Recén saídos da Facultade pensaron que o mundo era unha utopía da que eles estaban destiñados a participar na procura da súa interpretación para logo narrala aos seus lectores. O paso da vida deixoulles claro que as utopías esvaecen entre os amenceres da realidade, entre as raiolas dun sol que nos agarima pero que a veces serve para descubrir que o real, o latexo do día a día, non entende de soños ou esperanzas, como tampouco duns ideais que esas raiolas foron quenes de murchar.
Plantexar ese estado de frustración dunha xeración é o que sustenta a
esta novela que, cun claro ton autobiográfico, serve, de xeito inteligente,
para amosar a atmosfera na que moitos se criaron naqueles tempos da chamada
Transición. Paisaxe xeracional que os marcou ao entenderse como un sumidoiro
polo que botar a podremia das décadas do franquismo ao tempo que se abría a
fiestra á claridade dun novo tempo que fixo agromar neles un espírito de
renovación que chegaron a converter en bandeira.
Manuel Veiga, xornalista e escritor, valla a redundancia, amosa aquí,
baixo unha engaiolante estrutura, o seu maxín para achegarse aos feitos que
marcaron o seu devir no mundo da prensa, no que xa amosa unha sobranceira
bagaxe. Non lle vai á zaga no eido da escrita con diferentes novelas, moitas
delas merecedoras de diferentes recoñecementos, pero quizais sexa con ‘Os
xornalistas utópicos’ coa que Manuel Veiga acada a que din é a súa mellor obra,
por vencellar de xeito brilante ambos territorios, tantas veces comúns, da prensa
e a literatura, e sobre todo por como o fai, o que supón sempre a parte máis
interesante na aposta de calquera autor. Ademais, o propio pano que se levanta
parece simbolizar o peche dunha especie de etapa na súa carreira, un axuste de
contas coa profesión, pero sobre todo cun tempo no que para ben ou para mal
desenvolveu a súa vida.
Arrinca o libro cos plantexamentos do xornalista sobre o medio, as
experiencias e a desconfianza no xornalismo, máis aínda con aquelo que o rodea
para ir desfiando a madeixa na que buscar nos tempos universitarios a cerna da
profesión, a ilusión que agromaba nun xoven nun tempo efervescente e cheo de
esperanzas. Amizades, proxectos, lecturas ou medos vanse sucedendo neste
percorrido vital a cabalo de dúas paixóns que, ben se nota, son as que moven ao
autor.
As súas numerosas lecturas flanquean todo este itinerario e o fan
seducindo a un lector que ante ese torrente de datos e sensacións non pode
deixar de coller un caderno para apuntar nomes e títulos dos que poder ter o
proveito que sacou o propio Manuel Veiga cando se achegou a eles.
Está claro que non son bos tempos para o xornalismo e moito do interese
dese debate que se pode suscitar arredor del está aquí presente. Esa é tamén a
forza do libro ao ser quen de contextualizar dentro dunha novela moito do que
se move tras esa discusión. Ao pasar moitas horas nunha redacción un non pode
desprenderse das sensacións que latexan nesa primeira parte do libro: horas de
traballo, cafés, peches, despidos, éticas, liortas, o que é noticia e o que
non, xubilacións a destempo, desacougos… acadan unha inmediatez que se
transmiten alonxándose dos clichés do xénero e o achegan á experiencia persoal
que tan ben lle fai ao conxunto do libro.
‘Os xornalistas utópicos’ é un libro sobre o xornalismo, pero no que
emerxe en cada páxina a forza da vida, a comprensión, de que todo suma ao cabo
dos anos, o bo e o malo. Do mesmo xeito que nós tamén sumaremos coa súa lectura
a partir da vida doutro, admitindo tamén que non hai xa lugar para a utopía.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 27/10/2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario