Poucas
veces soou tanto unha palabra en Galicia como a pasada semana, con esa afouteza
elixida como símbolo de resistencia pola afección do Celta. Afouteza soando
dende a rúa do Príncipe ata os platós de televisións madrileños ou no mesmísimo
Old Trafford. A cidade de Vigo enchoupada en carteis e bandeirolas coa palabra
máxica, políticos facendo dese impacto público ingrediente dos seus discursos,
cativos nos colexios coa boca chea de afouteza... En definitiva, a lingua
galega como parte dunha identidade de dentro e de fóra que é quen de invadir a
toda a nosa sociedade.
No
Día das Letras Galegas, un dos poucos do ano nos que se pensa sobre o noso
idioma e as súas posibilidades, urxencias e derivas, un non pode deixar de
envidiar o fútbol pola capacidade que ten de infiltrarse na sociedade, de
asolagar territorios que van dende o físico ata as sensacións máis primarias do
ser humano, o que me leva a pensar en por que non tomalo de modelo, na súa
vertente da difusión masiva, como mostra de parte do camiño que as institucións
responsábeis deberían afrontar para poñer en valor o galego, non tanto o
dirixido ás elites como o do día a día, un labor que é como regar un xardín no
que enxergar palabras no léxico da xente de a pé (cantos non saberían da
existencia desa fermosa palabra ata que Celta e Manchester cruzaron os seus
camiños), tamén a visualización diaria do emprego do galego con orgullo, sen medos,
sen vergoñas. Ver esa palabra pendurada polas rúas e prazas da cidade máis
grande de Galicia ou protagonizando grandes titulares nos medios de
comunicación é a proba do necesario dese investimento, do retorno que tería
nunha poboación desorientada co uso do galego e á que pouco se lle axuda para
reafirmarse dende o seu emprego fronte á apisoadora do castelán.
Quixo
o destino que outra apisoadora atracase neste día en Vigo. O partido aprazado
polo temporal ante o Real Madrid terá hoxe a súa resolución e tamén a da propia
Liga. Aquela suspensión amosou unha certa afouteza antes de que o propio Celta
se abrazase a esa palabra semanas despois, fronte ao autoritarismo que amosaron
o equipo branco e o seu presidente, Florentino Pérez, que xa tiña unha das súas
brigadas de obras e contratas preparada para ensinarnos aos galegos cómo se
arranxaba en poucas horas o problema das cubertas de Balaídos. O Celta
resistiu, non escoitou os cantos de serea dende a capital, e abofé que esa
resistencia fronte á prepotencia sumarase hoxe no céspede ás ganas dos
xogadores de agradecerlle á súa afección o fermosísimo exemplo que deron tras o
partido do Manchester, que supuxo a su eliminación da Europa League, pero que
renovou o compromiso de xogadores e club con esa palabra galega como fío.
Hoxe
volverá ser un día de afouteza, como o foi onte fronte o equipo de Mourinho,
pero como tamén o debería ser mañá para unha lingua á que hai que axudar para
que se converta en semente. Todos os cartos (desgraciadamente nisto hai moito
de investimento económico, ademais de sensibilidade a aplicar na sociedade e no
sistema educativo) empregados dende Vigo para simbolizar nunha soa palabra o
sentimento celeste serviron como poucas medidas adoptadas ata agora para xuntar
aos seareiros co seu equipo, e tamén un pouquiño ao resto da sociedade co
galego. Unha iniciativa que tería que motivar a reacción das institucións
encargadas de coidar do noso idioma. A propia Real Academia Galega ten a proba
dese éxito na súa páxina web, ao ser a palabra afouteza a que lidera a listaxe
das máis consultadas no seu dicionario dixital, o que tamén debería motivar ao
Goberno da Xunta de cara a facer unha aposta máis decidida polo emprego do
galego dende aquelas canles que son as que lle fan chegar o que acontece
na sociedade aos cidadáns. Dende a escola á edición de libros, pasando polos
medios de comunicación, o deporte, a empresa... pero sobre todo hai que
pousarse nas rúas e beirarrúas, por onde pisa a xente do común, cun fomento
máis imaxinativo do que se ten feito ata o momento, sempre demasiado
institucional e afastado do pobo, o que podería acadar uns resultados mellores.
Se
unha soa palabra fixo o que fixo dende o fútbol, canto se podería facer ao
longo de todo un territorio cunha boa campaña de visibilidade do idioma? Unha
afouteza que se tería que trasladar a toda Galicia como evidencia do compromiso
dos seus gobernantes co galego. Lingua que ten que ser un xeito de respirar e
que nestes momentos precisa de respiración asistida. Uns novos folgos que o
fútbol semellou atopar de xeito inesperado a través da imaxe, da afouteza
necesaria, onte, hoxe e mañá, para o Celta, pero tamén para a lingua galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario