xoves, 20 de decembro de 2012

As cousas de fóra dende dentro

‘O curioso mundo das persoas normais’ é un lúcido achegamento á mente dun home condenado a pasar toda a súa vida na habitación dun hospital.


Cando Diario de Pontevedra sacou á luz en abril de 2010 a historia de Agapito Pazos, un home que pasou 79 anos nunha habitación do Hospital Provincial de Pontevedra, ademais de dar a coñecer unha nova abraiante, o que fixo foi sementar o xerme da literatura na mente de Xosé Monteagudo. Abofé que a medida que ía lendo a noticia o seu maxín de escritor comezaba a bulir para artellar unha trama literaria. O resultado daquel intre chega agora a todos nós a través desta novela, na que o autor é quen de facer un achegamento tan respectuoso como cheo de lucidez cara o que representa o feito de pasar semellante número de décadas atrapado nunha habitación por unha enfermidade, sendo o único contacto co exterior o trato co persoal sanitario ou as visitas dos moitos que foron compañeiros de habitación.
Dende esas catro paredes observa Tomás a vida pasar, cheo de escepticismo ante o que non coñece, ante aquilo que nunca poderá ter na súa man, por exemplo a liberdade. Recluído por unha enfermidade, pero sobre todo polo abandono, non só da familia senón case que de toda unha sociedade. Xosé Monteagudo baséase no que se coñeceu de Agapito Pazos para compoñer a vida de Tomás e facelo dende unha perspectiva chea de ledicia, abofé que baseándose na inxenuidade que unha persoa así tiña que ter.
Afastado do que supón a vida fóra desas catro paredes, Tomás constrúe o seu propio espazo vital, unicamente suxeito ao exterior dende aquelas persoas que o rodean. A xente de fóra que ven visitar aos enfermos é a que lle leva as informacións, pero sobre todo as sensacións desa vida que transcorre fóra daquel espazo.  O bo e o malo. Porque Tomás é quen de diferencialo, así como de ver nas persoas aquilo que lle agrada ou desagrada. Pero como con quen pasa máis tempo é co persoal sanitario, será con eles cos únicos cos que se rompan certas barreiras, cos que busque ter unha relación de pai e fillo, cun médico; ou o máis preto que nunca estará ao que significa o amor cunha enfermeira; ou a amizade con aquel celador que se ocupaba de bañalo cada día dende a súa chegada ao Hospital e que o levou durante un par de xornadas fóra del para que descubrise algunhas cousas que calquera ser humano non pode  perder na súa vida, que se resumen nese horizonte dun mar que deixa abriado a Tomás.
A partires destas situacións Xosé Monteagudo vai configurando este percorrido por unha vida soñada a partires dunha realidade, para facer xurdir unha historia de imposibilidades e desexos, pero tamén de bágoas, recordos e descubrimentos, porque todo iso pode ter lugar nunha cama de hospital, en definitiva, alí onde exista unha vida humana. Dende todas estas situacións o autor acada o grande éxito da novela, como é o de poder levarnos ata esa mesma cama para que nos poñamos na pel dese home con quen a vida non foi nada xenerosa, mentres que a súa xenerosidade con ela foi máxima. Xosé Monteagudo converte aquela nova do xornal nunha historia de ficción conxugando os artefactos da literatura para que poidamos entender o que lle pasa pola mente a unha persoa tendida nunha cama ao longo de toda a vida. Un punto de vista que, lonxe de limitar a novela, fai recoñecer no seu autor esa capacidade que ten a propia obra para non verse limitada a esa habitación, botándose fóra dela e permitindo a Tomás que o aire fresco encha os seus pulmóns e a nós que tamén collamos aire e a distancia necesaria para coñecer a vida de Tomás.
A vida, como tantas veces adoita suceder, amosa caras non sempre amables para o home, destinos crueis ante os que só a literatura é quen de poñer algún pano quente. Un pouco de esperanza e ilusión.

Publicado en Diario de Pontevedra y El Progreso de Lugo
Fotografía David Freire

Ningún comentario:

Publicar un comentario