domingo, 10 de noviembre de 2013

Unha machada como pluma


Ven Manuel Darriba de recoller o premio de xornalismo Fernández del Riego, e ao facelo, non puido menos que reivindicar os valores da súa profesión de xornalista e do emprego da escrita como medio de vida e sustento para unha sociedade chea de saúde, e o fixo acurralado, como tantos colegas ante o apocalipse que se está a vivir nestes tempos nos medios de comunicación e ámbitos culturais. Aquela honrosa recollida venme a cabeza ao pasar cada páxina desta novela que ten tamén moito de apocalíptica.
Manuel Darriba plantexa ante o lector un esceario terrible, o resultado dunha guerra que asola á humanidade que, desconcertada, debe fuxir dela e do ámbito urbano, como cerne da evolución para buscar refuxio na natureza. Falamos dun acto primitivo de retorno ao principio, a cando o home estaba despoxado de normas ou regras de convivencia sendo esa ligazón co medio natural a única condición da súa vida.
O gran achádego desta obra de Manuel Darriba é a linguaxe que se plantexa ao longo do relato, así como unha estructura que se divide entre o bosque, o ente natural, e a cidade, xusto no momento da súa destrución e o desconcerto dos seus habitantes. Ao longo dese plantexamento da historia esa linguaxe funciona como unha machada que vai golpeando á vida e dentro dela aos personaxes da trama. Cada un deses machadazos vai devastando a todos eles, e a ese seres secundarios que ao seu arredor conforman esta historia que antes definíamos como apocalíptica e na que outro dos seus valores é o de acadar esa atmósfera literaria de desconcerto que un comparte cos protagonistas, de incertezas ante unha nova situación e de medo ante o que pode acontecer. Xa houbo quen falou da relación desta obra con libros como 'La carretera' de Cormac McCarthy e algo diso hai, non se pode negar, sobre todo na creación dese ambiente de desesperanza e case que derrota, pero a mín tamén se me antoxa incluila dentro dunha clave en certo modo entre o imaxinario e o futurismo enguedellándoa con outra novela tamén publicada nesta mesma editorial de xeito recente por Xesús Constela,  ‘15.724', nesa pescuda de mundos límite, de poñer ao ser humano ante unha situación case irreversible no que poder ollar no seu interior e dende o que intentar comprender que é o que sucede no seu mundo. Ao longo desas páxinas crece o desacougo no lector a través dunhas andanzas ben perfiladas polo autor nas que esa sorte de desesperanza convértese nunha poética da frustración, da impotencia do ser humano ante o seu propio destino e que, quen sabe, pode chegar a ser o noso.

Dende ese latexo é dende o que podemos comparar a vida no bosque chea de brutalidades, de comportamentos primarios, de percorridos expiatorios con ese outro universo no que o ser humano vólvese contra sí mesmo, contra o seu espíritu cidadán e no que a preocupación é o da supervivencia ao fin e ao cabo o instinto máis antigo do home. Machadazo tras machadazo Manuel Darriba configura esa paisaxe na que hai moito de guión, amosando as súa inclinación por este xénero no que autor ten unha longa experiencia. Aquí ese guión da apocalipse exténdese á novela para presentarnos unha lectura engaiolante e arriscada, cota de risco que é a que está obrigado a asumir cada escritor cando afronta unha obra con vocación de permanencia e dende esa óptica ‘O bosque é grande e profundo’ é unha obra de fondo alento que reclama a súa posición no noso eido literario dende esa condición futurista e fantástica no que non temos demasiados exemplos dos que gabarnos, como ese día no que Manuel Darriba gabouse de ser escritor.

Publicado en Revista, Diario de Pontevedra y El Progreso de Lugo

No hay comentarios:

Publicar un comentario