíz de las cosas’, ‘Mientras crece la hierba’ ou ‘Escolma ferida’; libros para nenos como ‘Non debían medrar’; relatos como os que compoñen ‘O sol na crista do galo’; novelas como ‘Manso’ ou centos de artigos xornalísticos abofé que precisa esta descuberta que comeza a latexar con forza de Fornelos ao mundo.




Publicado no Diario de Pontevedra 20/04/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario