«Humildemente informo que escribo en
galego e non me sinto frustrado. Escribo na lingua de meus pais e avós, dos
meus veciños, do meu pobo...
[Xosé Neira Vilas. ‘Réplica a Saramago’
en ‘O Sarillo do tempo. Editorial Xerais]
Encántame o olor da cultura polas
mañás... e polas tardes, e pola noites. Iso é o Culturgal, cultura a todas horas ao longo de tres días. Tres
xornadas cheas de actividades e de feitos arredor desa beizón que diferencia a
un pobo doutro. A aquel que se gaba do que fai e aposta por un elemento
claramente diferenciador, daquel que silencia aquilo que forma parte do seu ser
máis íntimo.
Entrar no Recinto Feiral de Pontevedra nesta fin de semana e encher ben os
pulmóns con todo o que alí nos atopamos, cita tras cita, é un dos momentos máis
felices de todo o ano. Ulir ese arrecendo a libros, a filmes, a músicas, a
teatro, a edición, a artesanía... en definitiva, a talento, creatividade e
ilusión é un dos mellores aromas que poden saír desta terra e un séntese, cos
pés chantados nesa alfombra vermella e as mans na cintura mirando ao horizonte,
como o coronel Kurtz de Apocalypse Now. A forza da cultura é
tal que nos encoraxina e nos fai máis fortes, servindo para esmagar todo aquilo
que nas nosas vidas nos enche de sombra e desacougo.
Percorrer os diferentes espazos, as
diferentes propostas que se ofrecen ao longo do Culturgal, é manter eses
pulmóns cheos dun aire vivo, dun aire que se renova en cada stand que un
visita, con cada acción coa que un se atopa ao longo desta Feira das Industrias
Culturais ou con eses detalles que son os que realmente son importantes nestes
días: os rapaces lendo nalgún recuncho do recinto, o público asistindo coas
súas caras de felicidade a algún espectáculo, os aplausos aos protagonistas,
cruzarse con alguén ao que un admira ou sentirse perto dalgún autor que che
está a asinar un libro.
Pequenas bolboretiñas que voan dentro
dese aire limpo da cultura, dun ecosistema polo que non paran de albiscar
raiolas dun sol cheo de brillos que alumean para que nos sintamos orgullosos
dos nosos autores e do seu recoñecemento tamén fora de Galicia, nomes como os de Ledicia
Costas, Berta Dávila ou Gonzalo Hermo que veñen de recibir
premios a nivel nacional por escribir na súa lingua textos marabillosos. Se os
coñecen saberán cos tres son moi novos, iso supón futuro que xa é presente.
Pero xunto cos premios tamén temos as
vendas, a parte necesaria que soporta todo o romanticismo, autores que cos seus
libros alimentan de novos aires o sistema editorial galego, nomes que teñen
tras de si ringleiras de lectores e aos que deben mimar como un tesouro
agochado nun cofre, e desta vez temos a Manuel
Rivas cun deses libros claves na nosa escrita, ‘O último día de Terranova’, que ademáis de ser da mellor
literatura, da súa e da nosa, aínda por riba é unha fonda homenaxe á cultura e
ao que supoñen as librarías como osíxeno permanente desta sociedade tantas
veces abafada polas contaminacións coas que moitos pretenden facernos convivir.
O Culturgal atopou en Pontevedra o seu
hábitat natural, un fogar irrenunciábel, un puntazo, a equidistancia entre
cidades nun ambiente cidadán que dende sempre favoreceu á cultura, e que ata
argallou unha cidade entendida como un escenario sobre o que desenvolver ese
espazo case de ágora no que poder falar, conversar ou pensar. Unha humanización
que, como debe facer a cultura, ten que poñer por riba de todo ao ser humano.
Esta relación, proxecto-cidade, vai cada ano a máis e iso nótase nesta edición,
cunha maior presenza de expositores enchendo como nunca todo o espazo dispoñible.
Un síntoma de dúas cousas, por un lado do interese da xente que sempre ateiga
durante eses tres días o Culturgal, e por outro, o incremento de actores
culturais, sobrepoñéndose á dureza dos tempos así como as durísimas condicións
que debe soportar o sector e un cruento IVA que castiga todo canto se asocie á
cultura.
Collan aos seus cativos, crucen o río Lérez e adéntrense no Culturgal, se o
coñecen xa saben de que vai a cousa, se non, descubrirán un ámbito de lecer
marabilloso cunha chea de posibilidades, e tamén a mostra palpábel do moito que
se fai en Galicia dende a imaxinación e tamén o esforzo, pero sobre todo
pasarano ben, porque a cultura é unha festa e nesta fin de semana, en
Pontevedra, esa festa chámase Culturfesta, enchan os pulmóns e abofé verán como
respiran moito mellor.
Publicado en Diario de Pontevedra 5/12/2015
Fotografía. Tres rapazas protagonizan un intre divertido na primeira xornada do Culturgal (Gonzalo García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario