xoves, 26 de marzo de 2020

Desasosego/ 9. Os trescentos corvos de Xallas!



PENSO que sería arredor do ano 2007, pola data que aparece escrita a lápis xunto ao prezo nunha das páxinas da edición en castelán que comprei de ‘En salvaxe compaña’, tras escoitar na radio unha entrevista a José Manuel Caballero Bonald quen, á pregunta de que libro lle houbera gustado ter escrito, sen pensalo moito contestou, ‘En salvaje compañía’ de Manuel Rivas. Non creo que tardara nin unha hora en plantarme na libraría para atopar un exemplar dese libro que aínda non lera, pero que ante tal afirmación, e vindo de quen viña, tiña que devorar de inmediato. Nas existencias da Libraría Paz no figuraba o texto en galego, polo que tiven que apañarme coa edición de peto de Punto de Lectura. Así saín do desacougo con aquela lectura en castelán chea de mitos, lendas e corvos negros que chegaban ata a mesma praia do Orzán.
Pasaron os anos, moitos, ata que a finais do pasado ano cumpríronse os vintecinco da escrita dese texto que fora Premio da Crítica en 1994. Neses días de celebración, e descorrendo a mirada polos andéis da libraría Cinania, chea de libros que xa pasaron por moitas mans de lectores anteriores a nós, atopei un exemplar daquela edición orixinal saída do prelo de Xerais. Como os trescentos corvos de Xallas aliñados naquela torre, ou sobre a varanda da praia coruñesa, o libro pousouse dende entón nos andéis da miña casa á espera da súa lectura, agardando que se saldase a débeda coa lingua na que foi escrito.
E así chegaron estes días do desasosego que semellan saír dunha novela distópica, de non ser polo arreguizo da morte e a dor que nos pon ante o real, e aqueles corvos comezaron a berrar rachando o silencio do encerro. Así foi como neste peche chegoulle á hora a este texto fascinante que, coa musicalidade do noso idioma percorre unha nova corredoira. Un tremer alén do tempo de voces baixas do pasado que se enguedellan cunha serie de narracións cheas de humanidade e de heroes cotiás chantados na boca da terra.
Nunha ocasión Manuel Veiga Taboada contounos no Táboa Redonda, e falando de autores que escribiron dende o encerro, como Manuel Rivas illouse durante seis meses en Irlanda para a escrita deste libro. Moitas veces os illamentos son necesarios para pensar, para atopar novos vieiros de expresión, máis tamén de coñecemento dun mesmo. Todas estas voces de seres, de persoas e de animais acubilláronse no maxín de Manuel Rivas, como agora acoden ao noso rescate. ‘En salvaxe compaña’ é unha marabillosa lectura para estes días, a recuperación dun texto totémico da nosa escrita, cheo de espiñas e frores de toxo e encantamentos convocados por unha lingua feiticeira.



Publicado en Diario de Pontevedra 26/03/2020

Ningún comentario:

Publicar un comentario