venres, 13 de novembro de 2020

Traballar a memoria



ONTE foi doce de novembro. Unha data prendida con alfinetes no peito da memoria de Pontevedra. Unha dor convertida, grazas as palabras do inesquecible Gonzalo Adrio, nunha actitude de homenaxe e lembranza «sen odio, sen rancor máis co recordo vivo». Así volveu a acontecer onte co acto que nos leva cada ano ata o monumento aos mártires do 12 de novembro pontevedrés cando foron fusilados dez homes inocentes. Asasinados sen razón algunha máis alá das que podían conterse no interior dos que lle temen á liberdade do ser humano. Aqueles ollos do fascismo destruiron, durante demasiado tempo, as vidas de moitos pontevedreses e das súas familias.

Agora tócanos manter ergueito ese facho co que eles alumearon. Un facho de dignidade convertido hoxe en memoria, esa que precisamos para resistir a nosa mirada fronte aos espellos do día a día, para sentir que o seu sacrificio é parte das nosas conquistas cidadáns na actualidade. Traballar a memoria é traballar a nosa dignidade colectiva, de aí que este actos sexan obrigados, como obrigada é toda investigación que se faga arredor daqueles acontecementos que as décadas franquistas someteron a un noxento esquecemento que se converte en covarde cando é a mesma democracia a que se nega a progresar no desenvolvemento das leis de memoria histórica e na resolución dos crímenes e excesos que trouxo consigo o Golpe.

Investigacións que nos levan a observar o que realmente somos e que nos últimos tempos acadaron achegas ben interesantes, como a biografía de Virxinia Pereira, a dona de Castelao, da man de Montse Fajardo; a edición por parte de Alvarellos do libro ‘Aramados’, no que Manuel García Gerpe conta a súa estadía nos campos de concentración franceses; a banda deseñada de Kiko Dasilva, ‘Os berros da motocicleta’, que nos presentará, a finais deste mes da memoria, a historia de Josefina Arruti; ou a descuberta e posta en valor durante o pasado en verán das ‘Estampas do terror’ que o ilustrador Federico Ribas pintou en Bos Aires, ata onde chegara fuxido do seu querido Bueu no que se inspirou para amosar a represión como tamén fixera Maruja Mallo coas súas crónicas publicadas no xornal La Vanguardia.

Ese traballo da memoria recuperou para o noso coñecemento unhas ilustracións que se gardan no Museo de Pontevedra e que poden poñerse en relación coas ilustracións de Castelao, Arturo Souto ou Colmeiro que, nos momentos de máxima violencia, souberon deixar plasmados aqueles feitos para que chegasen a nós. O inquedo colectivo bués, ‘O mar por diante’, co apoio do Ateneo de Pontevedra e o Concello de Bueu, puxeron de relevo, nunhas xornadas celebradas no mes de agosto, unhas imaxes que nos volven a confirmar as capacidades creativas dun dos nosos grandes nomes nese eido do debuxo, a ilustración ou a publicidade, aínda que quizais non de todo ben coñecido, como con tantos valores da nosa cultura. Federico Ribas é quen de conter nesas láminas o terror do ser humano fronte as gadoupas do fascismo, da sen razón humana, da miseria moral que volteou unhas vidas sinxelas e cheas de esperanza que se rodearon de sombras dun día para outro. Os disparos soaron en Bueu, e moitos dos seus, como o propio alcalde Johan Carballeira foi fusilado en Pontevedra, na avenida de Bos Aires en abril de 1937, uns meses despois dos dez nomes que onte lembramos e dende os que seguiremos a traballar a memoria: José Adrio Barreiro, Germán Adrio Mañá, Telmo Bernárdez Santomé, Amancio Caamaño Cimadevila, Víctor Casas Rey, Paulo Novás Souto, Ramiro Paz Carbajal, Luis Poza Pastrana, Benigno Rey Pavón y Juan Rico González.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 13/11/2020

Ilustracións de Federico Ribas. 'Estampas do terror'. Arquivo gráfico Museo de Pontevedra 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario