martes, 22 de decembro de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto X (e agora si, derradeiro)

E agora que?
Nunca nos vimos noutra igual. Hai que pactar. O que semella unha ignominia na boca dalgúns políticos é simplemente o que é, facer política. Con catro partidos amplamente representativos do electorado non queda outra que conversar e chegar a acordos. Rematou aquilo das matemáticas de gardería e agora veremos, de verdade, de que pasta están feitos os nosos políticos.
Resulta moi tenro escoitar, ao raiar a alba deste novo tempo, ao PP lanzar recadiños ao PSOE, ao que tratou como un despoxo ao longo da campaña, facéndolle as beiras ante un posible apoio ao seu candidato. Tamén emociona o permanente recurso de que ten que gobernar a lista máis votada e porqué? pregúntome eu. Non estamos nunha democracia parlamentaria na que ao presidente do Goberno o elixen os representantes do pobo no Parlamento? Ah! que non sabían o que era unha democracia parlamentaria? Pois aquí van a comezar a sabelo, e a sabelo de verdade, tras días e meses de infundir o medo ante o goberno dun conxunto de partidos, como se fose unha maldición biblica que arrasa as terras, cando iso é, simplemente, unha coalición.


Publicado no Diario de Pontevedra 22/12/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario