martes, 12 de abril de 2011

Escultura




Hoxe inaugúrase en Yorkshire (Inglaterra) unha mostra de corenta pezas do escultor Jaume Plensa. Páxinas en xornais de todo o mundo reflexan este feito, revistas e publicacións faranse eco desta aposta pola escultura pública que permitirá situar a este rincón no mapa da arte mundial. Un poderoso reclamo para que os visitantes se acheguen ata alí e para que os veciños se gaben do que se fixo no seu pobo. É o valor da cultura, o poder que ten, neste caso a escultura, de convocar a xentes de todo o mundo arredor da obra dun home. Esta mesma semana unha expedición de belgas que participan na Feira ‘Espacio Atlántico’ achegáronse ata a nosa Illa das Esculturas para admirar o traballo de doce homes que souberon integrar a súa arte na natureza, e o fixeron entre camións e grúas que andan a remozar ese espazo na procura dunha mellora do contorno que ogallá valore as pezas como o que son, un patrimonio que aínda non soubemos vender e nin tan sequera coidar. Jaume Plensa fala da importancia da escultura no espazo público e de que esas pezas non teñen por que ser un elemento decorativo, aquí sabemos moito deso, as nosas rúas están ateigadas de figuras que só enchen carretes de fotos pero que pouco aportan no eido da escultura, mentres, ese ‘Museo’ a carón do Lérez non deixa de aparecer en revistas ou libros.


Publicado en Diario de Pontevedra 9/04/2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario