O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle ata o 13 de novembro a mostra ‘Na beira do río: Diálogos dende a pintura’. Manolo Dimas/Itziar Ezquieta, na que se aposta por unha conversa entre pintores, a través da súa palabra, é dicir, das súas obras, da súa forma de entender e vivir a pintura. Pertencentes a tempos diferentes cada un responderá ante o seu tempo dende a súa pintura, aquí xuntanse para coñecerse mellor, para pensar no xa feito, e sobre todo, nas posibilidades que ten a súa arte para interrelacionarse con outra realidade artística.
Na beira do río. Un espazo que nos regala a natureza para sentarnos a pensar, a disfrutar da vida, a sentarnos durante uns instantes alonxados do bulir diario. Manolo Dimas e Itziar Ezquieta deciden achegarse ata esa beira para enfrontar as súas pinturas na procura dun diálogo centrado na pintura como a referencia da arte con maiúsculas, dunha disciplina moitas veces ameazada polas modas de novas artes, ás que finalmente se acaba impoñendo, unha ameaza da que a pintura rexurde con máis forza.
Intimidade| Itziar Ezquieta adéntrase no máis íntimo do ser humano. A súa pintura exerce unha sorte de terapia sobre o desexo, a dor, a ledicia, o amor, a soedade, a fraxilidade... e así poderíamos seguir citando moitos dos rastros que podemos atopar tras a pintura desta moza adicada a facer da súa forma de entender a pintura a súa vida. Cunha forte carga simbólica as pezas da artista están cheas de valores que van emerxendo delas canto máis tempo estemos diante súa. Se ata parece que esas bolboretas, fráxiles e libres, saen dos seus cadros para achegarse ata nós, é o efecto da súa maneira de traballar, con perfís moi claros, que crean diferentes planos sobre a superficie do cadro, acadando un efecto de tridimensionalidade. Son as súas pezas unha exaltación do eu, pero do eu en relación ao ti, ao seu contorno, ao que nos rodea e que forma parte de nós mesmos. Todo eso é o que nutre o rico ambiente das súas pezas, pezas que se extenden polas paredes do pazo como un ser vivo necesitado do seu espazo vital para respirar e multiplicarse. Para mostrarse, finalmente, como un espello para nós mesmos, para coñecernos e se arriscamos un pouco máis, ata para entendernos
Sensualidade|Manolo Dimas é un canto á ledicia na procura do senso máis lúdico que pode amosar a pintura. Figuras que evocan a gran tradición, a de Picasso a de Matisse, a cor do fauvismo para compoñer así unhas pezas únicas e singulares nas que o artista vai enguedellando as súas experiencias, os achádegos que atopa ao longo da vida, dende as lecturas, as viaxes, o devir diario que vai aposentando nos seus traballos. Así leva facendo dende os anos oitenta, cando este artista subiuse ao carro da pintura, dende unha xeración que naquel Madrid postfranquista reivindicou a pintura como xeito de expresión, dende entón cada pincelada súa é unha aposta por esta disciplina á que poucos creadores son quen de honrar de xeito tan firme e decidido.
É, polo tanto, o momento de achegarse a esta dobre cita, a esta forma de dialogar a través da pintura. Cada cadro unha palabra, cada pincelada unha letra e todo na procura de alimentar aos nosos sentidos na procura de enchernos da cautivadora pintura. Moitos xa se renderon ante ela ao longo da historia, que esta mostra sirva para volver sobre ela, sobre ese inagotable pozo de sensacións «curso irrevogable da auga que prosegue o seu camiño».
Publicado en Diario de Pontevedra 23/10/2011
Fotografía Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario