sábado, 4 de abril de 2015

Un Laxeiro de dobre cara

Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura. A chegada ao madrileño Museo Reina Sofía, dentro da colección do Kunstmuseum prodecente de Basilea, dun cadro de Picasso pintado polas dúas caras, está a chamar moito a atención do público e dos medios de comunicación. Aquí tamén temos a nosa dobre cara nun lenzo, a cargo de Laxeiro, o noso Picasso galego.

O dobre cadro de Laxeiro colocado no seu soporte
Nesta fin de semana foron moitos os visitantes que se achegaron ao Museo Reina Sofía de Madrid para descubrir os tesouros que a colección do Kunstmuseum Basel, el Museo de Arte de Basilea, presta, dende o 18 de marzo ata o 14 de setembro, debido ás fondas reformas ás que somete a súa sede, compoñendo así unha exposición única, pola calidade e diversidade duns fondos que permiten percorrer, dunha inmellorable maneira, a arte do século XX. Falamos de 170 obras esenciais na última historia da Arte, entre as que unha peza está a chamala atención durante os últimos días nos diferentes medios de comunicación que reflicten a noticia da que pode ser unha das exposicións do ano en España. Esa peza, non é unha, senón que en realidade son dúas. Falamos dun lenzo pintado polas dúas caras por Pablo Picasso. Certamente unha rareza, pero ao mellor non o é tanto. ‘La bebedora de absenta’ e ‘Mujer en el palco’, ambas obras de 1901, nunca se viron antes en España, e ademais de chamala atención polas súas calidades artísticas, tamén o farán por funcionar xuntas, por pegar a súas costas para ser vistas dun xeito pouco común nas exposicións ás que estamos acostumados, debendo rodeala peza para atoparnos con esas dúas figuras fascinantes dentro da primeira produción dun Picasso aínda moi vencellado aos tempos do postimpresionismo e lonxe do que sería a súa pintura máis característica.
Esa dobre face, esa maneira de ser vistas, ten en Pontevedra un epígono cunha dobre peza dun pintor que sen nengún tipo de fachenda, poderíamos calificar como o noso Picasso, non só pola anécdota dentro da súa traxectoria que supón esta peza, senón pola achega da súa pintura qué, coma no caso de Picasso, edificou gran parte do que sería a arte coetánea e posterior a el. Falamos, claro está, de Laxeiro, quen, entre os fondos do Museo de Pontevedra, permite ver esa dobre obra feita entre 1939 e 1940.
Esta peza atópase no terceiro andar do sexto edificio do Museo de Pontevedra na sala adicada ás Vangardas Históricas e a arte dunhas décadas singulares no noso devir artístico. Unha vez superadas as pezas do pontevedrés Arturo Souto (algo que nunca é fácil dada a importancia da súa pintura) chegamos a unha sala na que Laxeiro e o marinense Manuel Torres, amigos en vida, comparten un mesmo espazo. Sobre unha peana, dun xeito idéntico ao que se artellou no Museo Reina Sofía para amosar as pezas de Picasso, vemos e rodeamos a esa ‘Maternidade’ e a ese ‘Retrato da miña filla’, que amosan a un dobre Laxeiro, naquel intre fortemente apegado á cidade de Pontevedra.
Laxeiro e Pontevedra mantiveron nas primeiras décadas do século XX un forte vencello. Gañador dunha das famosas e pioneiras becas para artistas da Deputación de Pontevedra, Laxeiro viviu en Pontevedra a mediados dos anos trinta, para logo marchar, pero en 1940 regresa á cidade onde será mestre de traballos manuais no Instituto Valle-Inclán, según recolle Beatriz de San Ildefonso Rodríguez nun dos textos do catálogo ‘O primeiro Laxeiro (1908-1942)’, que estudou esa relación, como complemento a unha mostra no propio Museo de Pontevedra comisariada polo seu director, Xosé Carlos Valle Pérez no ano 2008, ano de conmemoración do centenario do nacemento do pintor. Eses anos que están entre paréntese son os anos que van dende o seu nacemento ata o ano en que deixa a cidade e marcha cara a Vigo.
A autora do texto relata como en 1940 a Deputación de Pontevedra volvía a poñer en marcha aquelas famosas pensións, recaendo unha delas na figura do pintor lalinense. Laxeiro, como contraprestación pola bolsa, fixo entrega de dous cadros, que en realidade son tres: ‘Retrato da miña filla’ (coa ‘Maternidade’ no reverso) e ‘O baño’.
'Retrato da miña filla'
Con esas pezas Laxeiro afúndese nunha das temáticas preferidas deste momento como é o da muller. Por un lado a muller-nai, a recreación da Galicia, neste caso a muller sostendo ao seu fillo. A base de toda unha terra e que outros pintores da súa xeración, como Colmeiro, Maside, Torres ou Souto tamén elexiron como gran totem artístico. E a filla, e dicir, o futuro, aquelo que virá, a esperanza dunha terra. Estilísticamente ambas presentan diferencias na súa pincelada, máis densa a primeira, dulcifícase na segunda das pezas, o que lle da maior lixeireza e proximidade ao retrato.

Picasso, Laxeiro, e os seus paralelismos, unidos por tantas cousas xa, que esta é só unha máis.


Publicado no Diario de Pontevedra 23/03/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario