Unha
ampla mostra adicada a Jorge Castillo enche as salas do Museo de Pontevedra co
abondoso imaxinario que define a pintura do pintor pontevedrés coma unha das
máis singulares e orixinais da plástica mundial. Un retorno a súa terra que
aplaca demos e fai brillar a súa obra.
A
escolla de pezas realizadas entre os anos cincoenta e a actualidade permiten,
como poucas veces antes, facer un percorrido polo universo pictórico de Jorge
Castillo (Pontevedra, 1933). Un universo que o caracterizou dende os seus
inicios como un autor libre, que afundiu os seus pinceis en diferentes
creadores e movementos pictóricos, pero sendo quen de non adscribirse a ningún
deles. Un exercicio de liberdade que reafirmou coa súa vida itinerante por
diferentes xeografías das que nutriu a súa pintura como complemento a toda unha
serie de formas e figuras que compuxeron o que el mesmo define como «unha
familia de seres autóctonos que actúan entre si e viven diferentes
existencias», ao tempo que o fixaron como un dos nosos artistas máis
internacionais e con obra en máis centros de referencia no orbe artístico.
Enfrontarse
con estes cadros é unha confirmación dun dos nosos meirandes talentos da
pintura, porén bastante descoñecido na nosa terra, por esa condición de pintor
que se estableceu dende ben novo fóra dela, e por amosar ao longo da súa vida
un certo receo a mergullarse no seu territorio orixinal, o que abofé engádelle
a esta exposición, na súa vila de orixe, ese carácter de aperta fraternal e de
expurgar os demos que a memoria e o tempo as veces fan subir ás nosas costas.
Falabamos de talento e iso é o que non deixa de agromar nos diferentes espazos
dunha exposición plantexada na súa distribución polo propio artista, coa axuda
da comisaria, Pilar Corredoira. Desa opción persoal pola ubicación das pezas
acadamos unha lectura uniforme da súa obra, afastada de liñas cronolóxicas e
permitindo un tránsito por se mesma que afianza esas relacións familiares entre
as pezas, comprobando como certas formas e materiais vanse repetindo ao longo
das sucesivas décadas nas que se desenvolveu o seu traballo.
Unhas
etapas que semellan diluirse fronte á capacidade da súa pintura por ser, por
constituirse como unha entidade propia, case que axena ao que acontece no
exterior do cadro, e sempre cunha finalidade clara como é a intención de
emocionar, primeiro ao artista, e nun paso seguinte ao espectador. Unha pintura
da emoción que nesta ocasión medra de xeito exponencial ante o abondoso número
de obras expostas que permiten ese mergullo nun universo propio, radicalmente
distinto a tantos camiños máis que transitados na nosa pintura. É por iso que
non só estremece poñerse diante do seu mítico Tríptico de Palomares (1967), que
lle abriu as portas á Documenta de Kassel do ano seguinte, alí onde ben poucos
españois foron chamados a amosar a súa obra, senón tamén ante algún deses
cadros de pequeno formato nos que miramos aos ollos dun personaxe, ou ante unha
serie de froitos e flores dispostos sobre unha mesa nunha realidade paralela á
nosa. Retratos e bodegóns que semellan esvaecerse dende a súa disposición,
dende esa brandura á hora de pintar sen un contexto espacial definido ( a
excepción da súa importante etapa newyorkina) que fai que a nosa mente se
libere de condicionantes e se achegue á pintura dun xeito puro, primitivo ás
veces, e só coa intención de acadar a cobizada emoción que persegue o artista.
Picasso,
Bacon o Surrealismo todo flúe cara ese río propio que é Jorge Castillo. Un río
no que reflectirnos para comprobar como as pinceladas mantéñense afoutas fronte
ao paso do tempo. Moitas das obras da exposición pertencen aos últimos quince
anos do artista, tempo que moitos xa daban por descontado na súa traxectoria.
Algúns xa esquecerían, incluso, que Jorge Castillo segue vivo. Non teñen máis
que ver esas pezas recentes para volver a caer no seu feitizo, para comprobar a
súa inesgotábel capacidade para xerar universos, para enfrontármonos ante unhas
superficies nas que a cor acadou un inesperado chanzo como rebelión e berro
fronte ao paso do tempo, e é que as persoas non son vellas pola súa idade senón
polo seu espírito. O espírito de Jorge Castillo, dende Pontevedra, Nova York,
Ibiza ou Madrid, segue sendo un galope libre, unha corrente que só ten unha
misión na pintura: a emoción. A emoción da familia.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 24/12/2017
Fotografía: Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario