luns, 25 de novembro de 2013

As cousas sinxelas


Non adoita un ler demasiadas obras deste xénero chamado literatura infantil, tantas veces desprestixiado baixo a teima de “iso é cousa de nenos” e se algo consigue esta obra de Antonio Manuel Fraga é o de ciscar esa impresión cada vez máis afastada da realidade. Os nosos cativos xa non son como eramos nós, as súas miras e capacidades deixan as nosas (os que andamos polos cuarenta polo menos) a altura do betún, de aí que esta literatura fora medrando afastada de simplismos e achegándose a unha axeitada conxunción de tradición e modernidade.
Moito disto temos neste ‘O Castañeiro de Abril’, nunha boa mestura desa compoñente clásica dos contos, e que tan mal faríamos se a desbotásemos das nosas narracións, cunha visión actual do que se conta, neste caso, a historia dun neno cego que non deixa de superar esa situación e de como se enfronta á realidade da súa vida, chea de momentos difíciles.
Nesa síntese do conto tradicional, cos seus ‘malos’ ben definidos (neste caso as tías do neno orfo de nai), o descobremento inocente do primeiro amor, os xogos de fantasía e realidade e ata algún chisco a contos famosos coa visión dun mundo que non é sinxelo para quen ten algún tipo de deficiencia e, sobre todo, pola radiografía dun mundo no que se desprezan as cousas que nos poden parecer máis simples, pero que dende a súa pequenez teñen unha fonda importancia, ao pertencer a nosa sensibilidade ante o mundo. Pois nesa síntese é onde reside ese equilibrio que levou a Antonio Manuel Fraga a compoñer unha historia de éxito, que ademáis se converte nunha eficaz mirada ao xénero de tal forza que cautiva ata a quen non é moi aficionado a el, como o que aquí escribe.
Baltasar, o neno protagonista da narración, é todo bondade, e o seu soño é encontrarse co seu pai mentres sofre o acoso e desprezo das súas tías. As súas figuriñas en madeira que constrúe con precisión coa súa navalla son a maneira de gañar os cartos necesarios para cumplir ese soño. A súa relación cun zapateiro gruñón ou cunha rapaza, alternánse cun feito sobranceiro como será a aparición na praza do pobo dun Castañeiro. A partires deste argumento, e co delicioso soporte gráfico do debuxante Antonio Seijas, o libro debulla o porque de que o realmente importante na nosa vida adoitan ser as cousas que ao longo do día a día soemos desprezar, non concedéndolle a relevancia que en realidade teñen: “A xente xamais lles dá importancia ás cousas miudas, aínda que estas adoitan ser a principal orixe dos nosos disgustos e satisfaccións”, di no libro.
Boas descripcións dos ambientes-a descripción da zapatería, a vivenda das súas insoportables tías, o ambiente na praza do pobo-, a tenra relación entre o zapateiro e Baltasar, o cariño entre o neno e Matilde, e o plantexamento dalgúns puntos culminantes no libro como cando as tías se enfadan de xeito definitivo con Baltasar ou as diferentes aparicions do Castañeiro acadan na narración esa sensación que todo conto, ou todo relato precisa acadar para conseguir a fluidez do que alí se narra, fundamental para engaiolar ao lector, máis aínda nestas edades de comezo á afición pola lectura.
Acadar o Premio Merlín é unha boa nova para un autor que comeza a chamar á porta, facéndose notar para que as letras sexan un milagre do que poder vivir. Da man de Baltasar, Antonio Manuel Fraga revive en nós moitas daquelas lecturas infantís, recuperando sensacións e percepcións dun tempo pasado que desta volta ule a castañas e a fantasía, a maxín e a aposta por unha historia que tamén a nós nos fai pensar en como actuamos neste tempo no que soemos desprezar o máis miudo, o máis necesario.

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra,(24/11/2013) e El Progreso de Lugo (23/11/2013)

Ningún comentario:

Publicar un comentario