«Os cavalos da cavalería é que formam a
cavalería. Sem as montadas, os cavaleiros seriam peões. O lugar é que faz a
localidade. Estar é ser.»
[‘ABC de Fernando Pessoa’.
Livros d’hoje]
Estar, ser. Dúas das condicións que nos
definen como seres humanos. Podemos decidir onde estar, podemos mudar o noso
lugar no mundo, plantexarnos, segundo as nosas preferenzas, ou os ditados da
vida, o espazo físico dende o que relacionarnos coa nosa contorna. Fronte ao
estar o ser ten esa connotación persoal, alude ao noso interior, á construción
do eu máis íntimo, a unha acumulación de experiencias que nos van configurando
ao longo do tempo como seres humanos.
Raquel
Calviño móvese coa súa cámara entre eses
dous verbos, entre o estar e o ser. O estar nun lugar para ollar ao ser. O
establecemento físico dende o que pescudar, dun xeito silente, como os seres
humanos se moven e relacionan co seu hábitat. A nosa protagonista convértese,
trala súa cámara, nunha cazadora desas presenzas que inundan as nosas cidades e
que extrae do anonimato urbano para convertelas en protagonistas das súas
fotografías. Unhas imaxes que teñen a capacidade de conxelar un instante e de
facernos partícipes desa mirada, converténdonos, a nós mesmos, en parte desa
visión.
Nesta ocasión ese labor céntrase nun dos
refuxios favoritos da fotógrafa, a cidade de Oporto, mestura de decadencia e modernidade que se traslada a unhas
rúas cheas de vida nas que unha abraiante mixtión de xentes convoca a nosa
mirada ante o espectáculo da vida urbana diaria. Unha vida rutinaria que moitas
veces nos pasa desapercibida, pero que, cando a fixamos ante nós, acada unha
chea de novas significacións, non só polas presenzas, senón tamén polas
ausencias, os rastros daqueles que acaban de pasar por alí, os que veñen de
deixar unha pegada coa que tamén se constrúe o estar e o ser dos que falaba Fernando Pessoa e que agora Raquel
Calviño leva ao estar cunha cámara, ao ser cunha cámara.
Amosar esta exposición no Café Savoy é tamén unha sorte de
diálogo coa cidade, non só con Oporto, senón tamén con Pontevedra. Todas as cidades teñen as súas vidas, as súas presenzas
pendentes de ser conxeladas. Teñen os seus nenos xogando cun globo laranxa, as
súas pombas bicando entre os pés dos camiñantes, parellas falando entre si,
xentes que van e veñen como autómatas. Poucos espazos máis acaídos para ver a
vida dunha cidade co Savoy, un paraíso para o voyeur que precisa desas fiestras
abertas ao gran espectáculo do mundo para gozar de todo aquilo que acontece ao
noso arredor. As pegadas dos protagonistas das fotografías lusas de Raquel
Calviño están tamén fora do café, atópanse na praza da Ferraría. Só hai que permanecer uns segundiños ante esas xanelas
para ver a súa correspondencia local e tamén para, tal e como fixo Raquel
Calviño, captar esas existencias, saber estar fronte ao ser.
O Café Savoy, entre as súas moitas
utilidades terapéuticas, ademais de que Juan
José Esperón lea este artigo á primeira hora do sábado e o suba ás redes
prolongando ese xogo de dentro e fóra, ten o de ser un pequeniño xérmolo de
cultura. Exposicións, concertos de jazz, taboleiros de xadrez... ata
espontáneas clases de inglés salpican as súas mañás entre biscoito e o
arrecendo do café. E libros, por suposto, libros cun pode coller dun andel co
que poder completar esa dicotomía entre interior e exterior, libros que hoxe
festexan o seu día, que fan do 23 de abril un dos días máis fermosos dun abril
que é todo emocións.
Visiten os cafés, paseen pola súa cidade
pero entren nunha libraría e merquen un libro. Eses libros, como as fotografías
de Raquel Calviño ou as fiestras do Savoy son pasaxes á vida. Carreiros polos
que un se move só, coñecéndose a si mesmo, e que lle permiten, ao chegar ao
final, saber moito dos demais. Fagan a proba e escollan, deixense aconsellar
polos nosos libreiros, que temos moitos e moi bos e xenerosos. Eu déixolles
unha recomendación, unha novidade que serve para pechar este artigo sobre unha
exposición de fotografías e un café que homenaxean á vida e ás vidas, un
escritor de moitas existencias, un escritor de contrastes, un escritor que son
moitos escritores, un desasosego implacábel, alguén a quen nunca coñeceremos de
todo, Fernando Pessoa, e ao que podemos achegarnos coa edición máis completa
dos seus ‘Cuentos’ recén publicada
por Páginas de Espuma. Contos para
cando estar é ser.
Publicado no Diario de Pontevedra 23/04/2016
Fotografía. Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario