luns, 1 de febreiro de 2016

1916. Castelao e Miss Ledya

Rue Saint-Antoine nº 170
Cine. O centenario da chegada de Castelao a Pontevedra coincide coa estrea do primeiro filme de ficción feito en Galicia. ‘Miss Ledya’, dirixido por José Gil, conta entre os seus actores cun pequeno papel a cargo de Castelao quen, dende ese ano 1916, permanecería xa para sempre identificado con esta cidade á que levou dentro do seu corazón.



O reloxo da relación entre Castelao e Pontevedra ponse a funcionar en 1916, ano no que o de Rianxo, tras opositar ao corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estatístico, acada a praza na cidade de Pontevedra. Nela residirá ata o comezo da Guerra Civil, en 1936. Pero incluso afastado fisicamente dela, das súas prazas e recunchos, ou dese alento creativo que nela había, o latexo do pontevedrés continuou afouto no seu interior. Dende Bos Aires a pegada pontevedresa acompañouno ata o fin da súa vida. Un sentimento que deixou feito letra nun texto, o do ‘Meu Pontevedra’, que estremece cando un o le e que, precisamente, vai a servir para que ese adagio nostálxico e crespuscular sexa o título dunha gran exposición que o Museo de Pontevedra amosará neste chamado Ano Castelao.
Castelao e o Museo de Pontevedra de novo xuntos. Non pode ser doutro xeito, nunha relación que os leva da man dende a creación do segundo, recollendo o testemuño daquela Sociedade Arqueolóxica coa que Castelao tamén tivo o seu vencello, e que permanecerá sempre ao ser o Museo de Pontevedra o gran custodio do seu inxente legado. Dentro dese legado sobresae, pola súa importancia dentro da historia do cinema en Galicia, un filme, unha curtametraxe de nome ‘Miss Ledya’. 
En 2007 anunciouse a proxección do primeiro filme galego de ficción, Miss Ledya, trala súa restauración a cargo da Filmoteca Nacional e o CGAI, pero nada diso sería posible de non existir unha copia nos fondos do Museo de Pontevedra. Alí, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, José María Folgar de la Calle, deu con ela, sacándoa do esquecemento e poñéndoa en valor dentro do noso patrimonio.
A película estreouse o 3 de marzo de 1916 no Teatro Principal de Pontevedra e posteriormente en Vigo, no Salón Pinacho. Un filme de vinte minutos no que se conta a chegada a Galicia dun multimillonario americano acompañado da súa sobriña, Miss Ledya. A chegada dos reis de Suavia e a presenza dun anarquista que quere atentar contra eles son a outra parte dunha trama que se entrelaza. Rodada no Hotel da Toxa, e con exteriores no Lérez, Monte Porreiro, A Caeira ou Portosanto a película conta entre os seus actores con importantes persoeiros da Pontevedra do momento como Fefa Sandoval, Marina Fonseca, Clara Sobrino, Víctor Mercadillo, Blanco Porto, Isidoro Millán ou o mesmo Castelao, no papel dun pastor protestante. Un pequeniño papel que fixo ao pouco tempo de chegar á cidade e que lle custou algunhas críticas pola súa interpretación. Veciño da protagonista, Fefa Sandoval, preto das ruinas de San Domingos, antes do seu traslado á que sería a súa residencia pontevedresa na rúa da Oliva. Castelao tamén tiña unha boa relación co autor do argumento e o guión, o escritor, e daquela tamén notario en Pontevedra, Rafael López de Haro. A el chegoulle a ilustrar alguns relatos e capas das súas novelas, algunhas de tonos eróticos  e outras nas que non deixaba de todo ben aos galegos, o que fixo que ambos rachasen a súa amizade, como escribe Xosé Enrique Acuña nun artigo sobre a película en A Nosa Terra, recollido no imprescindibel manual ‘Rodado en Galicia’, coordinado por Miguel Anxo Fernández.
Nese mesmo artigo, fálase da importancia desta curtametraxe dirixida polo vigués José Gil, un fotógrafo que tiña amplos coñecementos no mundo da imaxe, un dos pioneiros do cinema en Galicia, e do que Acuña alaba a súa capacidade visual nun tempo no que aínda non se coñecían as achegas que definiron as linguaxes cinematográficos nestas décadas iniciáticas, como podían ser os traballos de Griffith ou os filmes soviéticos.
Este traballo ponnos ao mesmo nivel do que se estaba a facer noutras xeografías do Estado e converte a Pontevedra nun escenario de privilexio para enmarcar unha historia que se presenta dun xeito máis que solvente para a época da que estamos a falar.
Así é como a pegada de Castelao na cidade comeza case polo cinema, pola nova arte que emerxía dende a súa condición de espectáculo para achegarse ao espazo da creación. E desa creación sería da que nos faría partícipes Castelao ao longo da súa vida dende os máis diversos eidos nos que participou. A todos eles teremos que prestarlles moita atención neste ano 2016, o do centenario da chegada de Castelao a cidade que sería parte central da súa inspiración, unha Pontevedra que sería moi diferente sen a súa presenza, unha presenza que comezou, curiosamente, ao outro lado da pantalla.


Castelao. O meu Pontevedra

«Eu vivín longos anos de ledicia en Pontevedra, aferrado a fermosura dos seus arredores, coma quen non pode desprenderse dos brazos mornos dunha noiva. Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida e agora padezo saudades da súa paisaxe, tristuras de non vela e espranzas de retornar a ela»



Publicado no Diario de Pontevedra 25/01/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario