martes, 15 de outubro de 2013

Os matices dun tempo gris

John Berger nos seus ‘Modos de ver’ afirma que “nunca miramos só unha cousa; sempre miramos a relación entre as cousas e nós”; do mesmo xeito, Juan Adrio formula a natureza como unha relación coa nosa propia práctica, ben sexa co descubrimento do descoñecido, ou con aquilo que coñecemos e que é interiorizado a través da experiencia pero tamén desas palabras, vivencias, emocións, recordos ou impresións que o mar semella facer xermolar das súas entrañas. Podemos formar parte desa experiencia no Pazo da Cultura ata o 17 de novembro nunha exposición que por vez primeira se integra dentro da programación do Outono Fotográfico.


Mirar, experimentar, sentir... todo isto e máis escóndese baixo a proposta de Juan Adrio, ou o que é o mesmo, baixo a percepción dunha natureza que nos empequenece ante a súa dimensión, pero sobre todo, ante a magnitude da súa beleza e as súas ocultas evocacións. Juan Adrio colócanos ante eses miradoiros en que se converten cada unha das súas imaxes, para que nos decatemos do que se abre ante nós, pero tamén para abrirnos cara a nós mesmos.
Nunha primeira serie de imaxes, pertencentes ao proxecto 'Finisterrae', o autor xoga coa amplitude de mares e ceos, para que desfilemos por uns horizontes nos que esa liña parece esvaecer, nesa loita de territorios formulados por mareas e nubes; unha experiencia xurdida da visión do artista pero que se traslada a nós dende ese punto de vista no cal nos coloca, coma se nós mesmos fósemos os que accionásemos o disparador da cámara na conquista dese instante desexado. Instantes como os que se suturan sobre un lenzo para sintetizar esas miradas fragmentadas dende a costa nunha sorte de recuperación da memoria vivida á hora de conseguir cada unha desas imaxes que agora, unidas, configuran unha única mirada. E por último... as palabras. Asomados a eses vastos horizontes quizais o que menos sintamos sexa a necesidade de pronunciar palabras, absortos como estamos ante o espectáculo proposto, de aí que o silencio pareza formar parte daquelas imaxes pertencentes á primeira das series, pero as palabras buscan o seu lugar e o efecto logrado por Juan Adrio na terceira desas variacións paisaxísticas fainas emerxer deses fondos de ceo e mar formulados ambos os dous dende unha premeditada medida. Palabras que se mergullan no interior do ser humano aludindo á súa relación co mundo, con aquilo que o rodea, e que normalmente permanece afastado desa natureza tan fascinante como abafadora. Nalgún momento poderán casar ambas as dúas realidades? É posible que só a arte, coa súa capacidade de suxerir e de sintetizar percepcións, sexa quen de logralo, de permeabilizar ambas as dúas situacións para que conflúan nunha experiencia visual como a aquí proposta.
Actualiza Juan Adrio desta forma ou formas a percepción romántica da natureza que, durante dous séculos, leva prendida na historia da arte. Aquela visión cauterizada a través dunha presenza humana ante a ingravidez crepuscular substitúese agora, pensemos na recorrente visión para estes casos da obra de Caspar David Friedrich, pola nosa mirada, pola percepción directa dunha natureza exhibida en momentos de tensión, en axitadas situacións que derivan en descubrimentos como os aquí presentados. Reactiva Juan Adrio aquela tarefa básica do artista romántico tan ben descrita por Rafael Argullol no imprescindible 'A atracción do abismo', como a "liberación da potencia poética oculta que é o inconsciente". Ben sexa dende a contemplación directa da natureza ou a través da sublimación deses pensamentos interiores, o noso protagonista somérxese nas sombras, as de alí e as de aquí para, como consegue cos seus horizontes, disolver esa fina liña que separa ambas as dúas realidades co fin de indagar na torrencial riqueza das sombras", retomando de novo as palabras do filósofo e profesor de Estética.
Participamos, polo tanto, dunha percepción en dúas direccións, sendo a nosa propia mirada a que permita o acceso da unha á outra, e é que na mirada, no feito de mirar, en como miramos e como reinterpretamos esa mirada é onde radica o éxito da proposta do fotógrafo. John Berger nos seus 'Modos de ver' afirma que "nunca miramos só unha cousa; sempre miramos a relación entre as cousas e nós"; do mesmo xeito, Juan Adrio formula a natureza como unha relación coa nosa propia práctica, ben sexa co descubrimento do descoñecido, ou con aquilo que coñecemos e que é interiorizado a través da experiencia pero tamén desas palabras, vivencias, emocións, recordos ou impresións que o mar semella facer xermolar das súas entrañas. É o poder evocador da natureza, unha alienación momentánea na que eses ocos, que xorden nese instante, se ven taponados polo que emana do noso interior, conformando unha nova realidade a través da obra de arte, a través desa morea de matices, tan importantes para o artista como para o espectador. Matices que nos confunden para, dese pretendido caos, facer fluír unha nova percepción da natureza e como non, de nós mesmos.

Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 6/10/2013
Fotografía: Juan Adrio

Ningún comentario:

Publicar un comentario