A Universidade de Salamanca celebra
os seus 800 anos de historia cunha ampla exposición plantexada por Miquel
Barceló. Diferentes espazos da cidade amósanse modificados pola suntuosidade e
trascendencia duns traballos que enguedellan tradición e modernidade
PRIMEIRO
UN logotipo, despois unha exposición, e por último un doutoramento honoris
causa. Tres fitos que marcarán o ano para o artista Miquel Barceló, pero tamén
para a universidade máis antiga de España, a de Salamanca. A institución
académica, cerna da vida da propia cidade, achégase ao maxín do artista que
mellor sabe actualizar o feito histórico e antropolóxico da nosa arte e da nosa
cultura. O seu interese polas culturas primitivas, dende as pinturas rupestres,
ata o traballo con materiais básicos como o barro, pasando polo mundo do touro
e por outros rexistros simbólicos que foron balizando a nosa paisaxe cultural
ao longo dos séculos, e a súa adaptación a unha linguaxe da modernidade,
converten a Barceló non só nunha estrela mediática do ámbito artístico, senón
nun dos nosos máis singulares creadores.
Non
temos máis que achegarnos á capela do Colegio del Arzobispo Fonseca e
mergullarnos nese impresionante lenzo de seis por catro metros cheo de froitos
carnais e sensuais, pero tamén de flores cheas de inocencia. Elementos
orgánicos que semellan estar flotando nunha sorte de líquido amniótico, nun
baleiro incomprensíbel á vez que emocionante para calibrar a súa magnitude. Esa
peza, que é a que nomea ao conxunto da mostra, El Arca de Noé, chega á
exposición procedente do seu estudo de París. Nunca exposta antes é unha das
moitas pezas inéditas, case a metade dos oitenta traballos que compoñen a
exposición, e que se reparten en diferentes puntos da cidade. Espazos e
ambientes de fonda raigame renacentista, de liñas sereas e equilibradas. Toda
unha mesura construtiva e de pensamento que estala fonte á heteroxeneidade das
formas e das propostas de Barceló que sempre amosan un punto de desafío co
espectador e coa súa contorna. Un senso lúdico da arte que fía o seu traballo
con valores da arte máis primitiva, unha explosión de emocións, a plasmación do
irracional ou a recuperación dunha inspiración que medra dende o xesto, dende a
evidencia do artista sobre a materia, converténdose esta en parte esencial do
traballo do artista.
Pinturas,
esculturas en bronce ou en cerámica, obra gráfica, performances... todo o
universo Barceló desenvolverase ao longo dos meses que van dende maio a ata o
un de outubro, cando se peche a exposición e o artista sexa nomeado doutor
honoris causa pola Universidade de Salamanca, na que é a súa primeira
exposición en España dende 2010. Pezas que entran en conflito coa serenidade do
espazos nos que se inxiren, non hai máis que fixarse nese Gran elefant dret apoiado
sobre a súa trompa que, no medio da Plaza Mayor, bota un chorro de fume ao marcar
o reloxo da praza as horas. De novo o sentido lúdico da arte, a chiscadela co
espectador que xa de antemán asegura a ese elefante como o rei das fotografías
do verán en Salamanca. Pero é que todo iso muda cando entramos no Patio de
Escuelas da universidade e nos movemos entre a obra 14 allumettes. Un
bosque de mistos feito en bronce, pezas dunha tonelada cada unha que amosan a
súa propia destrución. O paso do lume pola existencia e como deixa a súa pegada
sobre o seu propio corpo.
Lume,
materia, auga, fume, liña, pegada... ingredientes que se van sedimentando a
medida que imos percorrendo as diferentes obras. Os orixinais das míticas
acuarelas que ilustraron en 2003 A
Divina Comedia; as esculturas da Hospedería de Fonseca: cabezas de animais,
cabalos, touros, cabras, todas elas debedoras da arte que máis impresiona a
Barceló, a das catedrais prehistóricas de Chauvet e Altamira; e os testos
xigantes que moldean unhas orellas que se dobran cara adiante no Palacio de
Anaya. Esceas do surreal que tamén teñen cabida neste universo máxico de
infindas posibilidades expresivas e interpretativas pero que, sobre todo,
aluden ás emocións, a calibrar unha percepción dos obxectos e das obras de arte
que nos conducen por moitos séculos, incluso máis aló deses oito que celebra a
Universidade de Salamanca, xerme de tantas ideas e que agora acolle a todo un
xerador de pensamento. Un ser subido a unha arca artística, pero tamén de
redención humana a través dos sentidos.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 7/05/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario