Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás e Mar Vicente enchen a planta baixa do Museo MARCO de Vigo cun fascinante discurso plástico cheo de matices creativos
NON SON bos tempos para o fomento da creatividade. Un tempo escuro cheo de medos que tinxe todo o que nos rodea dunha sensación de desacougo. A arte tampouco é allea a esa situación e mentres os creadores agardan a oportunidade de desenvolver as súas ideas moitas institucións agardan tempos mellores, con máis posibilidades económicas para a reactivación.
O Museo MARCO de Vigo adiántase con este plantexamento non que non busca a recuperación de obras ou o revisitar antigas posibilidades dos protagonistas desta mostra, senón que plantea esta exposición a partir do apoio a ‘4 Proxectos’, activando a diferentes creadores da nosa arte para facer cada un deles unha interpretación dos diferentes espazos, singulares neste centro vigués que foi cárcere e agora é berce de cultura. Da man de Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto no comisariado, Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador/Juan Cidrás e Mar Vicente, son quen de integrar a súa produción máis recente nestes espazos tan concretos, acadando todos eles un brillante discurso con pezas dignas dos mellores museos, ao tempo que volve a significar a importancia dunha serie de creadores que nacidos en Galicia e vencellados de diferentes xeitos á pontevedresa facultade de Belas Artes converten o seu talento en emoción para os que nos achegamos a contemplar os seus traballos.
Mónica Alonso nun espazo circular compón unha especie de cápsula no que illados vémonos rodeados por pequenos paxariños de cores, colibrís, que nos levan a coñecer un relato baixo o título de ‘A maxia do colibrí. 6 casos desesperados’, baseado en historias e rituais máxicos asociados ao colibrí nas culturas precolombinas. Medos, obsesións e frustracións propias do ser humano mergúllanse nesta historia de cores, protagonista sempre da obra desta artista, que nos convida a tomar unha decisión.
Rosendo Cid é un dos creadores que nos últimos tempos amosou unha evolución máis importante na nosa contorna. Atopar un discurso, un camiño, non sempre é sinxelo e Rosendo Cid, sen dúbida, atopou o seu dende unha profunda reflexión do propio feito artístico. Unha discusión permanente do que é a obra de arte, tanto para o creador como para o espectador. O título desta proposta é ‘Todo aquilo que sucede e con todo non é’. Montaxes e collages móvense dende diferentes xéneros e materiais para compoñer un conxunto tan engaiolante como suxerente para un espectador reclamado como parte activa dese discurso.
Salvador Cidrás e Juan Cidrás recuperan o valor do artesanal con ‘As formas partilladas’. Tecidos ou cerámicas plantexan unha mímese coa pintura ou a escultura para intervir nun espazo que non deixa de sorprender ao visitante pola súa interpretación artística e cunhas obras cheas de matices impensables dende materiais como o fío de la no que xorde a mancha e a cor, isto é, a emoción da pintura.
Mar Vicente non queda atrás con ‘Sombras e cor’ incluíndonos como parte dunha obra expandida, dunha multiplicación xeométrica que estuda a forma, neste caso o cubo, e as súas posibilidades discursivas. Posibilidades que medran cando nos propón unha experiencia inesperada dende a luz e a sombra, que aquí se revelan e tamén se rebelan proxectándose nun espazo cautivador e no que se pensa días despois de percorrelo.
‘4 Proxectos’ é, polo tanto, unha activación artística total. Primeiro duns espazos cunha chea de posibilidades que semellan espertar tras a designación de Miguel Fernández-Cid como director dese centro, sentíndose protagonistas da mostra, e, en segundo lugar, destes artistas aos que se lles dota da posibilidade de facer, e iso, hoxe, é o que máis debemos salientar cando estamos necesitados de iniciativas, de empuxóns para que todo proxecto sexa realidade.
Publicado no Diario de Pontevedra 15/04/2021
Fotografías: Obras de Rosendo Cid, Mónica Alonso, Salvador/Juan Cidrás e Mar Vicente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario