domingo, 18 de xullo de 2021

Que hostia din os rumorosos?

 

Saga/Fuga


REMATABAN os anos setenta e as fiestras da liberdade comezaban a meter osíxeno na sociedade. As escumas do mar rebelábanse ante a doma á que estivemos sometidos baixo o xugo franquista e, ao tempo, en diferentes ámbitos comezou a agromar a sensación de conquistar un espazo que precisaba de manifestacións artísticas para completar ao ser humano. Vigo foi unha desas cidades punteiras nestas conquistas, a ‘movida’ que xorde naquel intre fixo de pintores, escritores ou músicos unha sorte de comando que activou o que tanto tempo estivo durmido ou, cando menos, agochado e afastado das nosas rúas e prazas.

Atlántica na pintura, os grupos musicais da movida ou o Grupo Rompente, adicado ao berro da palabra, tinxiron de modernidade todas aquelas sombras que encheron uns tempos que tampouco foron sinxelos pola axitación social e laboral, no que a reconversión industrial fixo todo máis complexo e cheo de espiñas.

Máis de corenta anos despois unha parte de todo aquilo volta á mobilización, a berrar de novo dende a acción creativa. É o regreso dun grupo insurxente que con cabelos brancos ou sen eles e engurras nos seus rostros atrévense a dar un paso adiante para poñer colorados a moitos dos que seguen ou seguimos cos brazos cruzados, mentres o mundo, o de alí e o de aquí, vaise caendo a cachiños. Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño suman a creatividade plástica de Menchu Lamas e Antón Patiño, xunto cun prólogo de Julián Hernández, a unha proposta que a editorial Elvira converteu nun abraiante libro artístico no que poesía e pintura compoñen ‘Que hostia din os rumorosos’, un relato beat, un desafío inmersivo para o lector que será espectador nos recitais e accións públicas que se levarán a cabo para axitar este esmorecer xeral no que estamos cada vez máis afundidos.

Tres propostas poéticas que navegan por cadanseu mar pero xuntos forman un novo oceano, ao que Menchu Lamas e Antón Patiño outórganlle unha potencia visual que retroalimenta a palabra e a enche de posibilidades. Buginas duns e doutros que non deixan de provocar ecos, de converterse en preguntas cara nós mesmos, na emisión dun S.O.S. que nos fala de que cada vez estamos máis sós e para saber quen somos en realidade? cal é a nosa proposta máis alá do silencio, de baixar a cabeza, da obediencia, da derrota. Manuel M. Romón escribe: «no mudo silencio das miradas»; Alberto Avendaño di: «Éche egoismo» e Antón Reixa afirma: «Mirar é furar a vida». Todos eles non fan máis que botar boias a agua para darnos unha posibilidade, a capacidade de suxeitarnos a esas palabras e ás que as rodean para que sexamos quen de activar o acto máis revolucionario que se pode facer hoxe: PENSAR.

«Fóra as vosas sucias mans de Manoel Antonio», exclama Julián Hernández nun prólogo que non é prologo, senón unha rabuñada nas costas, o espertador para os que non saen dunha espiral hipnótica de tempos pasados e queren subirse a un paquebote equivocado, no canto de mollar os pés en augas de ousadía, progreso e modernidade.

Cada unha destas páxinas, a modo de hapenning, son unha expresión individual que alude ao colectivo, á necesidade de explicarnos, unha necesidade que é a mesma de cando todo comezaba e cando tantas preguntas estaban aínda por facer.

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 9/07/2021

Fotografía: Presentación en Vigo de Que hostia din os rumorosos? cos seus protagonistas (José Luiz Oubiña)


Ningún comentario:

Publicar un comentario