Saga/Fuga
O 29 DE XANEIRO de 1921 Castelao camiñaba
polas rúas de París a onde chegara tres días antes grazas a unha das dúas
pensións obtidas para coñocer diferentes realidades artísticas da Europa do seu
tempo. Se a segunda das pensións foi a que o levou á Bretaña francesa para
saber dos seus cruceiros en 1929, a que agora lembramos tivo unha duración de
nove meses que lle permitiron coñecer a fondo o que acontecía en París, Bélxica
e Alemaña, no referido ao contido dos grandes museos desas vilas, así como
enfrontarse ás novas correntes artísticas que fixeron de Europa o espazo no que
coincidiu a tradición coas novas vangardas.
O resultado desta viaxe é un caderno
en forma de Diario que se conserva no Museo de Pontevedra e que agora vense de
reeditar por Galaxia, dentro dun primoroso proxecto, a chamada Biblioteca Nós,
coa que se celebra o centenario desa xeración que mudou a visión cultural de
Galicia con protagonistas como Castelao, ou outro pontevedrés de acollida, como
foi Antón Losada Diéguez, ao que se lle adica un volumen cunha escolma de
textos baixo o intelixente título de ‘O esquecido mentor de Nós’.
Pensar en Castelao percorrendo
Europa, fai hoxe xustamente un século, é unha das emocións que latexan ao
manexar este libro que conta cun limiar de Filgueira Valverde no que califica
esta obra tan descoñecida como «un monumento da lingua galega». Por el desfilan
as súas impresións sobre o que se atopaba, tanto no espírito de vilas como
París, Bruxelas, Gante, Berlín ou Múnich, cun Castelao sempre atento á vida da
xente, coma no interior dos moitos museos nos que pasou moitas horas fronte a
obras de arte. Obras que entendía estaba obrigado a ver como parte dese proceso
de formación, de coñecemento do que acontecía fóra de Galicia para poder
enxerilo na súa visión persoal do que tiña que ser a arte da nosa terra, sempre
tan vencellada ao popular. Por iso mesmamente Castelao no Louvre non atopa o
que el procuraba, aquilo que provocara a emoción vencellada ao pobo, unha
magnificencia dos grandes nomes da Historia da Arte que si se converteu en
emoción en Bruxelas fronte aos pintores primitivos.
Cada unha destas páxinas é parte dese
proxecto vital, neste momento tan vencellado ao artístico, e que pouco a pouco
substituíuse polo compromiso político, en boa parte motivado pola perda de
facultades visuais do Rianxeiro, así como polo afianzamento das súas
posibilidades como canalizador das arelas dunha terra que comezaba a espertar e
a reclamar os seus soños comúns.
A chegada desta edición neste mes de
xaneiro tan importante na vida do noso protagonista. Mes no que naceu e no que
morreu, chega xunto con outra boa nova, a da denominación do ata o de agora
Sexto Edificio do Museo de Pontevedra como Edificio Castelao. Se xa é
indiscutible a idoneidade deste bautismo, menos polos que sempre procuran
enlear todo cos fumes da política que tantas veces métense nos ollos e impiden
ver as cousas, percorrer estas páxinas convértese nun motivo máis para sinalar
a pegada artística de Castelao e o que supón achegarse a ese edificio e percorrer
o seu legado, entre o que se atopa este ‘Diario 1921’, que agora incluso terá
que ampliarse en canto a mostrar máis fondos de quen estivo detrás da súa
creación, así como permanentemente atento a súa evolución ata o seu pasamento.
Unha atención que mantiveron no tempo de xeito decidido e agora impagable os
grandes directores deste Museo, Filgueira Valverde e Carlos Valle Pérez,
inmellorables coñecedores do que supoñía Castelao para o Museo e mesmo para a
propia cidade, tan presente tamén nestas páxinas, cunha morriña permanente, e
as citas as ruínas de San Domingos, a Manuel Quiroga ou mesmo
ao "loro" de Perfecto Feijoo.
Publicado no Diario de Pontevedra 29/01/2021
Fotografía. Detalle do orixinal do Diario 1921 (Museo de Pontevedra)
Ningún comentario:
Publicar un comentario