venres, 20 de novembro de 2020

Con forzas de leona

Saga/fuga



NOVEMBRO chega sempre a Pontevedra coas arelas da dignidade, coa misión de erguer a nosa historia para convertela en lección hoxe. Así é como chegan a nós traballos e investigacións que buscan iluminar tantos canellóns escuros do noso pasado. Uns de xeito inconsciente e outros porque a oficialidade fixo por mantelos baixo o silencio que tanto dano fai e que cando se destapa convértese nun estourido que debería facernos espertar da longa noite de esquecemento.

Un dos máis celebrados nas derradeiras semanas é o traballo de Montse Fajardo, incansábel aloitadora pola memoria e os dereitos dos esquecidos e asoballados, arredor da figura de Virxinia Pereira, quen dende a semana pasada sabemos nomeará unha rúa da nosa cidade, esa Pontevedra que tan presente estivo na súa vida e á que tanta adicación e esforzo lle prestou, como veremos máis adiante. Máis que revelador foron as declaracións da veciñanza desa rúa, que ata o de agora levaba o nome do moi dubidoso Juan Carlos I, aludindo a Virxinia Pereira como «a muller de Castelao». Os que coñecían quen era non saían dese fío matrimonial, ese «a muller de» que tanto dano fixo ao longo das décadas dunha sociedade machista que sometía e somete calquera rol feminino ao papel do home.

Entre as moitas virtudes do libro de Montse Fajardo ‘A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira’, está precisamente o de despexar esa néboa arredor dunha muller, que podía ser a que arrodeaba a tantas e tantas mulleres cuxo traballo, esforzo e adicación quedaba sempre orelado ao labor do seu home, cando non invisibilizado ao cen por cen. Lendo as páxinas desta biografía comprobamos como Virxinia Pereira ademais de esposa de Castelao, a quen en vida axudou e moito para que estivese centrado no seu labor profesional e no político, xestionando toda a intendencia familiar, tamén desenvolveu ao longo da súa vida un intenso papel militante na causa do propio Castelao, isto é, a defensa de tódolos valores que singularizaban a Galiza e que permitirán as conquistas sociais, culturais e económicas para o pobo.

Percorremos estas páxinas escritas coa claridade do bo xornalismo, cun caudal enorme de datos, documentos e conexións entre os diferentes protagonistas daqueles tempos luminosos ao principio, entre a esperanza e a ilusión, e que logo se someteron ao eclipse vital que provocou a sublevación militar contra un goberno lexítimo, coa morte de tantos, en especial do seu compañeiro Alexandro Bóveda (un puñal cravado na alma durante toda a súa vida), e un exilio que non fixo máis que facer medrar o amor e o devezo por Galiza.

Así é como camiñar xunto a Virxina Pereira é camiñar xunto ao desexo de acadar unha Galiza que se mova por ela mesma e na que Castelao tivo un papel esencial. Subidos a ese tren que os levou a París arrincan unhas décadas cheas de dificultades que os afastaban, xa non só de Galiza, senón dunha Pontevedra que era parte deles mesmos. Nela quedou enterrado o seu fillo, Alfonso, morto de xeito prematuro en 1928. A dor e outro puñal cravado nos dous, a sumar aos que aínda depararía o futuro. Deixan a súa casa na praza do Concello e múdanse a unha vivenda na rúa da Oliva. Alí, o refuxio, e o dó. A desbordante creatividade de Castelao converteu aquel fogar nun inspirador acubillo. Debuxos, cadros, pinturas, gravados, obxectos persoais, en definitiva, unha vida creada a partir do seu vencello con Galiza e con Pontevedra que tivo que ser abandoado pola doenza do exilio. Pola fuxida e, ao fin e ao cabo, pola sorte que colleu a Castelao fóra de Pontevedra naquel verán do 1936, permitindo a posibilidade da vida. Pero a outra quedou nese fogar da rúa da Oliva, polo que logo Virxinia Pereira empregaríase «con forzas de leona» para materializar o gran desexo en vida de Castelao, que todos eses materiais, alí retidos baixo as gadoupas dos expedientes franquistas, formasen parte do patrimonio da cidade, e así foi como Virxinia Pereira renunciou a calquera tipo de venda, ou transacción económica que sacase beneficio do que era algo innegociábel en base aos sentimentos e elos cunha cidade da que tanto se gabaron alí onde foron. Hai cousas coas que os cartos casan mal.

O Museo de Pontevedra garda esa memoria de Castelao á que agora Montse Fajardo engade un capítulo máis con esta biografía que un le coa necesidade de chegar ata o final, de entender cómo foron as cousas que tantas veces se nos negaron, ou neste caso concreto, mesmo se lle negaron á protagonista, moitas veces sinalada de xeito malicioso por moitos. Cada vez que voltaba do exilio Virxinia Pereira para poñer os pés en Galiza era un xeito de que Castelao puxera os pés na terra, esa terra que motivou tantas cousas, boas e malas, pero ás que é preciso voltar cada mes de novembro para saber de que material estamos feitos.


Publicado no Diario de Pontevedra 20/11/2020

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario