Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. A entrega en Pontevedra
dos premios da Crítica a través da Asociación Española de Críticos Literarios
entre o moito bo que deixou ten outra achega máis ao noso firmamento literario.
Un libro editado por Galaxia e o Concello de Pontevedra no que se recollen
diferentes textos de autores vencellados a unha vila chea de literatura.
Valle-Inclán suxeita o libro 'Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros' |
A comarca é dunha amenidade sen par,
abondosa en froitas de toda clase, especialmente en uvas, que na estación do
outono amosan unha vizosa louzanía. Un vello autor andaluz deixou dito que aquí
se dan tantas laranxeiras e limoeiros coma na campiña cordobesa...». Deste
xeito referíase o viaxeiro inglés vendedor de Biblias, George Borrow, cando se
achega a Pontevedra en 1937, á paisaxe que atopou nesta vila e na súa contorna.
Un calificativo que lle serve a Víctor Freixanes, editor do texto a través da
Editorial Galaxia para subtitular esta escolma literaria cunha cerna ben
definida, Pontevedra.
A Pontevedra de Paio Gómez Chariño, a
dos frades Feijoo e Sarmiento, a de Xoan Manuel Pintos, a dos Irmáns Muruáis, a de Valle-Inclán ou
Torcuato Ulloa, a de Luis Amado carballo, a de Xoán Vidal Martínez, a de
Filgueira Valverde, Castelao ou Lousada Diéguez, a da Revista Cristal, tamén a
da Colección Benito Soto de poesía, a de Gonzalo Torrente Ballester... e así
poderíamos encher de nomes este artigo ata o punto final. Nomes que renovan a
súa faciana cos que forman parte deste itinerario polas almas literarias de
Pontevedra. Un itinerario que a Asociación Española de Críticos Literarios,
dirixida polo galego Ángel Basanta fixo coa colaboura da Editorial Galaxia e o
Concello de Pontevedra, xuntos na afoutada misión de poñer negro sobre branco
nas letras de Pontevedra. A reunión dos críticos literarios españois tivo neste
libro un agasallo para todos eles que tamén queda no anaquel dos agasallos que
a escrita lle fixo á literatura e á propia Pontevedra. Ese relatorio de nomes é
a testemuña notarial do que supón esta cidade levitante coas súas historias e escenarios
dentro da ilimitada paisaxe literaria. Para manter ese vencello este libro
acolle nas súas páxinas a unha escolma de creadores que, dun ou doutro xeito,
teñen a Pontevedra como referente, como atrezzo para as súas narracións e
inspiración para os seus soños. Fragmentos orixinais uns, outros escollas
persoais dos autores que serven para artellar un libro ilustrado con
fotografías de Noel Queipo nas que se amosa parte da moita creación literaria
que ten a Pontevedra como unha áncora coa realidade ou a irrealidade, quén
sabe?
Fina Casalderrey, Alfredo Conde, Xesús
Constela, Francisco Cortegoso, Miguel Ánxo Fernández, Susana Fortes, Víctor F.
Freixanes, Manuel Lourenzo, Xosé Monteagudo, Luís Rei, Elvira Riveiro, Calros
Solla, Miguel Suárez-Abel, Sabino Torres, Xosé Vázquez Pintor, Clementina
Vidal Caramés, María Aurora Vidal e Isaac Xubín son a escolla realizada nesta publicación
dirixida por Ana Acuña e Olivia Rodríguez. Unha heteroxeneidade literaria que
afonda nese universo de perfís diferentes, de horizontes acodados na
desembocadura dunha ría que se mergulla no Lérez para converterse en río de
palabras. Os seus nomes son, polo tanto, vieiros para a narración curta, a
novela, a poesía... diferentes latexos para amosalo pulo do corazón desa
Pontevedra feita libros por tantos e tantos ao longo dos séculos.
E a carón das palabras, as imaxes, o
percorrido visual por unha Pontevedra de pedras e humidades que, como unha
turxente pel, sente o belisco cando alguén pousa a súa pluma ou o seu maxín
sobre ela. Fotografías feitas por Noel Queipo que se reparten entre os
escenarios da cidade e os retratos dos participantes. O rostro e a man de cada
un deles como a metáfora do acto de escribir e a mente que o impulsou son os
dous elementos claves de cada unha desas imaxes persoais nas que se concentra
moito do que é o autor. Ese ser máxico que coas súas historias lévanos hacia
outras vilas, outras historias e outras vidas. E que mellor que facelo dende
Pontevedra, medida de tantas cousas.
Exteriores e interiores que reflicten a
puxanza das nosas letras. A cantidade de autores que entre ‘laranxeiras e
limoeiros’ nos entregan os froitos do seu traballo e paixón, sempre da man
cando se fala da escrita. Un libro a través do cal tecer esa malla coas letras
que acubillou en días pasados ás xentes de toda España que nos converteron en
capital literaria e marcharon convencidos de que así era, cando nós xa sabiamos
que somos esa capital dende ben lonxe.
Embaixadores non nos faltan e este
listado, envolto nestas páxinas, é a mellor carta de presentación do aquí
feito. Ábrano por onde queiran, atoparán a forza da palabra e un relato que
lles levará a falar con esta cidade e a ollala enfite a traves desas caras
orgullosas de si mesmas, do feito nos seus libros e dese mesmo orgullo é do que
participamos todos nós como o complemento necesario para que todo teña sentido.
E
as palabras convértense en exposición. Unha mostra inaugurada o pasado xoves no
Pazo da Cultura e que estará aberta ata o 31 de maio acolle todo este
itinerario literario dun xeito visualmente ben atractivo, cunha serie de paneis
nos que se abren todos eses horizontes que foron compoñendo e compoñen a
paisaxe literaria de Pontevedra ao longo da historia.
Unha
historia que vai dende ‘A música das ondas’ dos trobeiros das Rías Baixas ata a
Pontevedra de hoxe, a da Literatura para os máis novos do Salón do Libro ou a
Capitalidade das Industrias Culturais do Culturgal. E polo medio páxinas senlleiras como a
colección de poesía Benito Soto, as diversas achegas de Castelao, a Sociedade
Arqueolóxica, a presenza de Valle-Inclán ou o Colón pontevedrés. Fitos na nosa
historia como comunidade.
Publicado no Diario de Pontevedra 26/04/2016. Fotografía: Rafa Fariña
Tanto no artigo do pasado domingo publicado no Diario de Pontevedra, coma no blog, observo un erro ou omisión na relación dos autores que participan no libro: non aparece Isaac Xubín.
ResponderEliminar