luns, 21 de decembro de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto IX (e derradeiro)

Ollos de muller
Mentres Mariano Rajoy arengaba ás masas agolpadas baixo a sede de Génova arredor das doce da noite, os ollos das mulleres que o rodeaban, Viri Fernández, Soraya Sáez de Santamaría e Dolores de Cospedal reflectían a realidade do Partido Popular tras os resultados electorais.
Ollos de muller que nunca enganan, nos que a verdade non entende das palabras fronte ao xentío ou da pel morena de Javier Arenas, (si, cando despertaron Javier Arenas seguía alí). Neses ollos asomaban os números do PP, os reais, os que non entenden de porcentaxes de votos ou de interpretacións partidistas, e si do escenario que se lle abre ao partido a partir de hoxe. Tamén saben que a terra queimada que deixou o PP coa súa maioría absoluta ao longo destes catro anos non vai ser o mellor terreo para que medren os pactos. Tamén saben que, por moito que Mariano Rajoy fale de que debe gobernar a lista máis votada, o voto da xente e a representatividade obtida na noite electoral polas diferentes opcións políticas abre un xogo de acordos que, dentro dunha democracia parlamentaria, non o esquezan, permite posibilidades que se afastan da do goberno da lista máis votada, sendo perfectamente legais e válidas e tamén saben, como sabemos todos, que xa nada voltará a ser igual que ata agora, que un tempo rematou e que unha maneira de entender unha certa política e a todo un país xa non ten sentido dende hoxe. Eses ollos, a piques de que deles broten as bágoas, convértense nunha lagoa de inocencia na que se reflicten os días de viño e rosas, as ledicias e os sufrimentos, pero sobre todo, un tempo que esvaece, un tempo contido nuns ollos de muller.


Publicado no Diario de Pontevedra 21/12/2015 

Ningún comentario:

Publicar un comentario