Foguetes Verdes
Xela Arias, xunto ao músico Alberto Conde, fixeron da nosa cidade o único lugar onde a súa colaboración se puido levar a cabo ante o público co gallo das Letras Galegas de 1999
Dise que o destino é antolladizo. E dise ben. O pasado Día das Letras Galegas celebrouse en Pontevedra un fermoso acto no corazón da cidade, na praza da Ferraría, na lembranza dunha muller, Xela Arias, que fixo da súa poesía rebeldía e paixón, pero sobre todo un xeito de posicionarse fronte ao mundo e fronte á sociedade.
Nese serán, da boca de poetas como Tamara Andrés, Miriam Ferradáns ou Elvira Ribeiro soaron as súas palabras ao tempo que as pombas axitaban as súas alas cando as campás da Peregrina tremeron no ceo. Pero como diciamos o tempo é antolladizo, e os seus caprichos son os que nos lembran hoxe outro día das Letras Galegas, celebrado en Pontevedra, desta vez en 1999, ano adicado ao xornalista e escritor cuntiense Roberto Blanco Torres e que contou con Xela Arias e a música de Alberto Conde fronte a un numeroso grupo de escolares da ESO e, casualmente, a un par de metros de onde o día 17 lembramos a Xela Arias.
A previsión para ese acto, celebrado o 13 de maio e organizado polo Concello de Pontevedra coa colaboración da Consellería de Cultura, anunciaba a súa celebración na praza da Leña, pero o tempo semellaba non acompañar e a lóxica fixo que ante a posiblidade de chuvia se acubillasen os participantes na zona de soportais da próxima praza da Ferraría. Alí, e como vemos na fotografía de Miguel Vidal, Xela Arias estivo acompañada polo músico Alberto Conde, co que levaba traballando uns meses para musicar os seus poemas baixo o título de ‘Intempériome’, título do que finalmente sería o seu derradeiro libro publicado en 2003, tan só uns poucos meses antes do seu inesperado pasamento en novembro dese ano. Un tempo de traballo que confirmaba a teima de Xela Arias por integrar diferentes territorios artísticos. Fíxoo coa fotografía da súa parella Xulio Gil no abraiante ‘Tigres coma cabalos’ e como non, tamén coa música, a súa outra gran paixón, xunto coa palabra e a escrita, de aí que en non poucas ocasións a música se enguedellase coas súas poesías en recitais ou proxectos xunto a nomes como os de Antón Pulido Cid, Fernando Abreu ou o propio Alberto Conde, quen lembra a súa colaboración con Xela Arias «ao longo da segunda metade do ano 1998, na que fixen unha composión musical en tres partes, que se correspondían coa división en tres bloques do poemario ‘Intempériome’, e que soamente se puido representar en Pontevedra, aínda que houbo unha posibilidade de levarse a Salamanca, pero a gravación do meu disco ‘Celtrópolis’ en Madrid, que Xela Arias acompañou cunha poesía de presentación, fixo imposible aquel feito, deixando a Pontevedra como o único lugar no que esa colaboración se levou a cabo ante o público en forma de recital concerto».
Alberto Conde recupera as súas sensacións no traballo con Xela Arias: «Era unha muller moi esixente, sobre todo con ela mesma. Traballou moito en canto á aprendizaxe de técnicas vocais para facer medrar a voz, xunto ao director teatral Maximino Queizán. Tiña moito interese en facer posible que a súa poesía fose interpretada en directo, quería comunicarse co público e non quedarse nunha autora que soamente escribise. Gustáballe o espectáculo, a actuación e a comunicación directa co público, de feito estivo moi vencellada ao Festival de Poesía do Condado e tiña a poetas como Carlos Oroza ou Carme Cruckenberg, coa que tamén traballei, como referentes nese terreo da expresión. Era unha poeta comunicativa».
O pasado seis de maio levouse a cabo nun concerto no Teatro Colón da Coruña a representación coa Big Band do Conservatorio da segunda parte de ‘Intempériome’, ‘Corazón cuestión’, coa voz de Luis Cuntín, unha gravación que se publicará en novembro. O que si se vén de editar por Xerais, nun marabilloso estoxo, é a voz de Xela Arias baixo a dirección de Fernando Abreu, con quen traballou tamén para musicar ‘Intempériome’, pero a súa morte detivo o proceso sen chegar ao remate e sen a posibilidade da súa representación pública, como sucedera en Pontevedra. Alberto Conde sente «a mágoa de que non se chegara a gravar». Unha xornada que lembra con moito agrado polo que significou para ambos. «A resposta do público foi moi boa e quedamos satisfeitos por como saíra e o celebramos indo a comer. O recital entendímolo como un éxito», afirma o músico.
Vintedous anos despois as palabras de Xela Arias volveron a ese mesmo escenario, no que tamén houbo música, grazas ao concurso ‘X Xela’ que lle puxo música, dende a adaptación feita polos tres conxuntos finalistas, de diferentes poemas da autora nun deses antollos que só o destino é quen de argallar
Publicado no Diario de Pontevedra 27/05/2021
Fotografía. Recital concerto de Xela Arias e Alberto Conde na praza da Ferraría de Pontevedra en 1999 (Miguel Vidal)
Ningún comentario:
Publicar un comentario