martes, 8 de decembro de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto II

Menina
Na súa misión evanxelizadora trala súa baixada á terra Pablo Iglesias avísanos do que vai a acontecer no futuro máis inmediato. Tras abrir en canal a non sei cantos gatos e facer un exame das entrañas das vítimas sacrificadas, o líder da coleta chega á conclusión de que a presenza da vicepresidenta para todos os asuntos que Mariano queira e máis alá, Soraya Sáez de Santamaría, no debate que ao mellor viron onte pola noite, ou non, débese a unha astuta maniobra co presidente do Goberno argallou para, no caso de ter que pactar con Ciudadanos, servir a súa propia cabeza en bandexa e deixar a Soraya á fronte do Goberno e de España. Pablo Iglesias bautiza esa operación como Operación Menina, con bastante mala baba, por certo, se lembramos o famoso cadro de Velázquez. A cuestión, aparte de deixar patente o olfacto político do candidato de Podemos non é máis que outra mirada á cuota de poder en permanente ascenso da vicepresidenta que onte, pasara o que pasara nese debate, abofé que saíu afianzada, simplemente por algo que se lle debe pedir a calquera político: estar. A delegación de funcións do propio presidente, tan lamentábel coma inescusábel, evidencia o medo e o cansazo que se lle pasa a Rajoy pola cabeza só de pensar en ter que batirse con máis dun candidato. En troques, Soraya Sáez de Santamaría, reforza unha figura que, como acontece na obra mestra da pintura, non é a súa personaxe máis relevante, pero si que é a que lle da nome ao cadro.


Publicado no Diario de Pontevedra 8/12/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario