Máis coñecido polo seu labor
pictórico Antón Patiño mergúllase na poesía cun libro que reivindica o riso
como parapeto ante o que acontece ao noso arredor. Un labirinto no que poesía e
pintura camiñan da man na procura dunha saída afouta.
UN RISO. Unha gargallada que serva para
esculcar a vida. Un riso convertido en palabra, un trazo no papel que, como
unha pincelada, adoita quedar suspendido sobre o folio Pequenos poemas que,
coma haikus entre vales verdes e rías azuis, sintetizan unha maneira de
enfrontarse á vida, de poñerse ante ela coma quen se pon ante un lenzo ou ante
unha páxina en branco. Que máis ten! Falamos de traducir, dende o creativo, unha
existencia na que hai máis cousas fermosas e interesantes das que pensamos,
moitas máis inspiracións das que este mundo noso nos fai crer.
Antón Patiño, ben coñecido pola súa
pintura, pola súa cor e expresividade, capaz de enguedellar unha terra e o seu
sentimento na planitude do cadro, sempre estivo ben preto dos poetas. Nomes
egrexios coma os de Novoneyra ou Carlos Oroza, de versos amplos e horizontes
inabranguibles, oradores da palabra que nos levan a unha nova dimensión do
escrito, como nun trance para acadar un novo plano da existencia. Fuxe diso o
autor desta ‘Teoría do riso’ (Xerais) para condensar en poucas palabras toda
esa territorialidade, para pintar cunhas poucas palabras á condición humana e a
súa relación coa contorna. Desa contorna emerxe esta poesía do mínimo, de
mirala, de palpala, de anotar o que tantas veces nos conta e á que nós, tantas
outras veces, torcémoslle o xesto. Palabras que se botan a un, actitudes que
nos desarman ante a propia condición humana e que o significamos dentro dun
contexto no que pensamos que somos o seu eixo reitor. Dúas nenas na praia
preguntándose se «os peixes non morren afogados». Mans arriba!, iso é o que
somos, perplexidade, inocencia, dúbidas, segredos, respostas que cambalean á
nosa mente ao tempo que se presentan como a fina liña na que humanizarmos ao
cento por cento e liberarmos dos corsés creados durante séculos polo pretendido
progreso.
Nesa liña é na que nesta ocasión dende
a escrita colócanos Antón Patiño para que miremos ao baleiro, para que sintamos
a vertixe da nosa propia presenza ante un mundo no que, alumeando coma fachos,
xorden a natureza e a pintura. Realidades ao tempo que necesidades que precisa
o autor para seguir vencellado a toda unha realidade. "Litoral como
esperanza", "Loito ao redor da lúa", "Reloxo feito de
auga"... e así nunha navegación polo natural, por esas impresións dun
medio tan poderoso que só cunha poucas palabras amósase en toda a súa
grandiosidade; "Fame de cores intensas", "Co riso debuxas
asimetría da utopía", "Berran as cores", "O rostro da
paisaxe"... o pictorialismo da palabra, o verso coma pincelada, a pintura
humanizada e feita alma é a outra parte desa natureza pictórica ou esa pintura
do natural peneirada pola palabra.
Liñas e palabras: "A MÚSICA do mundo:/ coa orella pegada ao chan". A
tradución simultánea dun bulir anónimo e perpetuo. As capas que deixan o lenzo
preparado para o asalto final, un diálogo entre o sentir abstracto e a súa
concreción física nun só trazo. O milagre da creación. O mar dentro dun buraco
na area. Pasamos as páxinas como se fosen ondas que de xeito rítmico chegan ata
a costa, escumas que deixan pequenas burbullas nas que cabe toda a natureza,
todo o verso condensado no escintileo da palabra.
Un percorrido en forma de labirinto,
coma os gravados nas nosas rochas, que nos fai entrar e saír sen máis
pretensións que a de achegarnos un pouquiño máis a nós mesmos, ao que somos e,
para iso, tanto a pintura como a poesía, son os chanzos precisos para tentar
asumir a nosa situación nese percorrido tantas veces flanqueado polo kafkiano.
E iso o entende ben o pintor, ou desta vez o poeta, abrindo e pechando o
poemario, ou ese labirinto, con dúas citas do propio Kafka. Un alfa e un omega
ao que, pese a necesidade do riso, non lle volta a cara este home que pinta coa
palabra e que escribe coa pintura.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 17/01/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario