mércores, 22 de decembro de 2010

A forza do xogo




Tempos escuros. Un mundo esnaquizado tras unha guerra entre irmáns. Espazo para a supervivencia. Figuras que se perfilan nas sombras dunha terra tan fermosa como desfeita ante o seu incerto futuro. Alí xurde un cantar, un cantar de cego no que se agocha todo un universo de narracións, ecos dunha memoria que cos seus fráxiles cordeis sustenta a nosa historia, aquela onde o verdadeiro protagonismo reside no ser humano. Homes e mulleres vapuleados polas circunstancias, superviventes grazas a súa existencia en común, ó seu contacto íntimo.
Arredor da mesa sete deses homes xogan unha partida, un encontro de cartos, pero tamén de rostros, os deses homes cheos de dúbidas, de soños, de pesadelos, de ambicións,en definitiva, seres humanos. Esas personificacións dos despoxos da barbarie xogan unha partida que dura tres días. Un western crepuscular que se vai entretecendo coas narracións que xurden á luz do lume, nos escanos das cociñas, nos velatorios, lendas que artellan o noso sustrato como pobo. A nosa identidade e da que Víctor Freixanes- na súa volta a ficción- fai bo uso, levándonos a historias tan cercanas ós pontevedreses como as do mouro de Mourente, ou os sucesos acontecidos no convento das freiras de Santa Clara, pero alí temos moito máis desta cidade, desta vila camuflada nunha Vilanova de Alba á que o autor retorna para pechar un círculo, non só literario senón persoal. Distracións dunha partida que vai paseniño definindo o futuro deses homes, pero tamén dunha terra e dun teatro de silencios no que refulxían riquezas pasaxeiras e mezquinas como a do wolfram, representación dese tempo cheo de negrura, cheo de baleiros. O retorno de Víctor Freixanes é o retorno dan grande narrativa, da procura da ‘verdade das mentiras’ feita libro, feita lenda. Abofé.


Publicado en Diario de Pontevedra 22/12/2010
Fotografía Rafa Fariña

Ningún comentario:

Publicar un comentario