A Corporación Municipal de Pontevedra que exerceu o seu labor no tempo
da II República, entre febreiro e xullo de 1936, rematou cando a sublevación
militar levou por diante non só un sistema político democráticamente elixido
polo pobo, senón a vida de moitas persoas, de moitas familias esnaquizadas no
máis fondo da súa alma.
Non son bos tempos para o acordo entre os diferentes grupos políticos
tantas veces afastados da realidade, da memoria dun pobo, e mergullados na
cegadora procura de votos. Por iso é salientable o acordo por unanimidade
rexistrado no último pleno do Concello de Pontevedra, no que, entre as
diferentes liortas xa habituais, emerxeu un facho de honradez e honorabilidade.
Unha luz que viña a alumear a aqueles escurecidos pola sinrazón do home e
a fratricida pelexa entre os que ata
unhas poucas horas antes eran simplemente veciños.
Ese acordo municipal xuntou ao Partido Popular, Partido Socialista e a
concelleira non adscrita, María Biempica, co BNG, na moción presentada por este
partido para a restitución simbólica e a realización dunha homenaxe á
Corporación Municipal e aos funcionarios do Concello de Pontevedra represaliados
e destituidos como consecuencia do levantamento militar de xullo de 1936.
Aplausos e loanzas a todos eles, así se fai un pobo, co recoñecemento sen
miopías a un dos feitos más noxentos da nosa historia local.
Aquela Corporación que foi derrubada polas armas fora a elixida
democráticamente polo pobo composta por unha diversidade de partidos que viña a
visibilizar a efervescencia política daqueles anos da República que moitos non
puideron aturar. Ese acto de rebelión colocou no lugar de todos eles a unha corporación
antidemocrática, xurdida do ruido de sables e allea a vontade popular. O pior
foi o que veu despois, o rastro de vileza a través da persecución e a represión
violenta. Foi o tempo do medo e dos silencios esnaquizados polos estouridos ás
ribeiras do Lérez ou dende as ladeiras de A Caeira en forma de disparos que
enchían a sempre apacible atmosfera pontevedresa de arrepiantes sons tras os
cales só as bágoas ás agachadas eran quen de amosar a repulsa e indignación
polo que acontecía.
As eleccións de febreiro de 1936 repuxeron no seu lugar a unha
corporación que fora substituída por una comisión xestora tras os feitos
revolucionarios de 1934, como ben apunta Xosé Álvarez Castro no seu libro
‘Pontevedra nos anos do medo (Xerais, 2013). Estes feitos viñan a evidenciar as
moitas tensións vividas en todo o Estado durante os anos previos ó alzamento
militar, unha clima que facía presaxiar o pior, que foi o que ao final sucedeu.
Eses tempos acubillaron no interior de moitas persoas sentimientos e desexos
xurdidos da frustración e dun odio que derivou nese mes de xullo tráxico.
Aquela coporación do 1936 que Xosé Álvarez Castro, e seguindo a prensa do
momento, a resumía en 19 concelleiros, antimonárquicos, 7 monárquicos e 1
independente conformábase dentro desa xeneralidade con membros dos partidos
republicanos, socialistas, obreiro-agrarios e entre os seus nomes os do
alcalde, Bibiano Fernández-Osorio Tafall; o primeiro tenente de alcalde, Manuel
García Filgueira, quen por ausencia do primeiro exercía naqueles días de
alcalde; Francisco Tilve Rodríguez, segundo tenente de alcalde; Felipe Aparicio
Díaz, terceiro tenente de alcalde; Marcelino Candendo Paz, cuarto tenente de
alcalde; Manuel Gama Casalderrey, quinto tenente de alcalde e o síndico, Manuel
Lorán Montes. Fuxidos, escondidos, multados e embargados os seus bens ou
asasinados como os casos de José Acuña Gallego, detido e asasinado en Ponte
Sampaio, ou Alberto Martínez Tiscar, asasinado en Bueu e fondeado na Ría de
Pontevedra. Eles eran membros desa corporación, pero ao seu carón tamén houbo
compañeiros que, formando parte dela, formaron parte desa mesma represión. Eles
seguirán no esquecemento.
Pero non só foron cargos políticos os que tiveron que someterse a esa
faciana escura, senón que moitos funcionarios do Concello tamén estiveron
inmersos en diversos procesos. Xardiñeiros, barrendeiros, gardas, músicos e ata
o coñecido arquitecto Emilio Quiroga, viron como a súa carreira freouse en seco
e nalgúns casos a súa propia vida foi a que rematou, coma nos casos de Dionisio
González Pérez, subcabo da policía local, ou Juan Milleiro, auxiliar de oficina
ou o músico da Banda Municipal, Raimundo Rodríguez.
Dende o pasado luns estes nomes esquecidos voltarán a estar entre nós co
gallo da homenaxe que se lle renderá como parte dun exercicio de xustiza. Ao
longo do mes de novembro, mes no que a memoria de Pontevedra sempre lembra aos
axusticiados o 12 de novembro de 1936, terán lugar diferentes actos para
achegarse a aqueles feitos.
Non só serán os nomes dos aquí citados senón que hai moitos máis dos que
coñeceremos a súa afouteza nas horas do horror, aquelas que quedaron sumidas no
tempo como unhas páxinas nunca recollidas e visitadas polos que nos
antecederon, pese a estar perfectamente recollidas nas actas do Concello de
Pontevedra, o que amosa a podremia daquela terrible e eficaz represión xurdida
dende o medo que se prolongou no tempo pero que agora ten, por fin, o tempo que
merece.
Publicado en Diario de Pontevedra 26/10/2014
Imaxe: O alcalde de Pontevedra en 1936 Bibiano Fernández-Osorio Tafall (foto cedida pola súa filla Carmen Fernández Arruti)
Ningún comentario:
Publicar un comentario