luns, 20 de febreiro de 2023

Todos somos lume

 

[Ramonismo 138]

'O lume’ pon en relación o noso mundo e a un home, esgotados ambos polas súas condutas e baixo un proceso de destrución



CON ‘O Lume’ regresa David Rubín  ao galego, nunha coidada edición a cargo de Demo Editorial e que sae en paralelo á edición en castelán da man de Astiberri. Este é un feito ben importante que pon de relevo o seu autor ante a necesidade que el mesmo tiña de poñer en valor un produto feito en Galicia que, a través do traballo colectivo entre a propia editora e un grupo de libreiros, que colaboraron asegurando un número de compras determinado, permiten que un produto desta calidade forneza o noso sistema cultural, no que, ao meu modo de ver, supón un dos acontecementos deste ano nese sistema dada a calidade do que todos eles poñen nas nosas mans.
Esta colectivización do traballo é tamén unha reflexión para todos nós sobre cómo poder artellar un sólido medio cultural que permita seguir facendo produtos que entre moitas mans aseguren a súa continuidade e o respecto ao traballo de toda a cadea de produción da cultura, co seu innegable valor económico. Esa esperanza, que se agocha baixo ese xeito de traballar, enfróntase co que nos atopamos no interior de ‘O lume’, un desasosegante relato sobre cara onde nos encamiñamos nun mundo como o noso, que cada vez máis nos empeñamos en esnaquizar.

Non son poucos os méritos desta novela gráfica que van dende a potencia visual das súas imaxes, algo que xan vén de serie dadas as cualidades do seu autor, ata unha narración na que se explora un xeito de contar moi interesante e suxerente para o lector que se atopa tecendo unha complicidade co que se lle conta, por esa capacidade de David Rubín de confiar en quen se enfronta ao seu traballo e ao que fai parte do relato. Un tercer elemento a suliñar sería o contido do propio cómic, e cómo esa historia, baseada nun planeta terra a piques de desaparecer polo inminente impacto dun meteorito e do que só unha mínima parte do seus habitantes terán unha posibilidade de salvación grazas ao proxecto dun arquitecto de prestixio e o seu deseño para ubicar unha colonia humana na lúa, permite amosar e propor a reflexión sobre o mundo que esta sociedade consumista e fagocitadora está a destruír sen a máis mínima intención de mudar ese proceso.

Sobre estes tres vértices suxéitase un libro cheo de virtudes que xa te atrapa dende o visual, dende un poderoso comezo no que asistimos ao nacemento da vida, á situación do ser humano no contexto do universo o que nos leva xa nese inicio a pensar sobre a nosa existencia e o noso papel dentro dese contexto de millóns de anos e distancias siderais. O certo é que ‘O lume’, dentro desas virtudes agocha no seu interior todo un conxunto de cargas de profundidade sobre a nosa sociedade e o noso rol dentro desa evolución e ata onde levamos este ecosistema co que non somos demasiado cómplices. Así o libro abre unha profunda reflexión sobre o ecoloxismo, a arquitectura, o consumismo, as redes sociais, as marcas das empresas que cada vez máis enchoupan as nosas paisaxes urbanas e cómo estas sucumben cada vez dun xeito máis veloz ante a voracidade do capitalismo, e tamén sobre cómo os políticos non dubidan en enganar á poboación para manter o seu status.

Toda esa contorna é á que rodea ao protagonista de ‘O lume’, un arquitecto que, froito das súas decisións profesionais e persoais, asistirá a como, igual que ese mundo, vive un proceso de degradación íntimo, tanto pola enfermidade que sofre como polas súas relacións persoais. Ambos, o eu e o mundo global, consomen o seu tempo contrareloxo, nunha degradación que explica en que nos podemos converter cada un de nós e a nosa unión co planeta. Todos somos lume, e do control dese lume, desa chama interior, dependerá o noso futuro. De aí que ese arquitecto tente mudalo todo, atopar unha solución final, dende o seu desterro íntimo para vagar por ese mundo como un heroe grego tráxico á procura da súa propia salvación, senón no físico, polo menos na nosa memoria.
        A partir deste contexto David Rubín ofrécenos todo un espectáculo de imaxes no que o espazo exterior, os ambientes futuristas ou algunhas das nosas cidades convertidas en escenarios da desolación convértense en todo un agasallo para os sentidos que che deixan coa boca aberta. O mesmo co emprego da luz e da cor, que estoupan no interior destas páxinas para transmitir ese desacougo, esa intranquilidade que medra a medida que remata o noso tempo, a medida que nos damos conta de que de nós mesmos dependerá unha última e quizais xa desesperada solución ao que fomos quen de provocar.



Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 7/01/2023

Ningún comentario:

Publicar un comentario