Rue Saint-Antoine nº170
Arte. A Fundación
RAC acolle ata o 20 de maio o traballo de Irma Álvarez-Laviada, unha
exploración dende a creación ao propio entorno do artista entendido
como inspiración, como xerador de formas e a maneira de
conceptualizar un discurso artístico que atopa alí onde semella que
non hai nada, onde só asoma a angustia do baleiro.
Cando un percorre as
diferentes obras que compoñen a exposición de Irma Álvarez-Laviada
atópase con elementos que coñece, aínda que descontextualizados.
Son materiais que forman parte doutras realidades: madeiras, cartóns,
texturas, embalaxes... formas recuperadas do traballo cotiá do
artista no estudo. Traballo pero non traballo, xa que estes materiais
xorden dese outro discurso invisíbel da creación, o dos materiais
que envolven, protexen e, ao fin e ao cabo, ocultan ás propias obras
de arte. A nosa protagonista fíxase nesa outra realidade e renova o
compromiso que ten todo artista con aquilo que os demais non vemos ou
desprezamos. Irma Álvarez-Laviada artella así un discurso artístico
propio, que medra dende esa reapropiación dos materiais, a partir de
como o que semella esgotado, baleiro e sen futuro, pode rexenerarse
dende o acto creativo ‘per se’, con todas as posibilidades desa
arte que ata só uns minutos antes servía de refuxio e protección.
Aquilo que se precisaba para negar agora é o que se precisa para
sumar, para facer arte.
Atopámonos deste xeito
cunha artista que pousa a súa mirada nesas contornas da realidade.
Desa realidade única en que se converte o estudo ou o taller para
cada creador. Un pode tentar imaxinar a Írma Álvarez-Laviada
mirando cara o que rodeaba as súas obras de hai un tempo. A toda esa
morea de refugallos que protexen unha obra de arte e que a artista
redime en novas aventuras artísticas. Series de cartóns coloreados,
fragmentos dunha pintura que se alinean ao longo dunha parede, cun
xogo de multiplicidades xeométricas cara fóra, pero tamén cara ao
seu interior, onde esas xeometrías son unha acotación do que se
pode prolongar ata o infinito; espumas convertidas en cadros nos que
a súa tactilidade amosa unha faciana máis que interesante, sobre
todo cando se xoga co contraste do branco e o negro; caixas e
fragmentos de caixas que retoman unha xeometría que non só evoca a
escultura minimalista máis clásica, senón que o é, xa que para
esta mostra retoma os seus postulados de complicidade co espazo, de
xogo coa esquina da sala, prolongándose pola parede dialogando con
outra peza que se atopa sobre o chan. Nese diálogo seguramente sexa
onde se comproba de xeito más potente esa nova vida, ese estar como
obra dende que unha creadora se fixa nela para propoñernos esta
catarsis do artístico.
Moi interesantes son
tamén os seus xogos a partir do traballo cos cartóns. Pregos,
formas, acumulacións... Qué fermosa esa peza que nos saúda a
entrada obrigándonos a achegarnos a ela, a mirar a través da súa
profundidade. Tamén as fotografías dos palés que temos na sala
inferior da Fundación RAC xeran esa sensación de recuperación, de
obrigarnos a mirar as cousas doutra maneira a como acostumamos, a
recoñecer formas minimalistas nun proceso casual pero que, co xiro
que lles outorga a artista, forman xa parte do proceso creativo.
Ver e esconder son
verbos enfrontados que aquí reúnense non só como fondo conceptual
de todas as obras senón sendo parte do propio título da
mostra, ‘Algo que ver, algo que esconder’. Un nomear no que se
agocha ese interese de Irma Álvarez-Laviada por facer desa especie
de baleiro o eixo da súa creación artística, afastándose da
pintura coa que se iniciara na arte, adentrándose nun terreo de
exploración que cada vez amosa unas conquistas más valentes,
exitosas e proveitosas.
Cada vez que a
Fundación RAC abre as súas portas con algunha proposta expositiva
dámonos conta da necesidade deste espazo en Pontevedra. Unha
instalación perfecta na que acoller creadores e obras sempre ben
escollidas, cun obxectivo claro e definido. Apostas moi interesantes
que semellan non ter acomodo nin nesta cidade nin noutros espazos de
Galicia. As últimas exposicións estanse centrando nalgo que sempre
estivo na cerna da creación desta fundación, o de pousar a mirada
sobre creadores que están comezando a madurar o seu traballo. As
exposicións de Damián Uceda, Marcos Covelo, Enrique Lista ou Pablo
Vence así o afirman e, si miramos cara o futuro, vemos como esa
aposta polo talento de creadores emerxentes continúa con nomes
procedentes de Sudamérica onde se está a rexistrar un momento cheo
de novas achegas no terreo da plástica. Deste xeito nos próximos
meses veremos nas salas da Fundación RAC a obra de Héctor Zamora
(México), Rosendo Cid (Galicia), Sandra Gamarra (Perú), David Zink
Yi (Perú) e Amalia Pi (Arxentina).
Publicado no Diario de Pontevedra 8/05/2017. Fotografías: Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario