A publicación pola editorial
Ouvirmos da poesía en galego de José Ángel Valente enfróntanos a
unha poesía con fondas raíces no cancioneiro medieval galego, pero
que tamén se achega á vangarda dos nosos poetas para erixirse coa
habitual afouteza do escritor ourensán.
TRADUTOR de idiomas
como o francés, italiano, inglés ou alemán en organismos como a
Organización Mundial da Saúde ou a Unesco, labor que ía en
paralelo coas súas achegas poéticas, José Ángel Valente non
renunciou ao galego para escribir a súa poesía. Ben certo que en
cantidade inmensamente menor ao castelán, idioma que, seguindo as
directrices de Rafael Dieste, foi o que o escolleu a el para escribir
a súa obra. Datos como este e outros moitos ben interesantes son os
que flanquean a compilación da súa poesía en galego, editada polo
director da cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da
Universidade de Santiago de Compostela, Claudio Rodríguez Fer. Un
traballo cheo de ledicia polo que ten de acubillarse na voz dun dos
mellores poetas da historia, e por comprobar como o galego non lle
resultaba alleo.
Un galego que podemos
entender como a famosa paxariña da Cantiga CIII de Afonso
X O Sabio, na que se fixou o poeta ourensán, se pousamos a nosa
mirada naquela primeira poesía case que contestataria co franquismo
ao publicala en galego en 1947 no compostelán diario La Noche. Aquel
poema era un horizonte atlántico do finis terrae que falaba dese mar
no que todo remata, pero no que sen embargo todo comeza. Ese azul,
eses ollos romeiros, esa boca chea de sal durmiu como o San Ero
trescentos anos ata que o cantar da paxariña espertou o santo. Así
foi cando José Ángel Valente voltou a atoparse escribindo en galego
inspirado polo Día das Letras Galegas adicado o rei escritor no que
participou cunha conferencia en 1980. Un ano despois Ediciós do
Castro publicaba Sete cántigas de alén que tería
sucesivas ampliacións no seu número nos anos 1987, 1989 e 1996 con
prólogos do tamén poeta Claudio Rodríguez Fer, primeira autoridade
ao respecto da súa obra.
Agora a editorial
Ouvirmos achéganos todo ese cancioneiro, porque así o temos que
entender, e no que se inclúe algunha sorpresa a maiores, como unha
nova poesía, Na mar de Vigo, que nos volve mergullar no noso
mar, nesa ría de Vigo na que o poeta descubriu a catarse de
enfrontarse ao mar por primeira vez. Nesa poesía volve a asomar a
paxariña, convertida na memoria daquel neno cuxos ollos se
prolongaron polo horizonte infindo. Alí tiña que ser, onde Galicia
fixo da súa literatura medieval envexa doutras literaturas, onde os
Mendinho, Johan de Cangas e Martín Códax, fundaron unha lírica de
seu que lle interesou moito a José Ángel Valente para case
refundala dende unha óptica de modernidade. É aí cando asoman
polasCantigas de alén de Valente os nomes dos Manoel Antonio,
Luis Pimentel ou Rafael Dieste, pero tamén outros nomes que pon
sobre a mesa no exemplar prólogo desta edición Rodríguez Fer, como
Halley, Blok ou Beckett.
O certo é o gozoso da
lectura deste poemario, a súa edición en Galicia, o poder pasar as
páxinas independentes das escolmas de José Ángel Valente como a
monumental Poesía completa feita por Galaxia Gutenberg, na
que estas Cantigas de alén eran case un apéndice no
estertor do remate da vida. O tempo, a memoria, os seráns, as luces,
a seitura, as verbas, os camiños, o aire ou os beizos dotan o
poemario dunha fonda galeguidade, dun latexo que engaiola o lector
pese a non manexar as moitas e moi cultas compoñentes que un poeta
da calidade e coñecementos de José Ángel Valente podía integrar
nas súas composicións. Pero todo este poemario está vivo, tan
vivo, que todo iso se disolve entre as brumas, entre a radical
afouteza dos textos que compoñen a terceira parte do poemario no que
o autor escribe dos recordos da infancia, dos roxos acollidos no
mosteiro de Oseira, dos mortos nas cunetas, da "soidade no ar",
pero tamén do "alén das máscaras", ou da "tristura
morna". Palabras escritas lonxe de Galicia, pero palabras que
nunca estiveron tan cerca da cerna desta terra na que naceu un poeta
universal.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 14/05/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario