Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura ▶ Ata o
3 de novembro na sala Nemonon podemos permitirnos o luxo de camiñar
pola pintura, de facer do cadro un espazo de experimentación
sensorial que nos leva a sentir a natureza na pel. A proposta de
Francisco Sutil recupera a pintura de paisaxe como gran xénero
histórico pero tamén como unha terapia para as nosas almas.
CAda cadro é unha
camiñada. Cada pincelada un paso por unha corredoira. A pintura de
Francisco Sutil é unha invocación a facer da pintura unha sensación
que nos acompañe durante un instante. Ou mellor dito, instantes. Xa
que cada cadro dos que se amosan nesta exposición, de título
‘Murmurios no bosque’, funciona case como unha exposición en si
mesma. Grandes lenzos que nos levan a situarnos fronte a natureza, a
nosa natureza, esa da que adoitamos gozar cando camiñamos polas
nosas corredoiras, cando nos apoiamos nun valado, cando enchoupamos
os pés nunha lameira... fragmentos dunha inmensidade coa que non
somos todo o agradecidos que deberíamos ser. A recente vaga de lumes
amosa como a capacidade do ser humano para a destrución da súa
contorna non ten límite algún. Sirva tamén, a partir disto, cada
unha desas miradas fronte a cada un dos lenzos, como unha homenaxe a
un dos nosos grandes tesouros. Alí, fronte a ela, xorde a capacidade
de Francisco Sutil para plantexar esa evocación dun xeito realista
que lle permite captar toda a chea de matices que a natureza é quen
de acadar. A súa mirada evócanos aquela pintura da Escola de
Barbizon na que os pintores botáronse a esa rexión francesa a
poñerse nas mans da nai natureza, a desterrar contaminacións
idílicas, a desterrar ao propio home que, na súa vocación
romanticista, participaba dunha natureza as veces irreal. Aquela
Escola pintaba por e para a natureza, para a súa representación e
para que a pintura reflectise toda esa morea de sensacións.
As pinceladas de
Francisco Sutil trasládanse de Barbizón a nosa contorna. Recunchos
que forman parte de nós cos que o pintor establece unha fonda
intimidade, o resultado da súa presenza naquela paraxe e do seu
estudo, xa non só físico senón espiritual, e todo iso conflúe nun
cadro no que un pode casi escoitar o seu interior, oler ou tocar ese
contido, tal é a súa mimetización coa realidade. O «diálogo
sagrado» do que falaba Friedrich Hölderling sobre a relación de
home e natureza é o sostemento desta exposición, ampliándose dende
o momento íntimo que vive o pintor fronte a ela para acollernos aos
visitantes como nunha gran aperta.
Pero xunto ás paisaxes
Francisco Sutil amosa outras calidades, como as das súas acuarelas,
nas que se reflicten retratros, xestos ou movementos de protagonistas
do noso folclore. Pezas que máis alá do seu tamaño amosan unha
gran mestría, así como a capacidade para manter o que é a
fugacidade dun instante, concedéndolle unha frescura que deixa
patente o seu talento. Volvemos á natureza, a camiñar e pasear por
ela, a sabermos parte súa e a recoñecela como parte de nós, pese
as feridas que lle provocamos. A ela, a nosa devoción e
agradecemento.
Publicado no Diario de Pontevedra 30/10/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario