OS LIBROS están cheos de fiestras á imaxinación. Xanelas
que nos levan a saír do acubillo onde esteamos, levándonos a vivir as
situacións máis emocionantes. Botémonos pois aos libros, a todas esas páxinas
que os nosos escritores son quen de argallar para encher de maxín as nosas
vidas.
‘Tres
bichicomas, dúas illas e unha serea’ editado por Xerais, e escrito por Rosa
Aneiros, coas marabillosas ilustracións de Abi Castillo, é un deses libros que
nos collen da man para levarnos ao territorio da aventura, e tamén da
responsabilidade. Galardonado co premio Agustín Fernández Paz de Narrativa
Infantil e Xuvenil pola Igualdade, o seu argumento vén que nin pintado para os
días que estamos a vivir. Edelmira, unha rapaza que odia a tona do leite e o
seu nome, vese obrigada a pasar o verán co seu avó na aldea. O que nun
principio pensa Edelmira que serán uns días aburridos e sen ilusións, unha
especie de encerro, convértese, grazas á imaxinación e a un pouco de axuda de
dous novos amigos, en toda unha aventura que a levará a descubrir ao seu propio
avó, pero tamén a poñer a proba a solidaridade do ser humano cos máis
desfavorecidos.
Rosa
Aneiros fía un relato acolledor, cunha linguaxe agarimosa, que nos leva a
sumarnos a esta expedición do compromiso e da fantasía, ou, se collemos as
palabras da propia autora, ler este libro é como «unha aperta con sabor a
caldiño rematado de facer».
Publicado en Diario de Pontevedra 18/03/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario