sábado, 24 de abril de 2021

Un mundo que remata


Saga/Fuga



MUDAN as nosas cidades como mudamos nós mesmos. Cambios na faciana de rúas e prazas que, como as enrrugas da nosa pel, converten a superficie da urbe nun organismo vivo. Cada vez dun xeito máis intenso asistimos a un mundo que remata, aquel que moitos coñecimos na nosa nenez e adolescencia, como antes lle aconteceu aos das xeracións anteriores e lle acontecerá aos que nos sucedan no futuro, se son quen de afastar a mirada da pantalla do seu móbil e dirixir a súa visión a aquilo que os rodea.

Dende mañá a gasolineira Costa Giráldez pecha as súas portas de xeito definitivo e esa parte da cidade, o remate da rúa Benito Corbal, perderá unha singular testemuña que formou parte da súa identidade e do feito cotiá dos seus veciños. Cando a piqueta faga o seu traballo os que fomos veciños dese predio sentiremos o remate dunha época, o fin definitivo dun tempo de xogos e complicidades que nos acompañaron dende ben cedo nas nosas vidas e cuxos fíos aínda hoxe son unha sorte de resistencia fronte ao paso dos anos e as ausencias que comezan a enchelo dunha inesperada melancolía. Determe un instante a ollar cara ese espazo xa en liquidación lévame a facer unha viaxe no tempo, a lembrar cando as rúas eran un patio de xogos polo que movérmonos cunha liberdade que hoxe arrepiaríalle o corpo a moitos pais e nais. Rúas que se converteron nun mapa da felicidade, o hábitat do intenso sentimento que facía que cada tarde, cada xogo, cada patada a un balón era o único que pagaba a pena na vida.

Xunto as rúas, que xa non eran tal, senón campos de fútbol, pradeiras salvaxes, cidades cheas de polis e ladróns, as persoas e os negocios que enchían de vida aquelas xeografías son parte inesquecible daquel mundo. Veciños, moitos deles cos que un aínda se cruza pola rúa e que che advirten da nosa fraxilidade, de cómo imos esmorecendo e como nós mesmos seremos algún día. Outros xa nos deixaron pero pasar por onde eles estiveron prende a faísca da memoria e do recoñecemento a unha presenza que completou a nosa e non en poucas ocasións nos axudaron a saír cara adiante.

As instalacións de Construcións Porfirio Díz, entre as rúas Lepanto e Javier Puig, eran toda unha provocación a andar ceibes, a movernos entre camións, entre materiais  que se convertían nunha paisaxe exótica onde se permitían os mellores xogos, o bar de Franco coas súas prezadas chapas de refrescos que nos facían emular as mellores etapas da volta ciclista, a pastelaría Dolce Vita, parada obrigada cara o colexio e cuxas cristinas de crema aínda fan que salivemos lembrado aquel sabor. Sabores como os de Caramelos Novás, un paraíso de lamberetadas e onde os sobres de soldadiños de plástico, as buxainas ou as bólas de cores sempre animaban a xornada cando a imaxinación fraqueaba, os Ultramarinos Plácido onde a complicidade de formar parte dun barrio era unha táboa salvavidas cando as cousas non viñan de todo ben e a confianza era a mellor tarxeta de crédito, o taller do pintor Manuel Moldes, que co paso do tempo foi amigo e mestre de tantas cousas, e cuxa luz e vida semellan aínda proxectarse cara ao exterior e que nunca se apagará, a Farmacia onde Moncho sempre che botaba unha parrafada a carón dunha caixa rexistradora abraiante, o chalet de Fontaíña que se erguía como un castelo noutro deses espazos máxicos, o supermercado de Javier Puig que foi Kanguro e agora é Froiz, recunchos nos que a vida se movía a través os ollos dunha infancia na que todo era descubrimento baixo esa sensación de que non había nada máis alá daquel día.

Costa Giráldez foi un deses ámbitos máis singulares, xa que o tempo enguliu aquel servicio que cando se montou estaba na carretera cara Ourense e acabou formando parte da mirada diaria dun barrio que non deixaba de medrar ao seu arredor, acollendo a máis e máis veciños en novos edificios que eliminaban aqueles pequenos negocios que xa eran parte de nós. Os seus traballadores, con Gerardo sempre en primeira liña de combate, eran unha estampa inesquecible. Unha arquitectura que nos fala doutro tempo e doutras necesidades para a cidade dende a súa instalación en 1951. Setenta anos son moitos para calquera negocio, unha resistencia fronte ao paso do tempo e as crises que danaron todas as economías. Agora o futuro dese inmoble plantéxase a través dun Gadis que todo semella adaptarase a un espazo tan particular e a unha arquitectura que, abofé, terá elementos a conservar. Do proxecto encargarase a arquitecta Teresa Táboas, a sensibilidade e o bofacer na súa profesión son toda unha garantía para esta nova etapa na vida dun barrio no que a vida pasa como pasamos nós, pero no que sempre se manterá esa complicidade entre os que por el nos movemos.

Nunca está de máis volver a vista atrás para saber realmente quen somos e que é aquilo que pagou a pena neste mundo que non deixa de mudar.




Publicado no Diario de Pontevedra 23/04/2021

Fotografía. Dúas empregadas de Costa Giráldez en 1963 (Camilo Gómez. Arquivo gráfico Diario de Pontevedra)

Ningún comentario:

Publicar un comentario