En serio?
A última ocorrencia da campaña, a
penúltima, que seguro que a estas horas xa se lanzou algunha outra á atmosfera,
púxoa en circulación o presidente do Goberno e candidato do Partido Popular ao promover o traballo
naqueles maiores que prolonguen a súa vida laboral mediante a exención do IRPF.
Toda unha modernización do noso ‘parque laboral’ xa que en vez de adicar todos
os esforzos a promover o traballo entre os mozos, o sector máis castigado polos
índices de desemprego, adicámonos a prolongar o tempo de traballo da xente,
eliminando outra das conquistas da nosa sociedade, como é o goce do tempo que a
un lle pode quedar de vida.
O pasado domingo uns rapaciños cheos de
ilusións no futuro (ou iso creo eu), repartían baixo o sol do inverno da Ferraría a propaganda do PP, unha
publicidade titulada ‘España en serio’ na que se podía ler un dos obxectivos do
Goberno: «Nos comprometemos a poner la economía al servicio de las personas».
Tras ler isto e escoitar uns días despois a Mariano Rajoy xa só me queda pensar naquel corvo de José Luis Moreno, que dicía o de «Toma
Moreno», acompañado dun simpático movemento oscilante de cintura.
Alentar o traballo da xente maior non é
ser uns pioneiros no mundo á hora de axustarse aos novos tempos de longas
esperanzas de vida nas persoas, simplemente é recortar a calidade de vida e
promover un traballo que debería facer a xente que máis o precisa. Realmente
isto é tomarse a España en serio?
Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario